18.3.11

PRIMEIRAS IMPRESIÓNS DE "KITARO"


Era inevitable: comezamos esta sesión do clube de lectura falando do terremoto (e das consecuencias do mesmo) que tivo lugar recentemente en Xapón.Como non íamos comentar o enorme impacto causado por este dantesco acontecemento, cando estamos a ler un manga dun autor moi recoñecido neste país: Shigeru Mizuki...
Despois diso, compartimos as primeiras impresións dos capítulos que nos correspondía ler. Estas son as descricións que fixeron da lectura:
- "Fantástico en todos os sentidos" (Natalia)
- "Irreal" (Lidia)
- "Interesante" (Pilar)
- "Místico" (Oliver)
- "Desconcertante" (Rosa)
- "Misterioso e interesante" (Estela)
- "Impactante" (Borja)
Falamos das lendas xaponesas que aparecen no cómic, do que máis nos chamou a atención, da cultura e o carácter dos xaponeses… Fixémonos preguntas: É bo ou malo Kitaro? Pode a vinganza ser propia das boas persoas? Foi unha reunión tan amena que ao final dela queríamos continuar comentado máis cousas, que fose máis longa a sesión…
As citas, complementarias entre si, e ambas de Nietzsche, esta vez foron as seguintes: "Se puideses razoar con homes de fe non habería homes de fe" e "A razón remata onde comeza a fe".

14.3.11

Rematamos "O pintor do sombreiro de malvas"

Esta mañá comezamos coas conclusións a O pintor do sombreiro de malvas: en xeral todas as participantes estaban satisfeitas co libro excepto Paula, á que non lle gustou que o narrador e Adeline non remataran o seu namoramento xuntos.
Falamos do título da novela e da relación entre este é a pasaxe que nos describe a Vincent cando chega a Auvers (cun sombreiro cheo de flores malvas); as chicas non estaban de acordo sobre a saúde mental do pintor, para a maioría está tolo pero para Sonia ve as cousas entre cores e pinceis, doutra maneira.
Lemos sobre a vida de Vincent Van Gogh e comparamos os feitos cos que acontecen na novela comentando as similitudes, que non son poucas, é polo tanto unha novela biográfica da etapa final da vida do autor, comparten elenco personaxes reais e ficticios.
Non teñen moi claro porque o rapaz abandona a Adeline pero saben que a morte de Vincent tivo moito que ver nesta decisión do protagonista.
Na seguinte sesión ampliaremos estas conclusións e publicaremos os nosos comentarios neste post.

Se premedes no seguinte enlace poderedes ver un vídeo explicativo da exposición "Los últimos paisajes" que, sobre os últimos cadros pintados por Van Gogh en Auvers, realizou o museo Thyssen- Bornermisza  e que ten moita relación coa novela de Marcos Calveiro: