28.2.13

Farenhaith 451. Club de lectura 2º Bach. grupo A.

Esta mañá tivemos a primeira sesión "seria" despois do lapsus do entroido co grupo de 2º de bacharelato A que traía lida a primeira parte de Farenhaith 451; estas son as súas impresións e comentarios:
A Alberto sorprendeulle o protagonista xa que esperaba que non seguise as regras e fose máis rompedor, Montag segue fielmente o que din os seus superiores, está orgulloso do seu uniforme.
En xeral pensan que os dirixentes da sociedade da obra queren manter ao pobo na ignorancia e relacionan a obra coa novela que leron anteriormente 15704 de Xesús Constela e mesmo con Los juegos del hambre e coa actualidade.
Din que queimar libros é un efecto anacrónico, os dirixentes intentan manipular as mentes do pobo como sucedeu ao longo da historia mesmo coa Igrexa. Para eles o autor enmarca a súa sociedade nun futuro e visto o que acontece se non paramos a queima de libros, o rexeitamento do coñecemento, vannos converter en títeres.
A respecto da rapaza din que representa o descontento, o inconformismo, ela despreza o traballo do bombeiro, simboliza a liberdade permanente e pode converterse máis adiante  no detonante da realidade.
Ambos son antagonistas pero pode haber comunicación entre eles.
Brais di que a rapaza pode cambiar o mundo, pode chegar a ser o xermolo da revolución.
Respecto da muller do bombeiro din que é froito dunha relación desgastada e é infeliz, está avocada ao suicidio; relaciónana cun personaxe de Plenilunio.
O xefe de bombeiros representa para eles a autoridade e a superioridade aínda que pensan que el a súa vez está manexado polos de arriba.
Conclúen que na novela hai unha compoñente filosófica, relacionan a queima de libros coas queimas de bibliotecas como a de Alexandría (O libro das alquimias) e a falla de liberdade e a idea de que todo o coñecemento non vale nada.