13.6.11

IV XORNADA DE CLUBS DE LECTURA

O pasado 10 de xuño tivemos a sorte de participar na IV Xornada de Clubs de Lectura das BIBES Galegas; Resultou (coma vén sendo habitual) unha xornada moi proveitosa tanto polas sesións que se desenvolveron coma polos encontros con compañeir@s doutros centros galegos nos cafés, no xantar... sempre é boa a oportunidade de coñecer as experiencias de máis clubs e aprender delas.
Enlazamos co blog das BIBES da Asesoría de Bibliotecas escolares:

A xornada comezou coa presentación do evento por parte das asesoras Dona Cristina Novoa e Dona Pilar Sampedro, que deron paso a unha interesantísima ponencia da profesora da Universidad de Barcelona, Dona Ana Díaz-Plaja Taboada que nos falou de "pasarelas lectoras", como pasar da literatura "lixo" á literatura clásica:  partindo do espírito minoritario da literatura de calidade e das súas características (por exemplo as da narrativa citando a sempre acertada Gemma Lluch) ás características da literatura "lixo" (previsibilidade das fórmulas narrativas, requerimentos de atención elementais, serialización...) ou da poesía "mala" según Desdot (perda do ritmo, forzar a sintaxe...), presentando os obxectivos dos mediadores (potenciar  a capacidade de relación e contraste, desenvolver a educación literaria...) e finalmente creando pasarelas  entre literatura e consumo (de Hércules a Superman, de Estopa a Quevedo...). Magníficaaa.

A seguir comezaron as reunións por zonas onde tivemos a ocasión de expoñer como se organizaban e funcionaban os nosos clubs, as actividades que desenvolvemos, encontros entre clubs, etc... coa súa correspondente posta en común (falouse de obras de teatro, textos e expresión corporal, convivencias entre clubs, escaparates, proxectos de mulleres, etc.).
Despois dun xantar no que "non paramos de falar" chegou a sesión "Algo máis que un club" na que coordinadores de cinco clubs de lectura expuxeron as súas experiencias de actividades paralelas á lectura: proxectos, encontros, actividades...
 Logo gozamos do encontro co autor do primeiro libro transmedia "El silencio se mueve", Fernando Marías que foi premio nacional de literatura infantil e xuvenil no 2006 e que nos falou da súa obra.
O broche final correu a cargo do músico Xabier Diaz, compoñente de Berrogüetto que nos deleitou coas súas interpretacións de música tradicional.
Toda unha intensa e pracenteira sesión de LECTURAS COMPARTIDAS. Moi agradecid@s ás nosas asesoras, Pilar Sampedro e a Cristina Novoa pola organización e a camaradería.





(As fotos son da autoría de Cristina Novoa, Nine Paz e Emilio Roca, a música é de KerKennai (Nas beiras de Lethes), graciñas a tod@s.

31.5.11

RECIBIMOS A QUALITY LABEL E-TWINNING : LIRE ET PARTAGER - LER E COMPRENDER.

 O PROXECTO E-TWINNING “LIRE ET PARTAGER- LER E COMPRENDER”  do IES de POIO e do LYCÉE MAURICE RAVEL de PARÍS reciben a “QUALITY LABEL” polo seu traballo común.

“LIRE ET PARTAGER- LER E COMPRENDER” é un proxecto centrado en intercambiar e crear a través de lecturas; alumnado de diferentes nacionalidades colaboran e interactúan nos seus procesos de aprendizaxe mediante as obras que len e os traballos que ambos producen.
As súas tarefas permítenlles formarse como lectores activos xa que reciben e xeneran informacións ao tempo que adquiren coñecementos lingüísticos das súas linguas respectivas e que as practican.
Alumnos de español do liceo francés e alumnos compoñentes do Club de lectura do instituto galego  (grupo de 1º de bacharelato) comparten lecturas de autores galegos fundamentalmente (Manuel Rivas, Agustín Fernández Paz, Rosalía de Castro) e españois ( Miguel Hernández), elaboran traballos TIC arredor destas que logo publican no seu Twinspace e no blog que comparten; están en contacto a través do correo electrónico e unha vez ao trimestre realizan un encontro virtual (chat) a través da plataforma e-twinning no que falan das lecturas (valoración, opinións...), dos seus estudos e afeccións.
Coa fin de coñecer máis en profundidade as súas culturas elaboran e publican na rede pequenas tarefas, presentacións de fotos, vídeos, que os ilustran sobre as súas cidades, os seus costumes, medios de vida, festividades, etc. Tamén se intercambian materiais a través do correo postal: libros, vídeos, etc.
Nas datas sinaladas e relacionadas coa lectura celebramos pequenas festas virtuais: O día do Libro, Haikus desde París ou a festa do Aninovo Chino.

As actividades están coordinadas polas dúas profesoras socias do proxecto (Arlette Joubert e Anxos Rial) e contan coa colaboración dunha profesora membro do mesmo (Josefa Piñeiro) que asesora aos alumnos en cuestións lingüísticas.

"O Selo de calidade (Quality Label) é un recoñecemento auténtico para os profesores e os seus centros escolares da alta calidade das súas actividades eTwinning. Para os alumnos representa un estímulo ao seu esforzo e para o centro escolar no seu conxunto, unha confirmación pública do seu compromiso de calidade e da súa capacidade e disponibilidade para o traballo de colaboración europeo.
Un proxecto, para acadar a Quality Label, ten que alcanzar o nivel de excelencia nos seguintes campos: (1) innovación e creatividade pedagóxicas, (2) integración no plan de estudos, (3) colaboración entre os centros escolares asociados, (4) uso creativo das TIC, (5) durabilidade e transferibilidade, e (6) resultados e beneficios. " (E-twinning).

Os resultados do proxecto poden consultarse nos seguintes enderezos web:



TWINSPACE: http://new-twinspace.etwinning.net/c/portal/layout?p_l_id=6087807


BLOG: http://lireetpartager-lerecomprender.blogspot.com/






29.5.11

TEBEOS E DAVID RUBÍN

Na última sesión do club de lectura fixemos algo especial: estivemos na librería paz de Pontevedra na presentación da obra “El Héroe (volume 1)” de David Rubín. Nun ambiente familiar e agradable David contounos como este cómic era para el un “soño cumprido”. Contounos anécdotas persoais que nos fixeron rir, compartiu os aspectos biográficos que o levaron á realización desta obra e dedicou o libro a todos os que llo solicitaron. Entre as dedicatorias pedímoslle unha para o IES de Poio. Velaí a tedes (na foto á dereita).
“El Héroe” é un cómic que adapta libremente o mito dos doce traballos de Heracles, situando a acción nunha época fantástica indeterminada, que mestura pasado con presente e elementos de ciencia-ficción. Así, a diferenza do Heracles clásico, o de Rubín faio armado cunha katana, escoitando un reprodutor de mp3 (que ten un papel esencial nun dos combates, de feito), desprazándose en ocasións nun coche deportivo ou nunha motocicleta, protagonizando anuncios e portadas de revistas, e mesmo ten toda unha liña de merchandising sobre a súa persoa.
Neste cómic Heracles é o fillo bastardo de Zeus, un heroe que axuda ao próximo e ao longo dos anos é sometido a unha serie de retos que porán a proba as súas capacidades. Durante a historia veremos crecer a Heracles, e co paso dos anos irase dando conta das responsabilidades que leva a condición de heroe. Así, o primeiro "traballo" de Heracles no cómic execútao con nove anos, o segundo con dezaseis, e así sucesivamente; o "libro uno" reflicte até o noveno traballo, que o leva a cabo con 32 anos.

En fin, unha obra marabillosa, entretida e moi recomendable.



11.5.11

FONTENLA DE AUGA FRESCA


   Os pasados días sete e doce de abril,  alumnos dos nosos clubs de lectura de terceiro e cuarto de E.S.O. puideron calmar a súa sede  bebendo do cano da nosa fontenla a auga fresca da lírica, líquido límpido que baixou en enxurrada a rozar as bardancas dos seus corazóns.


Con Pura Vázquez compartiron sede de amor, bágoas doutros pozos:

Teño unha flor en ti asolagada,
-amor, amor-, nadándome na alma.

Teño meu goio en ti, teño teu goio,
-amor, amor-, nacéndome nos ollos.

Teño(...)

Abrazaron o amor de Mªdo Carme Kruckenberg con paixón:

Cinguirte cos meus brazos
arredor de min
coma un fío de auga
que me rebaixe esta febre
que non esmorece nos meus ósos.
(...)

E tamén subiron a bordo os nosos intrépidos mariñeiros do sentir, dos mares procelosos da lírica, primeiro na embarcación de Darío Xohán Cabana:

(...) cousa linda movéndose galana
na crista do abalar, preciosa dorna
onde un home libérrimo se afana.

Despois abarloaron ao navío de Luz Pozo na súa Badía de Vigo, axexaron dentro e caeron, sobre cuberta, devagariño, nun sentir salgado, intenso e harmonioso:
(...)
Bicas fondo, máis fondo que a badía.
Apresa as miñas mans.
Podes verter no corazón
a brisa que abanea as xarcias xa salobres.

Pon a faciana aquí e a néboa quece.
E déitate no chan a rematar a música.

Augas frescas da Fontenla, seguide a regar estes gromos para que medren vizosos, con moito zume no interior.

8.5.11

COMEZAMOS UNHA NOVA ETAPA DE LECTURAS

Este terceiro trimestre comezamos unha nova andaina lectora, aínda que algunhas estades cheas de exames, pensade que un bo libro nos pode axudar a descansar do estudo e agora co bo tempo apetece un ratiño de relax ao sol.
En terceiro de ESO leremos Reckless de Cornelia FunKe, (por recomendación das alumnas de 4ª que o leron no 1º trimestre), en cuarto leremos Ás de bolboreta de Rosa Aneiros que xa iniciamos todos xuntos na clase.
As chicas de 1º de bacharelato seguirán compartindo coas súas compañeiras francesas O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas; xa tivemos a primeira sesión sobre o libro que nos axudou a aclarar dúbidas sobre os personaxes (fundamentalmente Herbal e o Pintor), o tempo e os feitos históricos que enmarcan a novela. Acordamos facer unha liña de tempo para organizar os feitos por orde cronolóxica.
Para animarnos, aquí queda o comezo de Ás de bolboretas, a tenra conversa do avó e o neno no Luzada:
" - Avó, e ti onde dormes?
- Onde todos os avós.
- No cemiterio?... Debe ir frío aló.
- No cemiterio, claro.
- Onda a avoa.
 - Non, ela non. ela está no ceo...."

5.5.11

NO CLUB DE LECTURA DE BANDA DESEÑADA CADA UN ESCOLLEU O QUE LLE APETECÍA LER

 
 

En efecto, hoxe na reunión do club de lectura decidimos facer algo diferente: collemos moitos cómics da biblioteca e cada un escolleu o que máis lle chamou a atención para ler. Proximamente cada un compartirá cos demais as impresións do libro escollido. Será interesante ver os resultados das vindeiras sesións do club de lectura...


Aínda que faltaron algunhas persoas a esta sesión porque tiñan exame, de momento estes son os libros seleccionados:
-    JUANJO SAENZ, El arte. Conversaciones imaginarias con mi madre 
-    VICTORIA FRANCÉS, El corazón de Arlene
-    VICTORIA FRANCÉS, Fabole 1, Lágrimas de Piedra
-    Dylan dog
-    BILL WATTERSON, Calvin & Hobbes
-    BILL WATTERSON, Calvin & Hobbes, Edición bilingüe
-    DAVID RUBÍN, El héroe
-    OSAMU TEZUKA, Black Jack

29.4.11

Os Clubs de Lectura co escritor Carlos Negro

Hoxe visitounos o escritor CARLOS NEGRO, autor do libro de poesía MAKINARIA; puidemos compartir con el a celebración do día do libro e falar de poesía.
"A poesía ten o poder do sonido; os poemas teñen a forza da palabra en vivo", con estas palabras comezou o autor a súa posta en escea xa que quixo que puideramos gozar desta forza da palabra en vivo, recitándonos o seu libro.
Resultou moi ameno e orixinal, os coches, os ovos kinder con sorpresa poética e o conto de FrederiK; achegámonos máis a súa obra e a velocidade, a adrenalina en vea a través da poesía.
Ao remate as alumnas do Club de Lectura puidemos facernos unha fotos con el.

 

28.4.11

CONTAXIO, LIBERDADE, RESPONSABILIDADE E LINGUA MINORITARIA: POLA NOSA LINGUA E POLO MULTILINGÜISMO

Estes son os vídeos elaborados por Manuel Singala do Servizo de Normalización Lingüística de Santiago, espero que nos servan para reflexionar sobre a nosa lingua e sobre o multilingüismo: As imaxes falan...










21.4.11

Curiosidades da cultura xaponesa no club de lectura de banda deseñada

Na última sesión do club de lectura de banda deseñada decidimos comentar curiosidades da cultura xaponesa. Aí van algunhas:
- Entréganse enormemente ao traballo. É moi normal que traballen un número moi elevado de horas ao día. En Xapón hai unha cultura de gran admiración polas empresas. Resulta moi raro escoitar que alguén non se atope contento coa súa empresa. De feito, é habitual observar que unha persoa se vincule toda a vida á mesma empresa. Cando hai unha rotación interna e un empregado cambia de departamento é un drama e todo un acontecemento.
Respecto á “voz cantante” nunha reunión de traballo, cabe resaltar que sempre comeza e remata falando o xefe. A figura do xefe na cultura xaponesa é sagrada, a xerarquía é importantísima e ninguén a pode saltar.
Por outra banda, o concepto de traballo xaponés fixo que nacera a coñecida expresión de “folga á xaponesa”; esta a realizan aqueles traballadores que acudindo ao seu posto de traballo fan con esforzo e dedicación maior do normal as súas tarefas, provocando así un exceso de produción que os propietarios da industria non poden colocar no mercado, causándolles graves trastornos económicos.
- É típico alugar cans. Aínda que lles encantan os animais, os esgotadores horarios laborais e as casas extremadamente pequenas fan que moitos xaponeses opten por non ter mascotas. Para suplir esta carencia moitos recorren aos bares con gatos e aos alugueres de cans.
- Os xaponeses son extremadamente silenciosos e unha das cousas que máis lles chama a atención cando viaxan a outros países (especialmente aos occidentais) é o alto que se fala e o ruidosa que é a xente.
- Os xaponeses (referímonos sempre á xeneralidade) tenden a falar e actuar só despois de telo meditado e pensado minuciosamente, mostrando a debida consideración aos sentimentos e puntos de vista da outra persoa.
- Mentres que os baños tradicionais xaponeses son simples buratos no chan, os inodoros máis modernos incorporan lectores de tarxeta e incluso pantallas para poder escoitar a túa propia música ou ver fotografías.
- Ao revés do que sucede nalgúns países de occidente, as mulleres deixan pasar ao home primeiro ao entrar no ascensor, no metro, etc.
- Os índices de roubo e asasinato son os máis baixos do mundo. Tamén representan un dos índices máis baixos de piratería; non existe o “top manta” e a venda ambulante está prohibida.

Finalizamos a última sesión falando a grandes trazos da historia do manga, resaltando sobre todo como o manga é un fenómeno que chega a todas as capas sociais. De aí que sexa patente a estratificación de lectores a través de subxéneros deseñados para os diferentes tipos de lectores.
A cita discutida nesta sesión foi a seguinte: “Se o teu mal ten remedio, porque te aflixes? E se o teu mal non ten remedio, porque te aflixes?” Proverbio inglés

13.4.11

BANDA DESEÑADA E CINE OU ANIME NO CLUB DE LECTURA!

- “É verdade, os cómics son unha arte popular, e si, creo que a súa obrigación primaria é entreter, pero os cómics poden ir máis aló diso, e cando o fan, deixan de ser só entretemento e pasan a ter gran importancia.”
Bill Watterson

AQUÍ VOS PRESENTAMOS A RELACIÓN DOS CÓMICS LIDOS ATA AGORA CO AUDIOVISUAL. Esperamos que vos sexa útil.

Cómic
Filme ou anime
- Persépolis de Marjane Satrapi
- Persépolis dirixida por Vincent Paronnaud e Marjane Satrapi
- María y yo de Miguel Gallardo e María Gallardo
- María y yo dirixida por Félix Fernández de Castro
- La tetería del oso malayo de David Rubín
- Radiografía de un autor de tebeos, documental dirixido por Marcos Nine
- Black Jack de Osamu Tezuka
- Serie de anime dirixida por Makoto Tezuka e Satoshi Kuwabara
- Dous filmes:
-    Black Jack, la película de Osamu Dezaki
-      21 blackjack dirixida por Robert Luketic no 2008
- Kitaro de Shigeru Mizuki
- Serie de anime de máis de cinco temporadas e realizada por varios directores:             Isao Takahata, Osamu Kasai, Hiroki Shibata, Daisuke Nishio, Yukio Kawazu e             Kimitoshi Chioki
- Promethea de Alan Moore e J. H. Williams III
- Os filmes V de vendeta de James McTeigue e Watchmen de Zack Snyder, inspirados cómics de Alan Moore poden relacionarse con Promethea. Porén, non debe esquecerse que Alan Moore negouse a aparecer nos créditos destas películas por non compartir a adaptación que se fai das súas obras