20.11.12
O irmandamento dos clubs de lectura na prensa
Irmandamento de clubs de lectura: Santa Trahamunda e San Paio puideron coincidir prisioneiros en Córdoba.
Pois xa chegaron e xa marcharon, tanto esperar a visita e voou co aire que nos venteaba en Campelo... pero que ben, como foi o encontrooooo. Arredor de 80 rapaces e rapazas, desde 1º de ESO a 2º de bacharelato de Tui, Porriño e Poio compatimos lecturas, palabras, risos, milagres da man de san Paio e santa Trahamunda, as pedras con historia do mosteiro, os hórreos e os cruceiros de Combarro, a tirolina de Campelo (que moito lles gustou a todos e todas) e os libros da biblio do IES de Poio e de sobremesa... a rosca de Nita.
A primeira hora da mañá xa estabamos na biblio repartindo as tarefas (as e os azafatas/-os: Henrique, Miguel, Paula e Nerea, as fotógrafas: Paula, Sofía e Carme, as repartidores de rosca: Silvia e Marco, os lectores: Laura, Paula, Nerea, Claudia, Adrián, Cristina, Noelia, Elvira... )
Cando os nosos invitados chegaron recibímolos cun forte aplauso e xa na biblioteca escoitamos as fermosas palabras da nosa vicedirectora e do señor Alcalde do Concello de Poio. A nosa concelleira de educación agasallou aos invitados cuns libros sobre Poio e eles regaláronons unha alegre cantiga que crearon para nós:
Na biblioteca do IES de Poio
andan as zocas faladoras
e habitan os trasnos dos libros
se te deixas por eles enfeitizar
verás coma sempre os vas lembrar.
Así nos pasou a nós
desde A Louriña e o Baixo Miño
tamén desde a veciña Sanxenxo
aquí quixemos chegar
para con vós neste día estar.
IES San Paio.
Iste delor da terra, que me aruña
na outa cova dos soños onde teño
o meu segredo amor;
Mais na vila de Combarro estaba agardando por nós o historiador Andrés Dacosta para entregar un presente, un plano do Combarro antigo que celebra o 40º aniversario como patrimonio histórico-artístico. O bulicio da xente nova encheu as rúas e chegou ás cruces dos hórreos e aos Cristos e as Virxes dos cruceiros:
San Roque de Combarro
ten o tellado de vidro
que llo deu un mariñeiro
que se viu no mar perdido.
Chousas, veigas á beira do mar... estaban as mariscadoras plantando a semente dos "berbirichos" co lombo cangado, incansables, cos seus rastrillos arañando a pel do mar.
Xa era a hora do xantar "profe, cando comemos?" e alí marchamos, ao parque de Campelo onde nos agardaban... os parrulos, a tirolina, os campos de deportes, os ban-ban... bocatas, paseos, saltamos á corda e ás profes... gustoulles a tirolina.
Houbo que despedirse "profe, temos que marchar xa???", e as cantigas na despedida:
O mariñeiro no mar
tira polo cobertor
como che hei de dar cariño
se ti non metes amor.
E ao chegar ao instituto todos dixeron: "Profe, para o ano queremos ir a... Porriño".
COMEZO DO CLUB DE LECTURA DE BANDA DESEÑADA
Aquí vos presento ao grupo 1 do club de lectura de banda deseñada!
Iniciaremos a nosa andaina lectora con "Freda", unha obra de Alberto Vázquez e Kike Benlloch. Alberto Vázquez foi nominado como mellor autor novel aos premios do Salón de Cómic de Barcelona co seu álbum "Freda". A obra que imos ler foi seleccionada pola Internationale Jugend Bibliothek (Alemaña) para o catálogo White Ravens 2004. Este catálogo escolle anualmente os 250 mellores libros do mundo de entre os miles que recebe dunha cincuentena de paises.
De momento non adiantamos nada acerca do seu argumento... Deixámolo para a próxima reunión...
Etiquetas:
BANDA DESEÑADA,
club de lectura,
freda
18.11.12
IRMANDAMENTO DE CLUBS DE LECTURA
Mañá recibiremos na nosa biblioteca aos membros do club de lectura de IES Ribeira de Louro (Porriño) e do IES San Paio (Tui); estamos un pouco preocupados por que todo saia ben, ao fin e ao cabo somos os anfitrións e desexamos que todos nós gozemos deste encontro (aínda que botaremos en falta aos do IES Sanxenxo que por causas técnicas non poderán asistir).
Este encontro está organizado pola nosa biblioteca, o club OS TRASNOS DOS LIBROS e polas CONCELLARÍAS DE EDUCACIÓN e a de CULTURA do Concello de Poio e podo adiantarvos que todos nós estamos encantados de recibir aos nosos compañeiros de Tui e de Porriño ( Vaia o noso agradecemento a Alicia, Silvia e a Andrés).
Contamos tamén para esta xornada coa colaboración de alumnado "organizador, lector, fotógrafo, repartidor de sobremesas e monitor de xogos populares" e con Nita, a xefa da cafetería, todo un luxo de persoal...
O programa consiste en:
- Recepción na biblioteca ( coa participación da nosa vicedirectora), lecturas de presentación.
- Visita ao Mosteiro e lecturas sobre a súa arquitectura, tradición e lendas.
- Visita guiada a Combarro, 40 anos de conxunto histórico artístico.Lecturas etnográficas e literarias.
- Xantar de irmandamento na praia de Lourido (bocatas) e sobremesa de xogos populares. Lectura de cantigas populares.
Xa vos iremos contando, polo de agora deixámosvos coa publicación do club de lectura de Tui," A pedra do acordo" sobre a visita, IRMANDAMENTO AUTUMNAL:
Gabriel, dixeches publicamente na xornada de clubs de lectura que querías vir a Poio, mañá vémonos alí.
Etiquetas:
biblioribeira,
club de lectura,
irmandamento,
os trasnos dos libros,
Pedra do Acordo
15.11.12
NINGUÉN de FRAN ALONSO: Primeira sesión en audio
Esta mañá tivemos a primeira posta en común sobre Ninguén de Fran Alonso, no grupo 1 do club de lectura de 2º de bacharelato.
Trala "ruído" inicial, a conversa foinos levando cara adiante e dun "non entendo nada" chegamos a extraer conclusións e compartimos puntos de vista:
O autor envíanos o seguinte enlace para comprender mellor a súa obra, sera convinte que lle botemos unha ollada: https://sites.google.com/site/cabrafanada2/ninguen
Trala "ruído" inicial, a conversa foinos levando cara adiante e dun "non entendo nada" chegamos a extraer conclusións e compartimos puntos de vista:
O autor envíanos o seguinte enlace para comprender mellor a súa obra, sera convinte que lle botemos unha ollada: https://sites.google.com/site/cabrafanada2/ninguen
Etiquetas:
club de lectura,
Fran Alonso,
literatura galega,
Ninguén,
PODCAST,
Relatos
11.11.12
Agustín Fernández Paz: "Traballemos cos libros que teñen vida"
Escoitar e falar con Agustín Fernández Paz sempre é un agasallo que el nos entrega desinteresadamente e con moito agarimo; se o seu auditorio está formado maioritariamente por profesores que traballamos a literatura cos rapaces logo as súas mensaxes son urxentes e claras: "traballemos cos libros que teñen vida".
Lémbrános palabras que encontraremos en Farenhait 451 "Sinto que detrás de cada libro hai unha persoa que fala" e el pregúntase se os seus libros teñen vida, se son libros que fan lectores, libros deses que te agarran polo peito e non te soltan... porque teñen vida.
Entón pregúntanos nas palabras de Antonio Basanta: " Vas renunciar a influír nos teus alumnos e deixar de facer unha selección de libros que fan lectores?".
Profundamos no tema da literatura xuvenil, "Que é literatura xuvenil?" e remítenos ás obras de Emili Teixidor. De seguido céntrase na literatura galega en xeral e di que está connotada socialmente: " A lingua e a literatura galegas están inzadas de prexuízos (aburrida, pesada, mala...) que o alumnado trae da súa casa, das familias e do mundo.
Lémbranos que todo profesor ten a obriga de fomentar o gusto pola lectura: " A competencia lectora da cidadanía (analóxica e virtual) é imprescindible para ter unha sociedade democrática, libre e crítica, os cidadáns libres e creativos de Rodari; a promoción da lectura en galego é igual que en Guadalajara máis as especifidades do contexto no que estamos, as connotacións que leva asociados a literatura en galego. A Literatura en galego vai ser unha ferramenta que contribúe á normalización lingüística, vai desfacer prexuízos."
Despois da súa charla puidemos achegarnos a el e falarlle dos nosos clubs de lectura e ao cominicarlle que no segundo trimestre iamos ler a súa novela Fantasmas de luz, a pesar do seu cansazo, non dubidou con todo o seu cariño en enviarnos esta mensaxe:
Este é o enlace á súa páxina: http://agustinfernandezpaz.eu/
Etiquetas:
Agustín Fernández Paz,
fantasmas de luz,
literatura galega,
narrativa,
PODCAST
7.11.12
LOS JUEGOS DEL HAMBRE: Sesión en audio.
Está mañá realizamos o encontro co grupo 2 de 3º de ESO que está lendo Los juegos del hambre; resultou unha sesión moi alegre e moi fructífera xa que no medio de risos, bocatas, froitas e bulicio os compoñentes do grupo sácaronlle un bo rendemento á lectura desta primeira parte e o mellor, están desexando continuar.
Pero escoitade as súas voces:
Etiquetas:
Los Juegos del hambre,
PODCAST,
TICS
2.11.12
RECKLESS: A sesión do club de lectura en audio
Quen dixo que as TICS non se levaban coa literatura???
Nesta entrada veredes o uso que delas facemos nas nosas xuntanzas:
- Un podcast gravado co móbil da nosa primeira sesión de Reckless así non esqueceremos nada do que alí se falou, poderemos escoitalo coa lectura máis adiantada e comparar as nosas opinións iniciais coas posteriores; desde logo que haberá que coller confianza e perder a vergoña que nos acompañou nesta primeira gravación.
- Unha presentación realizada sobre a novela que nos dá información sobre a autora, os personaxes e algunhas claves interpretativas.
Etiquetas:
literatura alemá,
PODCAST,
RECKLESS,
TICS
28.10.12
PRESENTACIÓN DOS CLUBS DE LECTURA 2012-2013
Durante estes últimos quince días tivemos a presentación dos clubs de lectura de narrativa e poesía de 2º de bacharelato e parte de 3º de ESO pois os dous grupos de Banda Deseñada e o terceiro de 3º de ESO, aínda non comezaron a súa andaina a causa do retraso na chegada dos seus libros.
- En 2º de bacharelato estreamos o noso camiño lector da man de Ninguén de Fran Alonso no grupo A e con Farenhait 451 de Ray Bradbury no grupo B.
- En 3º de ESO iniciamos as nosas prácticas lectoras co supervendido Los juegos del hambre de Suzanne Collins no grupo 2, con Reckless. Carne de pedra de Cornelia Funkeno grupo 1 e finalmante con Unha bolsa de canicas de Joseph Joffo no grupo 3.
Sorrisos e bo ánimo acompañaron os encontros, a biblioteca encheuse da ledicia e do bulicio dos rapaces e rapazas, a curiosidade dos novos membros e a ilusión dos que xa participaron en anos anteriores; todos eles marcharon felices co seu libro debaixo do brazo, foi un pracer velos con tan boa predisposición.
Etiquetas:
biblioteca,
club de lectura,
lecturas
14.10.12
LECTURAS PARA O PRIMEIRO TRIMESTRE 2012
Esta semana comezaremos as reunións dos grupos do noso club de lectura; despois da fase organizativa: solicitudes, elaboración de grupos, publicación de listados e redacción do proxecto por fin imos sentarnos a falar de libros.
Para este primeiro trimestre temos escollido narrativa (aínda que intercalaremos as nosas habituais sesións de lírica): clásicos como Farenhait 451, novelas de aventuras como Reckless ou obras de relatos como Ninguén.
Esperamos que gocedes coa lectura de todas elas:
Feliz inicio do curso lector.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)