26.1.14

As nosas lecturas do 2º trimestre



http://www.pinterest.com/anxos/os-trasnos-dos-libros-len-no-2o-trimestre-201314/

CIRCE OU O PRACER DO AZUL de BEGOÑA CAAMAÑO



A nosa lectura para o club de 4ºde ESO neste trimestre é a novela de Begoña Caamaño: Circe ou o pracer do azul.


Sensibilidade, feminidade e feminismo, o romanticismo da mitoloxía clasica, o heroe, a beleza e o lirismo da linguaxe, a recreación literaria realizada con arte e respecto polo texto orixinal, a fermosura, os sentimentos, a tradición, a amistade, a fidelidade... son todos eles trazos que podemos atopar nesta obra.

Dúas mulleres que se encontran na vida xirando arredor dun home Ulises e que nolo presentan desde vivencias moi diferentes; unha profunda amistade que se vai tecendo entre elas a través das súas epístolas. A maxia, o amor, o pracer misturados coa tradición literaria envólvennos coa sensibilidade feminina e feminista das dúas personaxes principais.

A beleza no tratamento da linguaxe, a delicadeza e o lirismo, a riqueza da escolla léxica fan desta novela unha obra de arte.

Todos os elementos homéricos están presentes na obra: a beleza de Circe, a longa espera de Penélope, o tear no que a dona de Ulises tece e destece pero o centro da trama non está no heroe senón nas súas mulleres e arredor delas o profundo azul do mar que as separa e as achega.

Ao longo das postas en común iremos comentando a evolución das personaxes e a relación que se establece entre elas.



15.1.14

ALGUNHAS CONCLUSIÓNS DE "NELA"...

Nesta ocasión o libro de Nela gustou a todos os participantes do club de lectura de banda deseñada. Aquí extraemos algúns dos comentarios dos nosos lectores.

Soraya: “O cego simboliza que a humanidade canto máis lle des máis dano vai facer. As sociedades avanzadas son as que máis dano fan ao mundo e as persoas...”

Brandán: “O cego pode ver o que non se ve”
“O cego era boa persoa ata que recuperou a vista”

Laura: “O libro suxire que ás veces os que verdadeiramente estamos cegos somos o que temos vista porque non nos fixamos no que é certamente unha persoa, distraémonos con outras cousas...”

Ambar: “É un libro triste, mais gustoume moito”

Sofia: “Unha obra triste e bonita á vez”


11.12.13

CREANDO HISTORIAS: Nomeado membro "especial" dos clubs de lectura.

O pasado luns tivemos unha visita especial na sala de profesores; buscando a caloriña un saltón achegouse ao cristal, a profe de Bioloxía fotografouno e fíxoo famoso en Facebook xerando unha conversa a tres bandas entre profe de bioloxía e as coordinadoras dos clubs.
A conclusión: vimos de nomealo novo membro dos clubs de lectura do IES de Poio... e aquí o tedes... a que é lindo???? 

Podería ser o protagonista de moitas lecturas:




Alguén se anima a convertilo en personaxe, por exemplo, dun relato ou dun poema??? Poderiamos comezar dándolle un nome... e logo???

Esperamos as vosas colaboracións, enviádeas ao seguinte enderezo electrónico:

bibliotecaiespoio@gmail.com

2.12.13

O caderno de Ánxela: Fang fálanos de China

Esta mañá, no marco da sesión do club sobre O caderno de Ánxela ( grupo de 2º de ESO), tivemos un convidado moi especial: o noso compañeiro chinés Fang Ziang (4º de ESO).

Como sabemos a nosa protagonista Ánxela fora adoptada e o seu país de orixe é a China, concretamente a cidade de Xián e nós queriamos saber onde quedaba esa cidade e algunhas cousas máis sobre os costumes do país.

Fang contounos que Xian é unha cidade moi grande e con moita historia, moi antiga; dixo que queda un pouco lonxe da súa casa que está en Xuzhou e entón quixemos coller un atlas da biblioteca e que nolas ensinara no mapa e ficamos moi impresionados polo grande que é a China  e da distancia.
Falamos logo do número de habitantes do país, da súa superficie para pasar a informarnos sobre as festas e o seu calendario: a festa da Lúa chea que vén sendo coma o noso Nadal.

Relatounos que o seu cole na China era moi grande, 2000 alumnos, 63 alumnos por clase e cun horario de 7 da mañá a 7 da tarde e que estudian chinés e ingles e xeoloxía. 

Preguntámoslle se había clubs de lectura e respostou que si pero que ninguén ía ( vaia cos chineses!!!).

Para rematar quixemos saber se había dragóns en China e dixo que si, que os de alá tiñan seis pernas e moitas escamas.
Graciñas Fang por achegarnos ao teu país e ao da nosa protagonista.


O caderno de anxela from ANXOS RIAL on Vimeo.

26.11.13

Comparando "As crónicas de Landereina", " Dragal" e "Los juegos del hambre". As personaxes femininas.

 
Esta mañá tivemos unha reunión moi interesante arredor da lectura do grupo 1 de 2º de ESO que partindo da análise de Las crónicas de Landereina rematou falando sobre os libros con protagonistas "heroínas, guerreiras" femininas e comparándoa coa tan sonada "Los juegos del hambre" xa que todas ou leran ou viran a película.
As chicas están encantadas coa lectura, conquistadas pola trama, adoran a Berenguela, sinten a morte de Cátaba e non a comparten; a intriga tenas envoltas e xa non houbo maneira de paralas, para a seguinte sesión vén o libro rematado.
Enredando cos personaxes e os libros de aventuras saltamos de lectura en lectura, comezamos con Dragal (que veñen de ler na aula de galego) e a través de Mónica, a protagonista feminina chegamos a Katleen en Los juegos del hambre; diferentes prototipos as tres de heroínas femininas.
Envoltas en aventuras andan as elas pero no pasado (Berenguela), no presente (Mónica) e no futuro (Katleen); atopan máis afinidades entre Berenguela e Katleen, Mónica é a segunda protagonista para salvar a Adrián, as dúas anteriores son escollidas polo destino para salvar ao seu mundo, ao seu país.
Curiosos estes fíos que elas van tecendo coas súas lecturas, que as levan do texto ao cine, do pasado ao futuro polos camiños da mitoloxía e das probas que hai que superar, o medallón de Adrián e a pedra de Berenguela, as guías no camiño.
Coinciden en que as tres son novelas de aprendizaxe nas que os protagonistas deben superar probas moi duras para salvarse ou para salvar aos seus.
Para a seguinte sesión van reflexionar sobre que elementos narrativos usou a autora para crear Landereina: unha heroína, a recreación dun mundo mítico,                                     unha pedra máxica...


 E alí estamos nós, no blog das Crónicas de Landereina:



http://www.landereina.com/2013/12/as-vosas-opinions-2.html






12.11.13

DRAGAL COS TRASNOS DOS LIBROS: VISITOUNOS ELENA GALLEGO ABAD .


"A biblioteca do IES de Poio é un lugar máxico, cheo de Trasnos e algún ca outro dragón. Para mostra, esta imaxe de hoxe mesmo:



Estas son as palabras que Elena Gallego Abad nos deixa no seu Facebook tras a súa visita á nosa biblioteca esta mañá.

A súa intervención comezou cunha pregunta: 
Que acontecería se na vida real houbese dragóns?  Eu quería que cando lerades os libros de Dragal dubidaredes se existen ou non os dragóns xa que logo todo o que hai en Dragal existe. Quería tecer unha fantasía nova a partir da Historia que xa existe e vencellala a Galicia".

E logo viñeron máis preguntas...
E o final de Dragal? O final escribiuse el só.
Como se publicou? Se queredes que algo se publique ten que ser moi especial; eu quedei finalista no Premio Fundación Caixa Galicia e o editor díxome que a novela estaba sen acabar ao que lle respostei que era unha triloxía. Dragal I,II, III escribiuse deseguido e nunha cea contactoume un produtor de cine polo que agora vaise rodar unha serie de TV, un proxecto educativo  e un vídeo-xogo. Finalmente Dragal serán tres triloxías.

E as ilustracións? O ilustrador foi Miguel Abad e debeu combinar na imaxe misterio, románico e humanidade.En galicia hai cultura, dragóns e pode haber libros fantásticos divertidos.
Por qué unha historia fantástica?  Eu só lera Harry Potter e Julio Verne, o máis fantástico que lin; intentei dicirlle cousas ao meu fillo que non me ía escoitar pero si ler, se o di un personaxe a mensaxe vai chegar a máis persoas, o meu fillo ía lelo por ser unha novela fantástica. 

Sentícheste identificada con algún personaxe? En Dragal III, os rapaces que sofren bulling identifícanse e fainos sentir mellor.
Hadrián é o teu fillo? Hadrián só é o meu fillo na forma de commer galletas, no resto non.

Que te inspirou? O que eu falaba era historia mais non había ningunha historia dun rapaz que se transformara en dragón.
Do que investigaches, que foi o que che pareceu máis incrible? O dragón está máis presente do que pensamos - no escudo do Madrid, en Gaudí, na anatomía de Leonardo da Vinci...- e houbo intencións de borralo.

Por qué ambientaches a novela en Galicia? En Galicia hai catacumbas, hai igrexas románicas, capelas con dragóns, pozas da moura...
E a maxia? Hai sitios máxicos e para min a biblioteca é o sitio máis máxico, se lle engades unha chave e unha prohibición... xa hai maxia.

E falamos e falamos, e falamos... realmente tod@s nos sentimos moi a gusto con Elena, creouse un ambiente agradable e máxico entre trasnos e dragóns; Moitas grazas Elena.

DRAGAL NO IES DE POIO on PhotoPeach