Mostrando entradas con la etiqueta teatro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta teatro. Mostrar todas las entradas

26.4.15

Sesión final de “A RATEIRA”


Esta semana, no club de 2º de ESO tivemos a posta en común final de a obra de teatro “A Rateira”, valoración moi positiva a dos rapaces e rapazas, animados a ler máis obras de teatro (resultoulle unha lectura fácil e moi áxil) e máis obras policíacas.
Pero é mellor que os escoitedes a eles:



Agora só queda que as asasinas nos inviten a “gusanitos”.

21.3.13

IMOS AO TEATRO: ROMÁNTICOS


Na xornada de onte e como colofón á interminable semana de exames, dentro do marco do Salón do libro asistimos á representación da obra "Románticos".

A peza teatral de Mofa e Befa, Quico Cadaval e Piti Saez presenta un percorrido polos autores e personaxes máis importantes do movemento romántico coa fin de desmitificar o término "Romantismo".

En clave de humor, sobre a escea atopámonos con Lord Byron, Rosalía, Espronceda, Allan Poe e  outros, acompañados de personaxes "románticos" por excelencia como o toureiro de Carme, o Holandés errante ou Cirano de Bergerac que nos roubaron sorrisos e gargalladas.

Hoxe puidemos reflexionar sobre a obra, o papel dos actores e a súa versabilidade, narración e diálogo, a mistura de teatro culto e teatro popular, a escenografía, o tratamento do tema... e canto máis falabamos máis encantados estabamos da obra - coma cando falamos dos libros- realmente todos e todas quedaron moi satisfeitos do espectáculo, tanto que xa queren repetir.

Relaxámonos e gozamos da obra, aprendemos e lembramos; vede aquí o relato en imaxes:


Imos ao teatro: Románticos on PhotoPeach

17.3.12

OS TRASNOS DOS LIBROS (2º BACH.) FOMOS AO TEATRO


Onte pola noite, un pequeno grupo dos trasnos de 2º de bacharelato asistimos á representación teatral da comedia PELOS NA LINGUA posta en escea pola compañía TALÍA TEATRO.

Moitas gargalladas e bo ambiente acompañáronos durante a obra; desde o mesmo inicio divertímonos cos sketches que esaxerando os tópicos sobre usos e abusos da lingua galega (non por tópicos menos reais) achegábannos a esceas esperpénticas relativas aos prexuízos lingüísticos.

Os nosos trasnos gostararon da obra, os seus sorrisos á saída falaban do disfrute, agora xa menos emocionados deben facer unha profunda reflexión sobre os valores e as actitudes cara a lingua de moitos galegos,  postas de manifesto na obra.


En breve iremos publicando as opinións individuais dos nosos trasnos sobre a obra:

PATRICIA:
A min a obra gustoume moito, porque ademais de ser divertida e moi entretida , fainos  sair do teatro reflexionando sobre o que faremos mal para que o galego se atope nesta situación e qué poderiamos facer nós para solucionalo.Tamén penso que o traballo dos actores ten moito valor, porque é moi difícil cambiar de personaxe tan rápido.
JOSÉ ANTONIO:
A miña valoración da obra é positiva. A obra foi orixinal, pero non no sentido de innovadora, senón que soubo adaptar moi ben os tópicos sobre o galego e a situación de Galicia pero desde outro punto de vista menos serio e máis humorístico. As reflexións que se fan na obra da situación coa lingua galega son bastante significativas e a ter en conta.  

4.3.11

CITIZEN de Cia CHEVERE: os clubes de lectura fomos ao teatro.

Para ir saboreando o inicio do antroido, os clubes de lectura ao completo asistimos a posta en escea de CITIZEN do grupo Chévere de teatro no marco das actividades do salón do libro.
A obra conta só con dous actores, Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés que actúan como narradores e como personaxes da historia (Sara C. e A.O.), da súa man  situámonos en novembro de 1975, no momento da morte de Franco; este feito serve como marco histórico de partida e como elemento de unión entre a película Cidadán Kane de Orsson Wells e a historia que se narra, a entrevista que Sara fai ao empresario galego A.O.
A obra desborda ironía e unha chea de críticas veladas pero explícitas de: Globalización, sistema económico, explotación do traballador, explotación do consumidor, o papel da muller, a política xuvenil dos fins dos 70 e mesmo es relación de home-muller.
A posta en escea combina o traballo dos actores (impecable) coas proxeccións dos vídeos de anuncios publicitarios da época, os diferentes enfoques das gravacións dos propios personaxes (distintos puntos de vista en imáxenes e en ideoloxías); a música (o eterno "Bela sen alma" de Richard Cocciante que a tantos xoves do momento namorou e que serve de marco ao encontro amoroso dos personaxes), os cambios de luz e de localización dos actores suplen os cambios de escenarios ou personaxes...
Quizais moita información para un publico adolescente do século XXI que descoñece case todo dos anos do fin da dictadura, para moitos foi todo un descobremento; si que identificaron o estilo dos comercios Zara, -coa descrición que os actores fan da tenda- e ao seu fundador A.O.
Unha sesión nas súas palabras moi aproveitada, gozamos da obra e de poder compartila e comentala logo entre tod@s.

19.2.11

O grupo do clube de lectura vai ao teatro!

 Con motivo do XII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra fomos ao teatro a ver Alicia & Alicia de LA Producións Artísticas. Tratábase dunha adaptación contemporánea da obra clásica de Lewis Carroll. A saída houbo un intercambio de críticas e reflexións sobre a obra. Neste día tivemos unha nova experiencia na que todos exercitamos o noso espírito crítico e analítico.







30.5.10

FOMOS AO TEATRO


O pasado xoves, 27 asistimos á representación da adaptación da obra de Darío Fo: "Os pintores non teñen lembranzas", posta en escea pola compañía de afeccionados ao teatro " Grupo Argallada".

Moitos risos e gargalladas nesta peza cómica, aquí tedes unha pequena mostra:




5.11.09

OS TRES CLUBES DE LECTURA NO TEATRO!


Aquí tedes unha foto dos alumnos dos clubes de lectura sentados nas escaleiras do auditorio de Cangas!

A semana pasada estivemos no teatro disfrutando da obra denomida Comedia bífida, de Manuel Núñez Singala, que representou a compañía Bicodobrelo teatro. Algúns alumnos xa viran a obra de teatro, pero representada por profesores do IES de Valle Inclán. Así, coincidían en resaltar que as dúas versións tiñan cousas boas. En xeral, a obra gustoulles.
Despois da obra a Editorial Galaxia obsequionos cun libro para cada un dos asistentes do mesmo autor de Comedia bífida que se titula En galego, por que non?

20.5.09

ASISTIMOS Á REPRESENTACIÓN TEATRAL DE "COMEDIA BÍFIDA"


Para completar a lectura de obra de teatro, este venres asistimos á posta en escea da nosa comedia. Estabamos no Teatro Principal de Pontevedra as coordinadoras dos Clubes de lectura en galego e de banda deseñada e a profe de teatro Xulia. Xuntamos ás chicas dos dous clubes e elas invitaron a algúns dos seus amigos, un bo grupo para rir a cachón como o fixemos coa obra. Gustounos moito a adaptación que o grupo de profesores do Valle Inclán fixo e por suposto a posta en escea, comentamos que para ser un grupo de teatro de afeccionados todos eles parecían verdadeios pofesionais.

Rematamos a saída cunha coca-cola en boa compañía. Repetiremosssss.

4.5.09

2ª sesión de COMEDIA BÍFIDA

Esta mañá tivemos a nosa segunda sesión de Comedia Bífida, correspondeunos o xuízo a Diña e a Elideo que nos fixeron reflexionar sobre o uso de distintas linguas no seo da mesma famila (non lle ven ningún problema para a relación da familia) e sobre se debemos cambiar ou non de lingua por educación (como no caso do médico).

Na vindeira sesión xulgaremos as actitudes lingüísticas de Lina e Lana.


Lemos tamén o primeiro poema de Lucía Novás que nos acompañará o día 29 de maio para impartir ao club un taller de poesía. Aquí está un fragmento do poema, lembrade que prometestes o comentario:

Sábeme

a túa pel tersa

a centeo das rochas

acugulado de aires oceánicos, vendavais, brisas suaves

e círculos perfectos de aves atlánticas.


Percorrendo cobizosa o teu corpo,

atopo buguinas nacaradas nas túas axilas,

sabores a sal, deliciosas algas,

nádegas incríbeis e nadadoras,

columna vertebral elástica e fragante, movementos amplos,

palpitares intensos.

6.4.09

COMEDIA BÍFIDA



Este trimestre imos disfrutar do mundo do teatro da man de Nuñez Singala que nos ofrece esta obra, Comedia bífida, na que a cuestión da lingua é o tema central: unha comedia baseada na fala das xentes da rúa, o trato que nós, os galegos lle damos á nosa lingua; un xuízo aos nosos prexuízos e quen menos para xulgarnos que San Pedro (barba banca), Luci (un demo de sexualidade dubidosa), un arcanxo (parvo celestial), os anxos (querubíns e serafíns ...sen sexo) e un Deus (omnipresente e potente).
Os nosos representantes: unha señora de 40 anos (Dina), un paisano, dúas siamesas (Lina e Lana), un empresaio (Pepe).
Cal será a sentenza do xuízo pola nosa lingua?????
(1ª sesión ata a páxina 40, vémonos o xoves 17).