Como culminación
ao grupo de lectura de 4º da ESO A, coordinado por Mª Elena Costas Crespo, os
membros do club asistiron a un taller impartido pola empresa de eventos “Elefantes
de Cacharrería” e, posteriormente, desfrutaron da posta en común das súas
impresións sobre a obra lida Hotel Almirante, de Marta Rivera de la Cruz , recreando o espírito
deste lugar.
25.6.15
O club del lectura de 4ºA convértese en Hotel
23.6.15
Irmandamento clubs de lectura: “Aquí lemos xuntos” e “Os trasnos dos libros”, Poio, 2015.
Encontro de clubs de lectura "Aquí lemos xuntos" e "Os trasnos dos libros"
Esta semana tivemos o pracer de recibir en Poio aos nosos compañeiros e compañeiras do club de lectura "Aquí lemos xuntos" (http://aquilemosxuntos.blogspot.com.es/) do CEIP Progreso de Catoira.
Foi unha fermosa experiencia de irmandamento a través das lecturas: compartimos, recomendamos, xantamos, rimos e tirámonos na tirolina:
Pola mañanciña acudimos á estación de RENFE para recibir aos nosos convidados, espectación e nervios, parecíalles que o tren se retrasaba...
Despois das presentación dirixímonos a visitar o Mosteiro de Poio, o claustro, o hórreo e á nosa Trahamunda (patroa da nostalxia) e dalí achegámonos a visitar Combarro; tanto no mosteiro coma en Combarro realizamos unhas lecturas relativas á historia e datos turísticos da zona.
Logo fomos xantar a unha zona arborada, pois a calor era moita, e despois do xantar fixemos un intercambio de agasallos (pins, marcalibros, comics, recetarios de cociña...) para logo reunirnos e grupos e realizar as recomendacións lectoras para o verán; cada un de nós levaba un libro, ou varios, para presentar aos compañeiros.
Pola tardiña e logo dun paseo á beira do mar despedimos de novo na estación aos nosos convidados coa promesa de ir visitalos a Catoira no comezo do novo curso.
Un marabilloso día para todos e todas...
25.5.15
22.5.15
VII edición do Premio Jules Verne, premio Xerais de literatura xuvenil :
Aí estamos, no xurado, toda unha experiencia enriquecedora:
"O xurado da VII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil , dotado con 10.000 euros e no que concorren vinte e tres obras, está formado por: Anxos Rial Vidal (profesora e coordinadora dos clubs de lectura do IES de Poio), Xesús Pena Pérez (licenciado en química. Participa nos xurados dos premios Xerais a través da convocatoria aberta que se fixo no blog de Xerais), Noemí Lage Redondo (alumna de 4º de maxisterio en Lugo ), Itziar Fernández Sömme (alumna de 2º de Bacharelato no IES Castro Alobre de Vilagarcía), Nicolás Teixeiro Garrido (alumno de 4º da ESO no IES Terra de Turonio de Gondomar) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto."
Etiquetas:
literatura galega,
literatura xuvenil,
LIX,
premio jules verne
20.5.15
A NEVE INTERMINABLE de AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ no club de lectura de 3º de ESO
E para rematar o curso cun sabor "inquedo" e deixarnos enganchados para o seguinte, escollemos ao noso autor, o I premio dos Clubs de lectura, 2015:
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ, coa súa última obra, A NEVE INTERMINABLE.
E cun certo sabor a Anxel Fole e os homes atrapados pola neve que contan historias en "A lus do candil", ás historias de Lord Byron e á Mary Shelley de "Frankestein", o mundo do cine como elemento motor (ese cine adorado polo autor), os personaxes varios (os reais e os do alén, ou os que volven do alén), os espellos que unen mundos e que serven de paso a seres míticos sedentos de...sangue (iso si, moi cultos eles), as casas encantadas coma a do mítico xa "Cartas de inverno", a paisaxe galega do rural, a hospedaría que esconde segredos (coma a de "A rateira" de Agatha Christie?)b... referencias literarias e artísticas para contarnos historias de medo na escuridade, no frío, nas terras lucenses...
Nas palabras do autor nunha entrevista que lle fixeron no Faro de Vigo (20/04/2015):" Gústánme os contos de medo e as películas de medo" e iso, medo do bo, é o que quere contaxiarnos con esta novela.
Pero non debo adiantar máis ca estes pequenos indicios para abrir boca á súa lectura...Algúns enderezos do blog de Xerais para orientarnos sobre a novela:
http://blog.xerais.gal/2015/cando-a-razon-non-o-explica-todo-a-neve-interminable-de-agustin-fernandez-paz-critica-de-ramon-nicolas/
http://blog.xerais.gal/2015/feitos-que-desafian-a-razon-a-neve-interminable-de-agustin-fernandez-paz/
Etiquetas:
Agustín Fernández Paz,
club 3º ESO,
literatura galega
5.5.15
ENCONTRO CON PEDRO FEIJOO
Hoxe tivemos a ledicia de recibir na nosa biblioteca ao escritor Pedro Feijoo que se reuniu co alumnado de club de lectura de 3º de ESO.
Todo o encontro desenvolveuse dacabalo entre a ficción e a realidade, a ficción literaria do autor e a ficción lendaria de Poio que lle transmitiron os nosos rapaces: Adriano, Rosalia, Santa Trahamunda, Mariña, Simón, Pedro Madruga e Colón pairaron no espazo histórico-literario que se creou hoxe no ambiente da nosa biblioteca, talmente coma se todos os personaxes dos libros que nos rodeaban quixeran achegarse a nós e ás palabras do noso autor.
Un elenco de categoría: Pedro Feijoo, a súa musa Marta e o noso querido escritor e profe Xesús Constela e os rapaces e rapazas de Poio con mirada e voces ilusionantes...
E comezaron as preguntas: As portadas dos seus libros, as novelas e os best-sellers feitas aquí e desde aquí, as historias violentas, "unha morea de referentes para xogar a este xogo da escritura..."
E Rosalía? "En Rosalía hai outra muller con outro discurso, a Rosalía de Follas Novas, poemario que está cheo de historias violentas, por qué non xogar con iso?"
Hai algunha característica común entre os teus personaxes e ti? " Os antiheroes, eu identifícome máis con esa serie de personaxes"
Por qué en galego? "Conto en público un libro e só levanto a bandeira de gozalo, pero logo está a bandeira da lingua... en galego pode ser" e puntualiza Xesús Constela "Todo se pode contar en galego"
E moito máis, logo veu o Colón de Poio e deunos que imaxinar e falar, as fotos, as sinaturas dos libros... unha xornada máis que completa.
E que viva a ficción e a literatura e a escrita de Pedro Feijoo!!!!
Grazas Pedro e grazas Marta.
Visita de Pedro Feijoo on PhotoPeach
Etiquetas:
club 3º ESO,
literatura galega.,
os fillos do mar,
Pedro feijoo,
Xesús Constela
29.4.15
Fantástico obradoiro de Xosé Tomás ofrecido aos alumnos e alumnas dos clubs de lectura
Todos os alumnos e
alumnas quedaron abraiados co taller, ameno e didáctico que Xosé
Tomás ofreceu na Biblioteca do noso instituto. Xosé Tomás
presentou algunhas nocións teóricas da Banda Deseñada e despois
realizou un interesante obradoiro. Realmente a sesión con Xosé
Tomás foi un éxito pola súa calidade e claridade en todo o que
ofreceu ao noso alumnado.
Deixámosvos aquí algunhas fotos.
Etiquetas:
BANDA DESEÑADA,
biblioteca,
club de lectura,
Xosé Tomás
26.4.15
Sesión final de “A RATEIRA”
Esta semana, no club de 2º de ESO tivemos a posta en común final de a obra de teatro “A Rateira”, valoración moi positiva a dos rapaces e rapazas, animados a ler máis obras de teatro (resultoulle unha lectura fácil e moi áxil) e máis obras policíacas.
Pero é mellor que os escoitedes a eles: Agora só queda que as asasinas nos inviten a “gusanitos”.
19.4.15
CLUB DE LECTURA DE NAIS E PAIS
No club de lectura de adultos despois dunhas sesións de preparación van ler unha obra completa sobre a formación dos seus fillos: “La edad del pavo” de Alejandra Vallejo-Nájera, a guía imprescindible que precisan os pais para entender e comprender aos seus fillos e fillas adolescentes (coma a contraportada do libro apunta).
A autora, Alejandra Vallejo-Nájera é psicóloga e divulgadora científica, indica dun xeito divertido as claves para un achegamento positivo entre pais, profesores e adolescentes.
Trátase dun libro que inclúe diálogos entre pais e adolescentes e que busca axudar aos pais a comprender aos seus fillos e fillas nesta idade.
Etiquetas:
adolescencia,
club de adultos,
psicoloxia
Suscribirse a:
Entradas (Atom)







