18.10.15

Club de 3º ESO: LIBRO DAS ALQUIMIAS e XESÚS CONSTELA.

O xoves comezamos unha nova andaina do club de lectura de 3º de ESO recibindo a catro novos membros e cunha grande sorpresa, polo libro que imos ler e por recibir nesta sesión innaugural ao autor da lectura "Libro das alquimias" de Xesús Constela que tamén é o seu profesor.
Estaban encantados coa idea de ler a primeira obra xuvenil do seu profesor.
Xesús realizou a introdución á lectura (sen descubrir nen adiantar argumento) e sementou nos rapaces e rapazas o formigueo do desexo de comezar a ler.

Un comezo de luxo para un curso lector que promete ser moi enriquecedor: Grazas Xesús.

Adiantamos xa os plans para o esperado encontro co club do CEIP Progreso, encontro que se realizará en abril, en Catoira (por aquilo de devolverlles a visita) e no que realizaremos a posta en común da lectura desta obra, sesión na que tamén nos acompañará o autor.


Inicio do club de 4º de ESO, 1: A praia dos afogados.

O pasado mércores comezamos unha nova andaina co club de 4º de ESO, 1, un grupo de rapaces e rapazas que xa levan tres cursos no Club de lectura, por iso o arranque foi, inmediato, xa que non precisaba prolegómenos.
Comezamos visionando o booktrailer de "A praia dos afogados" que nos serviu para coñecer a Leo Caldas e ao seu creador, Domingo Villar.
Comentamos a posibilidade de ir ver o filme a vindeira semana, daí a escolla da obra, e realizar no fin de curso o roteiro do mesmo.
Pero polo de agora, comecemos a lectura:


18.9.15

OS TRASNOS DOS LIBROS ESTANSE PREPARANDO PARA INICIAR UNHA NOVA CAMIÑADA ENTRE LECTURAS.

Boas a todos e a todas "Os trasnos dos libros" do IES de Poio:

A nosa coordinadora, a profesora Montserrat Bragado e mais eu, Anxos Rial,  xa estamos dándolle voltas ao proxecto para os clubs de lectura deste novo curso; estamos organizándonos e  a vindeira semana colocaremos nas aulas a convocatoria para que vos anotedes.

Tamén nesta semana presentaremos o proxecto á aprobación do Consello Escolar. Teremos como xa é habitual o club de comic, o club de narrativa en galego e con un pouco de sorte teremos caras novas á fronte do club.

Esperamos que sexades moitos e moitas os que vos animedes a acompañarnos nesta colorida e marabillosa camiñada polo mundo das lecturas.



Os trasnos dos libros en San Jordi, Día do libro, Barcelona.

30.6.15

Lecturas do Irmandamento de clubs de lectura

No Irmandamento de clubs de lectura "Aquí lemos xuntos" (do Ies de Catoira) e "Os trasnos dos libros" (do Ies de Poio) realizamos un percorrido por sitios emblemáticos do Concello de Poio onde realizamos lecturas explicativas dos lugares. Aquí vos deixamos unhsa fotografías dos folletos creados para as lecturas...



E aquí vos deixamos o enlace de "Aquí lemos xuntos"

25.6.15

O club del lectura de 4ºA convértese en Hotel

Como culminación ao grupo de lectura de 4º da ESO A, coordinado por Mª Elena Costas Crespo, os membros do club asistiron a un taller impartido pola empresa de eventos “Elefantes de Cacharrería” e, posteriormente, desfrutaron da posta en común das súas impresións sobre a obra lida Hotel Almirante, de Marta Rivera de la Cruz, recreando o espírito deste lugar.







23.6.15

Irmandamento clubs de lectura: “Aquí lemos xuntos” e “Os trasnos dos libros”, Poio, 2015.


Encontro de clubs de lectura "Aquí lemos xuntos" e "Os trasnos dos libros"


Esta semana tivemos o pracer de recibir en Poio aos nosos compañeiros e compañeiras do club de lectura "Aquí lemos xuntos" (http://aquilemosxuntos.blogspot.com.es/) do CEIP Progreso de Catoira.

Foi unha fermosa experiencia de irmandamento a través das lecturas: compartimos, recomendamos, xantamos, rimos e tirámonos na tirolina:
Pola mañanciña acudimos á estación de RENFE para recibir aos nosos convidados, espectación e nervios, parecíalles que o tren se retrasaba...

Despois das presentación dirixímonos a visitar o Mosteiro de Poio, o claustro, o hórreo e á nosa Trahamunda (patroa da nostalxia) e dalí achegámonos a visitar Combarro; tanto no mosteiro coma en Combarro realizamos unhas lecturas relativas á historia e datos turísticos da zona.

Logo fomos xantar a unha zona arborada, pois a calor era moita, e despois do xantar fixemos un intercambio de agasallos (pins, marcalibros, comics, recetarios de cociña...) para logo reunirnos e grupos e realizar as recomendacións lectoras para o verán; cada un de nós levaba un libro, ou varios, para presentar aos compañeiros.

Pola tardiña e logo dun paseo á beira do mar despedimos de novo na estación aos nosos convidados coa promesa de ir visitalos a Catoira no comezo do novo curso.

Un marabilloso día para todos e todas...