29.10.10

COMEZAMOS A ANDAINA DOS CLUBS 2010/11 CON PODEROSA E RECKLESS

Aquí estamos comenzando unha nova andaina con novas caras e novos libros:
PODEROSA

RECLESS

5.10.10

CURSO 2010/11

Estámonos preparando para reiniciar as nosas lecturas, traballo burócrático: listas, contactos, proxectos... xa falta menos. Este curso teremos tres clubs: dous de narrativa ( un de bacharelato e outro de ESO) e un de banda deseñada; como novidade colaboraremos nas nosas tarefas con tres grupos de lectura nacionais (Canarias, Murcia e Badajoz) e un grupo europeo, de La France (as profes estamos perfilando as lecturas, actividades, viaxes, etc.). Para facer boca aquí vos adianto algúns títulos:

RECKLESS. CARNE DE PEDRA de CORNELIA FUNKE: "Jacob Reckless cometeu un erro: despois de moitos anos de precaución, seu irmán Will cruzou o espello"

PODEROSA de SERGIO KLEIN: " Joana, unha chica que quere ser escritora ten un sorprendente poder: fai que a ficción se transforme en realidade"

O LAPIS DO CARPINTEIRO de MANUEL RIVAS: "Unha historia de amor, melancolía e liberdade en tempo de guerra"

O PINTOR DO SOMBREIRO DE MALVAS de MARCOS CALVEIRO: "Uu adolescente é enviado pola súa nai dende París a pasar unha boa tempada na vila de Auvers onde coñecera ao pintor."



6.6.10

O CLUBE DE LECTURA DE BANDA DESEÑADA ESTÁ LENDO "PROMETHEA" DE ALAN MOORE

Nesta ocasión estamos a ler Promethea, unha obra ilustrada na súa maior parte por J. H. Williams e cuxo guión corre da man de Alan Moore, o cal está considerado un dos mellores guionistas do mundo.
Promethea representa a imaxinación que neste libro sae da mente e realízase no mundo real...
Estivemos comentando estas frases de Moore: "Cando comecei a traballar en banda deseñada era a profesión máis escura do mundo. Non había algo así como un escritor de cómics famoso" e "Hai gobernos por todo o mundo que tratan de convencernos de vivir nas súas ficcións. O gran acto máxico é decidir se vas a vivir na túa propia ficción, se vas a encargarte de escribir unha historia mellor..."
As compañeiras do clube de lectura de banda deseñada teñen distintas opinións con respecto a esta obra tan peculiar de Alan Moore. Hai gustos para todo: algunhas non lles gustou a obra, a outras si que lles gustou pola estética, ou polo desenvolvemento da imaxinación... Ao final, rematamos debatendo sobre se é posible que se cumpran os soños da nosa imaxinación.
A nosa reunión uniuse unha invitada especial: Ana. É unha alumna de 2º da ESO que participou na nosa charla. Un saúdo para todas as compañeiras do clube de lectura de banda deseñada!

30.5.10

FOMOS AO TEATRO


O pasado xoves, 27 asistimos á representación da adaptación da obra de Darío Fo: "Os pintores non teñen lembranzas", posta en escea pola compañía de afeccionados ao teatro " Grupo Argallada".

Moitos risos e gargalladas nesta peza cómica, aquí tedes unha pequena mostra:




13.5.10

Conclusións da obra de Osamu Tezuka









Hoxe foi a última sesión sobre Black Jack de Osama Tezuka. Citamos aquí as conclusións dalgunhas compoñentes do clube de lectura:

"Gustoume, ten un pouco de realidade e tamén de fantasía. En realidade, non existe unha persoa perfecta, como Black Jack, que é coma un Deus no mundo da mediciña. Á vez sacábanse os seus defectos, como a hipocresía, o egoísmo... Non sei...foi entretido." Merchi

"A min encantoume. Ao contrario que Merchi, penso que Black Jack é unha boisima persoa. O que pasa é que non mostra as súas verdadeiras intencións nunca. Ademais esteticamente gústame a personaxe, penso que é moi sexy con esas cicatrices... o protagonista ten moito encanto. Logo, está Pinoko, unha personaxe xenial. Moi bo libro, para recomendar!" Pilar

"A min o que máis me gustou foi a personaxe de Black Jack , pola personalidade que ten, xa que é unha persoa sensible pero que o intenta ocultar co tema dos cartos. Tamén me gustou moito a personaxe de Pinoko. Unha das cousas que menos me atraeu do libro foi a gran cantidade de fantasía dalgúns episodios, aínda que me encantan os temas que se tratan nestes." Nerea

"Para min foi un libro moi entretido, que nos inspirou a falar de moitisimos temas. Iso disfruteino moito: charlar no clube de lectura sobre a amizade, o perdón, a ética de cada un, a fantasía... Cada historia ten algo co que a xente pode identificarse... É unha lectura que ademais de enganchar e entreter conta cousas interesantes." Montse

30.4.10

UNICROM de ROSA ENRÍQUEZ




Xa estamos preparados para achegarnos a outros mundos paralelos, para viaxar nun boroloco ata Artex e coñecer a Asor e a Aser, de loitar polo seu amor imposible ( entre saurio e deliberante, o Romeo e a Xulieta das galaxias do futuro), a prepararnos para ir á guerra e loitar pola paz do planeta (como na Guerra das Galaxias, etnias moi diversas - deliberantes, saurios, híbridos, sereas (as de Cunqueiro?), xigantes- van salvar ao mundo).

Mais a maiores das reminiscencias do cine, da literatura, temos as reflexións filosóficas, éticas que enchen os capítulos de Unicrom, os pensamentos, a paz, a hipocresía da sociedade, os intereses creados, a política, as mentes en paz ou en loita consigo mesmas e cos outros, vaia!!!!!! este libro vainos dar para moitos debates e moitas sesións.

Polo de agora imos ata a fin da 1ª parte (pax. 81) este mércores 5 de Maio, a segunda (pax. 139) para o seguinte 12 de Maio, terceira (pax. 171) para o 19 de Maio e aos 15 días a parte cuarta, quinta e epílogo (a ver se libramos dos exames), o día 26 de Maio.

Espero que disfrutedes deste marabilloso mundo intergaláctico que non difire moito do actual, haberá que reflexionar...

18.4.10

Conclusións a MALES de CABEZA: Visita de FRAN ALONSO.



O pasado luns co gallo da celebración do Día do libro infantil e xuvenil, tivemos o encontro co escritor Fran Alonso para comentar as conclusións ao seu libro Males de Cabeza; @s alumn@s transmitíronlle as súas impresións sobre a obra e o autor contestou a moitas das súas preguntas:
- Os alumnos:"Os relatos expostos no libro dannos unha visión da realidade, dos problemas que afectan á nosa sociedade; son fáciles de ler e comprenden temas cercanos dos que se debate día a día", "Males de Cabeza peréceme un libro moi divertido con relatos curtos fáciles de ler".
-O autor: " Na obra falo do medo, dos medos que nos levan á neurose, tomar decisións orixina medos que xeneran crises; a literatura ten a misión de desentrañar cousas. Tamén é un libro con humor, a literatura serve para divertirse."
Ficamos coas ganas de ler algún máis dos seus libros, o curso que vén intentarémolo: Grazas Fran Alonso.