10.3.10

COMA O PATO DONALD


Esta mañá tivemos a reunión correspondente aos relatos: A sra. Lola, Bartolo o tolo e Coma o pato Donald.No caso do primeiro relato lemos primeiro o final do último relato de Cemiterio de elefantes onde aparece o personaxe aínda sen nome da sra. Lola, e comentamos a técnica do autor de retomar personaxes coma este creados noutros libros; tamén falamos sobre as ataduras afectivas que impedían ao personaxe marchar no tren.

Con Bartolo o tolo, falamos deses seres que existen en todas as vilas considerados "os tolos", discutimos da súa infelicidade que ás veces pasa desapercibida para todos.

O último relato foi o que máis nos deu que falar pois o tema pareceulles do máis actual -a anorexia- e todas tiñan algunha coñecida con esa enfermidade; debatemos sobre a responsabilidade dos medios de comunicación á hora de difundir certos cánons de beleza, da enfermidade e da súa extensión entre os adolescentes, das nosas palabras no momento de xulgar o aspecto físico das nosas compañeiras, etc.
Para a volta das vacacións remataremos o libro e presentaremos as conclusións.

22.2.10

Lendo "Maus" de Art Spiegelman...

A novela gráfica que estamos a ler, Maus, ten como subtítulo “relato de un superviviente”. A conta deste subtítulo, comezamos a última reunión do clube de lectura de banda deseñada cunha frase do filósofo F. Nietzsche: “Aquel que ten un por que para vivir pode enfrontarse a todos os comos”.
Foi moi interesante comentar as razóns polas que a algunhas compañeiras non lles está a encher a obra de Art Spiegelman, a lo menos de momento. Non obstante, a maioría si lles gustou. De momento, o que as chicas do clube de lectura resaltan da novela gráfica é: a sinceridade coa que conta o autor a relación co seu pai, non sempre boa; o trato ás mulleres naquela época; a claridade coa que o autor explica a necesidade de atopar temas para logo expresar na banda deseñada; a portada do libro na que o gato parécese a Hitler, en especial polo tipo de bigote... Resulta enriquecedor ver como compartindo as nosas experiencias de lectura aprendemos cousas das que antes non nos decataramos...
A foto é dunha exposición itinerante sobre Maus na que se resalta o trasfondo e orixinalidade da obra.

As duras críticas á sociedade: MALES de CABEZA


Esta mañá tivemos o terceiro encontro arredor do libro de Fran Alonso "Males de cabeza"; hoxe correspondíanos "Círculo vicioso", "Economía de guerra" e "Coma vostede e coma min".
O primeiro relato levounos ao mundo do futbol: a Marta non lle gustou nada polo tema pero recoñeceu que é un feito do que todos falan e que está de modo entre homes e mulleres de todas as idades; daí pasamos a falar do poder económico da industria do fútbol e de como este deporte nos pode illar doutros temas como a realidade política e económica do país.
Do segundo relato comentaron que está á orde do día, son moitas as persoas que se deixan levar por un consumismo compulsivo e non controlan a súa economia.
No terceiro reflexionamos sobre o trato que se lle dá aos animais, tan diferente: ou os maltratan ou os visten e coidan coma as persoas (falamos dos prezos dos traxes dos cans en Adolfo Domínguez, por exemplo); non reflexionaran sobre como a protagonista trata á súa criada, peor cós cans, chega a aconsellala que se prive da comida para darlla aos cans.
Sobre os fragmentos de "A tolemia é un sombreiro" continúan desconcertadas, din : xa se verá en que acaba isto...

Conclúen en que a obra lles está a dar unha crítica visión da sociedade actual...

CONTINUAREMOS................................

29.1.10

A escritora ROSA ANEIROS cos clubes de lectura

Onte recibimos no noso centro á escritora Rosa Aneiros, despois da súa conferencia tivemos o pracer de recibila na nosa biblioteca e os alumn@s do club de lectura puideron falar con ela e facerlle moitas preguntas sobre a súa profesión, as súas obras, etc e contestou a todas elas con toda amabilidade.

25.1.10

Imos ler Maus, a novela gráfica de Art Spiegelman!




En efecto este trimestre imos ler Maus, obra que recibiu o premio Pulitzer e que deu lugar a unha exposición no Museo de Arte Moderno de Nova York. Hoxe fixemos unha reunión para presentar esta obra.
As citas na reunión desta mañá foron:
-“Todos temos un segredo escondido baixo chave no ático da almaCarlos Ruiz Zafón
-“Para cambiar o mundo comeza por cambiarte a ti mesmoAlejandro Jodorowsky
Desexando que as compañeiras do clube de lectura disfruten da lectura e de compartir a mesma nas nosas reunións, déixovos coas palabras de Umberto Eco que aparecen na contraportada da novela gráfica Maus:
"O certo é que Maus é un libro que non se pode deixar de ler, nin sequera para ir durmir. Cando dous ratos falan de amor, conmóvente; cando sufren, choras. Pouco a pouco, a través deste pequeno conto que inclúe sufrimento, humor e superar as probas da vida cotidiana, quedas cautivado pola linguaxe desta vella familia do Este de Europa e atrapado polo seu ritmo gradual e hipnótico. Cando rematas Maus da pena abandoar este mundo máxico..."

14.1.10

MALES DE CABEZA de FRAN ALONSO



O noso próximo libro de lectura é un libro de relatos: Males de cabeza do escritor Fran Alonso; consta de 20 relatos e máis o relato fragmentario A tolemia é un sombeiro, unha crúa visión da sociedade actual.

Léremolo en 4 sesións que abranguerán 3 relatos cada unha e as correspondentes partes do relato fragmentado:

1º) - Os aforros da vella, Desviación de chamada, Domesticum bellum, e máis as partes de "A tolemia..."

2º) - Círculo vicioso, Economía de guerra, Coma vostede e coma min, e máis as partes de "A tolemia..."

3º) - A señora Lola, Bartolo o tolo, Coma o pato Donald, e máis as partes...

4º) - 05 AM Vigo, Estou tolo, O fareiro, Do noso correspondente, e máis as partes... ata o final

De certo que estes relatos nos darán para máis dun debate.

13.1.10

CONCLUSIÓNS A "O ÚNICO QUE QUEDA É O AMOR"


Esta mañá tivemos o encontro para falar das conclusións que os alumnos elaboraron trala lectura de "O único que queda é o amor":
Todos eles coincidiron en que o relato do que máis gustaron é o primeiro, Un radiante silencio, por que conta unha historia que a todos eles lles gustaría vivir -recoñecen que no fondo son uns románticos - e que lles parece moi realista; para eles ten un toque de intriga que os mantén en vilo ata o remate. Só unha alumna discrepa e escolle como mellor relato Unha estraña lucidez pola orixinalidade de que o narrador sexa un can.
Coinciden en afirmar que para que o autor puidera escribir un libro sobre o amor coma este ten que estar namorado ou ter vivido un gran amor; pensan que el escribiu esta obra por que necesitaba compatir os seus sentimentos.
Engaden que é un libro moi ben escrito, cunha linguaxe clara e directa, que non lles causou dificultades o que valoran como algo moi positivo.
Conclúen que é un libro que lles recomendarían aos seus compañeiros e mesmo aos seus pais.

28.11.09

A HISTORIA DOS VAMPIROS E DOS ZOMBIES NO CLUBE DE BANDA DESEÑADA


Nesta última sesión do clube de lectura de banda deseñada a discusión sobre a obra de Victoria Francés levounos a falar sobre a orixe da lenda dos vampiros e dos zombis. Comentamos a súa historia, as personaxes históricas nas que se basean obras literarias de vampiros... Dialogamos sobre a posibilidade de que o mito vampírico sexa un invento noso para expresar o noso lado salvaxe, para representar medos humanos (como o medo a morte) e para expresar a fascinación pola inmortalidade.
Nesta sesión aproveitamos para expresar a nosa opinión sobre todos estes aspectos. Empezamos cunha famosa cita de Nietzsche que permite múltiples interpretacións: Alí onde radican as nosas debilidades van a extraviarse as nosas exaltacións. E rematamos
cunha canción de Alaska dos anos 80 moi divertida que podedes ver aquí.