5.5.15

ENCONTRO CON PEDRO FEIJOO


Hoxe tivemos a ledicia de recibir na nosa biblioteca ao escritor Pedro Feijoo que se reuniu co alumnado de club de lectura de 3º de ESO.

Todo o encontro  desenvolveuse dacabalo entre a ficción e a realidade, a ficción literaria do autor e a ficción lendaria de Poio que lle transmitiron os nosos rapaces: Adriano, Rosalia, Santa Trahamunda, Mariña, Simón, Pedro Madruga e Colón pairaron no espazo histórico-literario que se creou hoxe no ambiente da nosa biblioteca, talmente coma se todos os personaxes dos libros que nos rodeaban quixeran achegarse a nós e ás palabras do noso autor.

Un elenco de categoría: Pedro Feijoo, a súa musa Marta e o noso querido escritor e profe Xesús Constela e os rapaces e rapazas de Poio con mirada e voces ilusionantes...

E comezaron as preguntas: As portadas dos seus libros, as novelas e os best-sellers feitas aquí e desde aquí, as historias violentas, "unha morea de referentes para xogar a este xogo da escritura..."
E Rosalía? "En Rosalía  hai outra muller con outro discurso, a Rosalía de Follas Novas, poemario que está cheo de historias violentas, por qué non xogar con iso?"
Hai algunha característica común entre os teus personaxes e ti? " Os antiheroes, eu identifícome máis con esa serie de personaxes"
Por qué en galego? "Conto en público un libro e só levanto a bandeira de gozalo, pero logo está a bandeira da lingua... en galego pode ser" e puntualiza Xesús Constela "Todo se pode contar en galego"
E moito máis, logo veu o Colón de Poio e deunos que imaxinar e falar, as fotos, as sinaturas dos libros... unha xornada máis que completa.

E que viva a ficción e a literatura e a escrita de Pedro Feijoo!!!!

Grazas Pedro e grazas Marta.



                              Visita de Pedro Feijoo on PhotoPeach

29.4.15

Fantástico obradoiro de Xosé Tomás ofrecido aos alumnos e alumnas dos clubs de lectura


Todos os alumnos e alumnas quedaron abraiados co taller, ameno e didáctico que Xosé Tomás ofreceu na Biblioteca do noso instituto. Xosé Tomás presentou algunhas nocións teóricas da Banda Deseñada e despois realizou un interesante obradoiro. Realmente a sesión con Xosé Tomás foi un éxito pola súa calidade e claridade en todo o que ofreceu ao noso alumnado.
 
Deixámosvos aquí algunhas fotos.





26.4.15

Sesión final de “A RATEIRA”


Esta semana, no club de 2º de ESO tivemos a posta en común final de a obra de teatro “A Rateira”, valoración moi positiva a dos rapaces e rapazas, animados a ler máis obras de teatro (resultoulle unha lectura fácil e moi áxil) e máis obras policíacas.
Pero é mellor que os escoitedes a eles:



Agora só queda que as asasinas nos inviten a “gusanitos”.

19.4.15

CLUB DE LECTURA DE NAIS E PAIS


20150413_140743
No club de lectura de adultos despois dunhas sesións de preparación van ler unha obra completa sobre a formación dos seus fillos: “La edad del pavo” de Alejandra Vallejo-Nájera, a guía imprescindible que precisan os pais para entender e comprender aos seus fillos e fillas adolescentes (coma a contraportada do libro apunta).
A autora, Alejandra Vallejo-Nájera é psicóloga e divulgadora científica, indica dun xeito divertido as claves para un achegamento positivo entre pais, profesores e adolescentes.


Trátase dun libro que inclúe diálogos entre pais e adolescentes e que busca axudar aos pais a comprender aos  seus fillos e fillas nesta idade.

16.4.15

4.3.15

Club de lectura de Francés de 4º da ESO

Este numeroso grupo de club de lectura de Francés 4º da ESO está lendo a obra de Tahar ben Jelloun Le racisme expliqué à ma fille Seuil. Na obra un pai (o autor) conversa coa súa filla de 10 anos sobre o racismo, nun diálogo sinxelo e intelixente. Trátase dunha lectura amena, que percorrendo unha temática de actualidade realiza a función de que o alumnado aprenda competencias da lingua francesa seguindo as indicacións e pasos da coordinadora do club, María Rodríguez do Departamento de Francés.

Club de lectura de ESCOLA DE FAMILIAS do IES de Poio

Desde comezo de ano iniciou a súa marcha o club de lectura de Escola de Familias coordinado pola orientadora Laura Malvar e integrado polas familias dos nosos alumnos. Trátase dunha idea orixinal e interesante que comeza xa a dar os seus froitos.

Velaquí deixámosvos dúas fotografías de interese:
-Na primeira atopamos a algúns dos membros do club nunha das reunións mensuais na Biblioteca.
 
- Na segunda fotografía vemos unha suxestiva dinámica que realizou o club na última sesión. Tratouse de compartir un fío de la dun ovillo. Cada compoñente do club ía collendo por quendas a la e expresaba medos e esperanzas respecto dos fillos. A continuación agarraba o fío e dáballo a outro membro ,de tal xeito que o resultado final foi unha tea de araña, unha maraña, unha rede de fíos (como se pode observar na foto)... Dito resultado representa multitude de interesantes cuestións: pode ser a imaxe da mente dos adolescentes, a rede de fíos tendida entre as familias no club...

A lectura compartida do club de Escola de Familias é La edad del pavo de Alejandra Vallejo-Nágera...

26.2.15

O club de lectura de Banda Deseñada presenta as súas actividades a alumnos italianos

Con motivo do proxecto Erasmus Plus que se está a levar a cabo no IES de Poio o club de lectura de Banda Deseñada aproveitou para presentar a súa actividade a alumnos italianos. Compartimos con eles as lecturas deste ano, ensinámoslles o blog, etc... Casualmente algúns coñecían a lectura coa que andamos agora, "Death Note", e falaron no seu favor.


Alumnos dos clubs de lectura compartiron o día de Rosalía con alumnos de Polonia, Chequia, Grecia e Italia

Alumnos dos clubs de lectura presentaron ao alumnado do proxecto Erasmus Plus o día de Rosalía coa intención de dar a coñecer parte da nosa cultura literaria a alumnos doutros países. Aproveitamos para ler poesía con eles. Aquí vos deixamos unha mostra:

Nasín cando as prantas nasen,
no mes das froles nasín,
nunha alborada mainiña,
nunha alborada de abril.
Por eso me chaman Rosa,
mais a do triste sorrir,
con espiñas para todos,
sin ningunha para ti. 
Desque te quixen, ingrato,
todo acabóu para min,
que eras ti para min todo,
miña groria e meu vivir.
¿De qué, pois, te queixas, Mauro?
¿De qué, pois, te queixas, di,
cando sabes que morrera
por te contemplar felís?
Duro cravo me encravaches
con ese teu maldesir,
con ese teu pedir tolo
que non sei qué quer de min,
pois dinche canto dar puden
avariciosa de ti.
O meu corasón che mando
cunha chave para o abrir.
Nin eu teño máis que darche,
nin ti máis que me pedir.
Cantares Gallegos, Rosalía de Castro
 

25.2.15

Reparto de personaxes en "A RATEIRA" de Ágatha Christie

   Está mañá na sesión de clubs de lectura de 2º de ESO fixemos o reparto de personaxes da obra que estamos lendo "A rateira"; artellamos pois unha versión do xogo que nos mostrou Nine Paz (que tamén nos prestou os libros) do Club de lectura do CEIP Progreso (Catoira) coa fin de meternos máis profundamente na pel e no perfil dos personaxes da obra de teatro.
   
   A nosa idea final é que o asasino ou asasina deberá ou deberán invitarnos a golosinas na última sesión da posta en común da obra.

   O noso elenco particular para a obra de Ágatha Christie é:






Cal deles será o asasino??????