21.3.13

IMOS AO TEATRO: ROMÁNTICOS


Na xornada de onte e como colofón á interminable semana de exames, dentro do marco do Salón do libro asistimos á representación da obra "Románticos".

A peza teatral de Mofa e Befa, Quico Cadaval e Piti Saez presenta un percorrido polos autores e personaxes máis importantes do movemento romántico coa fin de desmitificar o término "Romantismo".

En clave de humor, sobre a escea atopámonos con Lord Byron, Rosalía, Espronceda, Allan Poe e  outros, acompañados de personaxes "románticos" por excelencia como o toureiro de Carme, o Holandés errante ou Cirano de Bergerac que nos roubaron sorrisos e gargalladas.

Hoxe puidemos reflexionar sobre a obra, o papel dos actores e a súa versabilidade, narración e diálogo, a mistura de teatro culto e teatro popular, a escenografía, o tratamento do tema... e canto máis falabamos máis encantados estabamos da obra - coma cando falamos dos libros- realmente todos e todas quedaron moi satisfeitos do espectáculo, tanto que xa queren repetir.

Relaxámonos e gozamos da obra, aprendemos e lembramos; vede aquí o relato en imaxes:


Imos ao teatro: Románticos on PhotoPeach

9.3.13

Encontro Clubs de lectura de Poio.


O pasado mércores día 2 compatimos mesa e lecturas co escritor Xesús Constela en Combarro; participamos na reunión convidados polo Club de lectura de adultos de Poio e asistimos acompañados por menbros do club de lectura de Sanxenxo.
Foi unha grata e frutífera reunión:



28.2.13

Farenhaith 451. Club de lectura 2º Bach. grupo A.

Esta mañá tivemos a primeira sesión "seria" despois do lapsus do entroido co grupo de 2º de bacharelato A que traía lida a primeira parte de Farenhaith 451; estas son as súas impresións e comentarios:
A Alberto sorprendeulle o protagonista xa que esperaba que non seguise as regras e fose máis rompedor, Montag segue fielmente o que din os seus superiores, está orgulloso do seu uniforme.
En xeral pensan que os dirixentes da sociedade da obra queren manter ao pobo na ignorancia e relacionan a obra coa novela que leron anteriormente 15704 de Xesús Constela e mesmo con Los juegos del hambre e coa actualidade.
Din que queimar libros é un efecto anacrónico, os dirixentes intentan manipular as mentes do pobo como sucedeu ao longo da historia mesmo coa Igrexa. Para eles o autor enmarca a súa sociedade nun futuro e visto o que acontece se non paramos a queima de libros, o rexeitamento do coñecemento, vannos converter en títeres.
A respecto da rapaza din que representa o descontento, o inconformismo, ela despreza o traballo do bombeiro, simboliza a liberdade permanente e pode converterse máis adiante  no detonante da realidade.
Ambos son antagonistas pero pode haber comunicación entre eles.
Brais di que a rapaza pode cambiar o mundo, pode chegar a ser o xermolo da revolución.
Respecto da muller do bombeiro din que é froito dunha relación desgastada e é infeliz, está avocada ao suicidio; relaciónana cun personaxe de Plenilunio.
O xefe de bombeiros representa para eles a autoridade e a superioridade aínda que pensan que el a súa vez está manexado polos de arriba.
Conclúen que na novela hai unha compoñente filosófica, relacionan a queima de libros coas queimas de bibliotecas como a de Alexandría (O libro das alquimias) e a falla de liberdade e a idea de que todo o coñecemento non vale nada.


21.2.13

Lecturas rosalianas: Club de lectura de adultos do Concello de POIO e os Trasnos dos libros.



No día de onte un grupo de lectores e lectoras rosalianas reunímonos convocados pola Concellería de Cultura de Poio a un moi grato encontro: Unha sesión de lecturas para lembrar a Rosalía.

Alí estabamos os membros do club de lectura de adultos do noso Concello, algúns representantes dos Trasnos dos libros de 2º de bacharelato, o escritor Xesús Constela, as Concellerias de Educación e de Cultura, a bibliotecaria municipal e as coordinadoras das BIBES do IES de Poio e do IES de Sanxenxo.

Rosalía convocounos e os seus versos reuníronos arredor dunha mesa, as voces dos máis novos e as voces dos adultos puxeron a musicalidade a poemas  que levan nos corazóns dos galegos 150 anos.
Desexamos que dentro de 150 anos máis, outros rapaces e rapazas de Poio aúnan as súas voces ás dos adultos para revivir os versos de Rosalía.

AHHHH, o día 6 volvemos reunirnos ( adultos e trasnos) para falar do libro de Xesús Constela.



14.2.13

EnREDando versos: 150 aniversario de CANTARES GALLEGOS.

O 24 DE FEBREIRO imos de celebración: Cantares gallegos de Rosalía de Castro cumpre 150 anos; tantos levan os versos de Rosalía enREdándonos e acompañándonos, lembremos pois algúns dos seus versos ao longo destes días:



ImageChef.com Poetry Blender

25.1.13

Os trasnos dos libros, 2º de bacharelato, falan do libro de Xesús Constela, 15724

As alumnas e alumnos de 2º de bacharelato do club de lectura queren dedicar esta entrada ao seu profesor e escritor Xesús Constela co motivo da publicación da súa última obra 15724. 
É a súa maneira de expresarlle  o seu agarimo,  lendo e agora falando da súa novela.
Esperamos que te guste escoitar as súas palabras, parabéns Xesús.










13.1.13

CLUB DE LECTURA DE BANDA DESEÑADA

No club de lectura estamos a ler:


A) No grupo 1: Freda, unha obra (xa presentada noutra entrada do blog) que fala da emigración en Galicia, do amor, dos soños...

 
B) No grupo 2: Todo Paracuellos, do gran autor de cómics Carlos Giménez. Trátase da serie de historietas que o autor realizou entre 1977 e 2003. Os protagonistas destas páxinas autobiográficas son os orfos da guerra civil que viviron nos fogares de “Auxilio social”. A ver que lles parece aos nosos lectores esta obra que non deixa indiferente a ninguén!


11.1.13

RETOMAMOS AS NOSAS LECTURAS

Esta semana de regreso xa despois destas vacacións de Nadal tivemos as primeiras reunión do ano 2013. Os grupos 1 de 3º de ESO e ambos grupos de segundo de bacharelato xuntámonos fundamentalmente para tarefas de xestión: recollemos os libros do primeiro trimestre e entregamos as lecturas correspondentes ao segundo. Ademais en segundo de bacharelato tivemos unha moi substanciosa charla arredor de 15724 o libro de Xesús Constela que leron en Nadal e que os sorprendeu polo seu valor simbólico, que se lle escapou a uns poucos, e do cal quedaron moi satisfeitos.
Tamén houbo tempo para comer unhas pastiñas alemás e para repartir os agasallos e-twinning para os alumnos de 3º de ESO que participan no proxecto “Cidades e literatura, escenarios. Lemos e rodamos”.
Os participantes no club de 3º quedaron un pouco asustados ao ver a novela que van ler, “Os fillos do mar” de Pedro Feijoo, xa que non están afeitos a obras “tan gordas” nas súas palabras; cando se lles introduciu o libro e falamos da actividade que preparamos conxuntamente cos clubs de Sanxenxo, Ribeira de Louro, Pedra do acordo e posiblemente O pino manso, xa se animaron moito máis e borraron a cara de susto.
En segundo de bacharelato fixemos un intercambio de lecturas entre os dous grupos: “Ninguén”  por “Farenhait” e viceversa, para non perder os bos costumes e seguir filosofando sobre a vida e o futuro.
Bo ánimo para todos nesta nova andaina.
libros1

E para rematar botádelle unha ollada a este panel das obras de FRAN ALONSO:

http://pinterest.com/cabrafanada/os-meus-libros-my-books-mis-libros/