26.1.14
As nosas lecturas do 2º trimestre
Etiquetas:
club de lectura,
lecturas compartidas
CIRCE OU O PRACER DO AZUL de BEGOÑA CAAMAÑO
A nosa lectura para o club de 4ºde ESO neste trimestre é a novela de Begoña Caamaño: Circe ou o pracer do azul.
Sensibilidade, feminidade e feminismo, o romanticismo da mitoloxía clasica, o heroe, a beleza e o lirismo da linguaxe, a recreación literaria realizada con arte e respecto polo texto orixinal, a fermosura, os sentimentos, a tradición, a amistade, a fidelidade... son todos eles trazos que podemos atopar nesta obra.
Dúas mulleres que se encontran na vida xirando arredor dun home Ulises e que nolo presentan desde vivencias moi diferentes; unha profunda amistade que se vai tecendo entre elas a través das súas epístolas. A maxia, o amor, o pracer misturados coa tradición literaria envólvennos coa sensibilidade feminina e feminista das dúas personaxes principais.
A beleza no tratamento da linguaxe, a delicadeza e o lirismo, a riqueza da escolla léxica fan desta novela unha obra de arte.
Todos os elementos homéricos están presentes na obra: a beleza de Circe, a longa espera de Penélope, o tear no que a dona de Ulises tece e destece pero o centro da trama non está no heroe senón nas súas mulleres e arredor delas o profundo azul do mar que as separa e as achega.
Ao longo das postas en común iremos comentando a evolución das personaxes e a relación que se establece entre elas.
Etiquetas:
begoña caamaño. odisea,
circe,
literatura galega,
mitoloxía clásica,
penélope,
ulises
Suscribirse a:
Entradas (Atom)