25.5.09

VISITOUNOS BALI RAI: O MULTICULTURALISMO






Está mañá visitounos BALI RAI, autor inglés da novela "Un casorio ben mal amañado". O encontro foi moi interesante non só porque se desenvolveu en dúas linguas (galego e inglés) senón pola visión que Bali Rai nos transmitiu da sociedade en Gran Bretaña (nada que ver coa idea tradicional que temos dos ingleses).
O autor é un claro defensor da MULTICULTURALIDADE, el di que escribe para todo o mundo , non para grupos específicos de xente; os políticos británicos non poden falar de multiculturalidade porque non a viviron, el quere escribir novelas que lle poidan gustar e el (indio), aos seus amigos (xamaicanos, negros, blancos...).
Ser británico é pertencer a moitas culturas distinta, a cultura non é algo sólido, recibe a influencia de todas partes do mundo...

A "young people" ten que ler o que queira.
Posted by Picasa

23.5.09

UNHA DEDICATORIA DE DAVID RUBÍN PARA AS CHICAS DO CLUB DE LECTURA DE BANDA DESEÑADA!


David Rubín dedicou unhas palabras ás chicas do club de lectura. Aí van:

Ola!

Antes de nada, quería vos dar as gracias por ler a miña obra, pois a lectura -e a relectura- é o que mantén vivos os libros.

Agardo que desfrutárades lendo "La tetería del Oso Malayo", para min foi toda unha aventura levar a cabo este libro, deixei moito de min nel, é coma un anaco do meu corazón, por iso éncheme de ledicia cada vez que alguén abre as súas tapas e faise partícipe das alegrías, os medos, a paixón e a desesperanza que eu volquei nesas páxinas.

Se xa sodes lectoras habituais de tebeos agardo que esta lectura a gardedes na mente e no corazón durante moito tempo, se polo contrario "La tetería..." foi o voso primeiro achegamento o mundo do cómic desexo que fora para vos unha experiencia pracenteira e que quedarades con gañas de repetir, tanto lendo outras obras miñas coma calquer outro dos maravillosos tebeos de calquer outro autor que hoxe en día podedes atopar con facilidade.

Mil gracias por camiñar da miña man nesta aventura, a tetería de Sigfrido estará sempre aberta para vos.

Un bico!

David Rubín.

Moitas grazas David! Fíxolles moita ilusión.
O último día do club de lectura foi moi distendido: parecía que houberamos quedado para tomar un café. Ademais da charla amable e agradable (sobre David Rubín, sobre o seu libro, sobre citas e demais...) coma sempre, trouxeron unhas frases famosas: “Choramos ao nacer porque vimos a este inmenso escenario de dementes” e “Quen ben che quere, farache chorar”.
Grazas a todas as compañeiras do club de lectura polos ratos tan estupendos que pasamos nas nosas reunións ao longo deste curso.

20.5.09

ASISTIMOS Á REPRESENTACIÓN TEATRAL DE "COMEDIA BÍFIDA"


Para completar a lectura de obra de teatro, este venres asistimos á posta en escea da nosa comedia. Estabamos no Teatro Principal de Pontevedra as coordinadoras dos Clubes de lectura en galego e de banda deseñada e a profe de teatro Xulia. Xuntamos ás chicas dos dous clubes e elas invitaron a algúns dos seus amigos, un bo grupo para rir a cachón como o fixemos coa obra. Gustounos moito a adaptación que o grupo de profesores do Valle Inclán fixo e por suposto a posta en escea, comentamos que para ser un grupo de teatro de afeccionados todos eles parecían verdadeios pofesionais.

Rematamos a saída cunha coca-cola en boa compañía. Repetiremosssss.

12.5.09

SESIÓN de POESÍA no club de lectura en galego:




Na sesión de hoxe abandonamos o teatro e a narrativa para introducirnos no mundo da lírica da man do profesor Pablo Viqueira.

Moitas das chicas e as súas invitadas desexaban entrar nese mundo de "SENSACIÓNS, que lle serve ao poeta para exteriorizar o que ten dentro, os sentimentos, as emocións..." en palabras do profesor Viqueira quen, ademais de regalarnos un fermoso poema de Uxío Novoneyra, deunos un consello: " Lede a lírica sen escrúpulos, buscade as SENSACIÓNS".

Ballet da nena / Lugo 1957

Donde che vén a túa tristura
-coor dos teus ollos e son do teu xeito-
Cas maos máis lenes
recóllela d´iles, déixala no aire e fuxes.

Mais, antes que pase o intre,
volve cair en ti
que xiras, xiras, sin poder saír do circo que te pecha.

Novoneyra, Uxío "Tempo de elexía"

9.5.09

Está gustando moito o libro de David Rubín!



Hoxe temos que comezar dándolle a benvida a dúas compañeiras máis ao club de lectura! A frase da reunión do venres suxeriuna unha delas e é de Teresa de Calcuta: “Ás veces sentimos que o que facemos é tan só unha pinga no mar, pero o mar sería menos se lle faltara unha pinga”.
Mais vaiamos o libro de David Rubín La tetería del oso malayo... esta vez a todas estalles a gustar. Falamos do estilo da obra, dos personaxes, das distintas historias de amor e desamor, dos relatos de sentimentos universais, de que o oso malayo é un bonachón, de que un podía identificarse con algúns personaxes, das historias que máis lles chamaron a atención, do chisco que fai David Rubín a Daredevil e do propio David Rubín.

Isto da de si e continuará...
Ata a próxima!

4.5.09

2ª sesión de COMEDIA BÍFIDA

Esta mañá tivemos a nosa segunda sesión de Comedia Bífida, correspondeunos o xuízo a Diña e a Elideo que nos fixeron reflexionar sobre o uso de distintas linguas no seo da mesma famila (non lle ven ningún problema para a relación da familia) e sobre se debemos cambiar ou non de lingua por educación (como no caso do médico).

Na vindeira sesión xulgaremos as actitudes lingüísticas de Lina e Lana.


Lemos tamén o primeiro poema de Lucía Novás que nos acompañará o día 29 de maio para impartir ao club un taller de poesía. Aquí está un fragmento do poema, lembrade que prometestes o comentario:

Sábeme

a túa pel tersa

a centeo das rochas

acugulado de aires oceánicos, vendavais, brisas suaves

e círculos perfectos de aves atlánticas.


Percorrendo cobizosa o teu corpo,

atopo buguinas nacaradas nas túas axilas,

sabores a sal, deliciosas algas,

nádegas incríbeis e nadadoras,

columna vertebral elástica e fragante, movementos amplos,

palpitares intensos.

28.4.09

"A PRAIA DOS AFOGADOS" DE DOMINGO VILLAR

Adiantámonos á presentación editorial da nova novela de Domingo Villar protagonizada polo noso inspector Leo Caldas en primicia para o IES de Poio: "A praia dos afogados"
" Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata unha praia da vila de Panxón, na ría de Vigo. Ten as mans atadas cunha brida de plástico... Leo Caldas tenta clarexar o crime no ambiente mariñeiro. Un caso difícil pola situación persoal do noso inspector e arroutadas de Rafael Estévez tampouco lle poñen as cousas fáciles. Cincocentas páxinas para unha esulca na memoria e nas ilusións fanadas.
Rescaldo...pendente...abordar...cinguir...tropezar... son as palabras que Domingo Villar nos regala nos cinco primeiros capítulos seguindo a técnica do seu primeiro libro.

"... o timbre do teléfono móbil do inspector comezou a soar, e Leo Caldas suspirou profundamente ao ler o nome de rafael Estévez na pantalla.
(...)
-Aínda estou no porto este.
- Co afogado?
- Parece que o axudaron a afogar.
- E logo?
- Ten as mans atadas."
-(...)
- Puido facelo el mesmo- apuntou Leo Caldas.
- Non inspector. Non me pregunte por que, pero o forense cre que ese home nin se suicidou nin morreu pescando troitas.
-Troitas no mar hai ben poucas- dixo Caldas lacónico.
- Vostede xa me entende.

26.4.09

Club de lectura de banda deseñada: algunhas das tiras que nos gustaron.

Estas tiras de cómic son algunhas das moitas que lles gustaron ás compañeiras do club de lectura de banda deseñada. Están ben, verdade?
Con elas, con un pouco de charla e dúas citas pechamos a derradeira sesión dedicada a Calvin e Hobbes. As citas foron: “A morte é o derradeiro inimigo que hai que vencer” e “Non hai verdades absolutas, isto é absolutamente certo”.
Para a próxima reunión empezamos cun cómic do meu amigo David Rubín: La tetería del oso malayo. Por se lle queredes botar unha visual o seu blog, esta é a dirección:
http://detripas.blogspot.com/

17.4.09

Sesión do clube de lectura en galego: Comedia bífida

O xoves 16 tivemos a 1º sesión de "Comedia bífida"; non estivemos ao completo pois algunhas das nosa chicas participaban no concerto da Semana da cultura e tiñan que ensaiar. Sobre este primeiro encontro comezamos lendo a análise que Roberto Pascual fai da comedia en Protexta. Falamos da presentación dos actores, da intervención do público e analisamos datos como os símbolos (o ollo inscrito no triángulo, a balanza...) e o seu significado, da caracterización de San Pedro e de Luci (o personaxe que consideran máis atractivo), dos concursos da tele, dos atascos nos xulgados... e rematamos comentando as palabras de Luci sobre a traizón daqueles que rexeitan a súa lingua, "só os galegos non queren falar galego... pretenden ser algo diferente... un galego que vai en contra da súa lingua vai en contra da identidade do seu pobo "; Sara di que Luci ten razón en parte, tamén hai que ter en conta o que di o defensor: " unha persoa ten dereito a falar o que lle pete".
Nestas quedou o debate ata a vindeira sesión; lemos ata a páxina 71, testemuños de Diña e Eliseo.