2.5.16

A miña planta de laranxa lima

Boa tarde lectores e lectoras!
Comezou maio e comezamos unha nova lectura no club de 2º da ESO. Agora imos meterlle os ollos ao libro A miña planta de laranxa lima, do autor brasileiro José Mauro de Vasconcelos. É un libro que ten xa varios anos (aínda non nacera ningún de nós cando foi escrito!), pero a bondade, a beleza e o corazón que o autor pon en cada páxina fai desta obra unha lectura para todos os tempos e todas as épocas. 

O protagonista do libro é un neno chamado Zezé que, como todos os nenos, sempre anda a meterse en leas e é castigado polos seus pais. Pero velaí que un día atopa un amigo que lle ensina o que é a bondade... 

29.4.16

OS TRASNOS DOS LIBROS NA ARRIBADA VIKINGA A CATOIRA.



O pasado xoves os clubs de lectura de 2º, 3º e 4º da ESO vivimos unha emocionante xesta que os conquistadores vikingos envexarían: arribamos en Catoira en drakkar para compartir o encontro co autor Xesús Constela co alumnado do club de lectura do CPI Progreso.


A mellor das aventuras, desde a chegada ao apeadeiro de Catoira onde fomos recibidos cunha pancarta de benvida polos nosos anfitrións, a singradura polo río en drakkar, o encontro co autor de LIBRO DAS ALQUIMIAS (que previamente tiñamos lido os participantes) e a sesión de recomendacións lectoras entre os asistentes... AH!!! e a rosca que nos ofreceron para merendar.

Como poder resumir en poucas palabras tan encantadora xornada, pois case imposible, mellor coas imaxes e a música que refliten nos nosos sonrisos a epopeia vikinga (con cornos incluídos...) que vivimos en moi boa compañía.

Grazas a Anxos Paz coordinadora dos clubs de Catoira, a Xesús Constela por exercer de escritor e compañeiro e a Milagres Romero por apoiarnos.

E postos, xa compartimos a lectura de A ratoneira na 2014/15, O libro das alquimias no 15/16, haberá que ir votando a lectura do 2016/17 non si????.




         

28.4.16

4.4.16

Nova lectura no Club de 1º de ESO


Este mércores 6 de abril comezaremos a lectura de Palabras, un álbum ilustrado de Jesús Marchamalo e MO Gutiérrez e editado por Kalandraka. Con el trataremos de atopar todo o que agochan as palabras baixo as súas letras e o seu son... porque unha palabra é moito máis que unha palabra!

Vémonos o mércores no recreo!

16.3.16

101 pulgas. Club de lectura de 1º de ESO


Entre lectura e lectura, de cando en vez, gozamos cos microrrelatos de 101 pulgas, unha obra creada por cinco narradores orais e escritores e publicada pola Editorial Palabras del Candil. Polo de agora, lemos as pulgas de Paula Carballeira e de Pablo Albo, autor tamén do noso querido Dióxenes. Aquí quedan as imaxes das nosas frases preferidas das pulgas de Paula e das pulgas de Pablo, que dentro de pouco compartiremos cos compañeiros e compañeiras do centro.

Club de lectura 1º ESO. Rematamos "La tejedora de la muerte" de Concha López Narváez



No club de lectura de 1º ESO vimos de rematar a lectura de "La tejedora de la muerte" de Concha López Narváez. Un pouco de misterio, un pasado sen resolver e momentos de tensión para un libro que nos encantou. Hoxe falamos do argumento e fomos tecendo unha tea de araña coa que despois xogamos un rato. Pasámolo de medo!


3.3.16

Libros á eito: Ámote Leo A. de Rosa Aneiros, a novela viaxeira.

Presentamos Ámote Leo A de Rosa Aneiros a nosa próxima lectura no club de lectura de 4º de ESO e como non podía ser menos xa que se trata dunha novela de viaxes, a novela en libro veu ata nós viaxando desde Vilalba.
Grazas ao servizo da Asesoría de bibliotecas escolares "Libros á eito", o blog onde as bibliotecas escolares publican os libros que ofrecen en préstamo a outras bibliotecas contactamos cos responsables da biblioteca do IES Luís Peña Novo que nos facilitou os exemplares; alí recolleunos a nai dunha compañeira do equipo de biblioteca que llos pasou a unha amiga da nosa compañeira que os trasladou a Vigo onde foron recollidos pola nosa compañeira ata chegar a Poio, ás mans das nosas lectoras. 
É polo tanto Ámote Leo A. unha novela viaxada grazas a boa vontade destas persoas implicadas na lectura.

Con esta historia comezamos a presentación da nosa futura lectura e ademais contamos coa colaboración de Laura de 1º de bacharelato A para a introdución lectora:

"A min a parte que máis me gustou foi a de Marrocos -di Laura - porque o describe como dunha maneira máis interior, o irmán de Leo non pode viaxar e ela faino por el e cóntallo a través de mensaxes, por twitter, é algo moi bonito"
"O libro gustoume pero deume pena non seguir lendo os outros. O que máis me gustou foron as viaxes e entráronme ganas de viaxar."

Recoméndalles ás lectoras do club: "Que o lean despacio e que desfruten del".

Xa vos iremos comentando...


2.3.16

Que pasará nos próximos episodios? Club de lectura de 1º ESO


As rapazas e rapaces do club de lectura de 1º da ESO veñen de ler os sete primeiros capítulos de "La tejedora de la muerte" de Concha López Narváez. Na metade da lectura aventurámonos a imaxinar que pode pasar nesta historia de misterio e mecedoras que se moven soas:

Elianna pensa que a vella volverá a tecer unha franxa e a protagonista da historia morrerá. 

Lúa pensa que a tecedeira morrerá antes que Andrea e, aínda que a morte lle ronda, salvarase.

Noelia pensa que o pobo insultou á tecedoira e que por iso sobre o pobo recaiu unha maldición.

Julia pensa que a tecedeira teceu 10 franxas e que a protagonista en realidade está morta.

Andrea pensa que a tecedeira é en realidade a irmá da súa nai e por iso evita que siga tecendo para evitar máis mortes.

Alejandra pensa que a mecedora pertencía á súa avoa e que, ao final, todos os personaxes morrerán.

Nerea pensa que botarán a Andrea do pobo porque non queren que saiba que a tecedeira era en realidade a súa avoa.

Abraham pensa que a familia dunha das víctimas envelenará á tecedoira e que nunca ninguén mías morrerá no pobo.

Lola pensa que Andrea se atopa coa tecedeira morta e lle manda facer unhas probas terroríficas.

Sandra pensa que Andrea atopará á tecedeira tecendo unha bufanda co número de franxas da idade que ela ten.

Laura pensa que fuxen por medo porque a tecedeira fixera unha bufanda con 10 franxas, que era a idade que tiña Andrea.

Andrea I. pensa que atopará o tecido e co medo, tropezará e morrerá por accidente.

Quen se achega máis ao final da historia? Saberemolo na próxima reunión. Ata entón, lembrade manter as luces acesas e procurar a compaña dun adulto para ler esta arrepiante historia.

20.2.16

Carla e Sabela preséntannos "EUROPA EXPRESS" de Andrea Maceiras.


Esta semana no club de lectura de 4º de ESO tivemos unha invitadas moi especiais: Sabela e Carla, alumnas de 1º de bacharelato e participantes do Club de lectura de banda deseñada.

Acompañáronnos para presentarnos a obra de lectura deste trimestre, Europa express de Andrea Maceiras que previamente elas tiñan lido para a aula de lingua galega.

Estaban un pouco nerviosas e preocupadas por non adiantar nada sobre os feitos que acontecen na novela e custoulles comunicarse coas chicas de 4º de ESO pero finalmente fixéronno moi ben.

Escoitádeas: 
  • Carla: "A min este libro pareceume un dos mellores que lin ata agora, engancha moito e unha vez que empezas a lelo xa queres coñecer o final; a verdade é que me levou pouco tempo lelo e recomendaríallo a todos oa meus amigos. Eu penso que Andrea, a autora, soubo en todo momento que facer e como escribilo. O libro provocoume facer reflexións sobre a amizade, eu creo que os amigos non deben distanciarse como lles sucedeu aos protagonistas. Gustoume moito que o punto de vista fose o de todos os personaxes, que todos tiveran a oportunidade de dicir o que pensaban e que os lectores puidesemos saber como se sentía cada un tras a morte de Xacobe."
  • Sabela: " É un libro moi interesante que fai que vexas a historia coma algo cercano que nos pode pasar a calquera e esperta reflexións nun mesmo. A min déronmme ganas de facer unha viaxe cos meus amigos e desfrutar moito deles que son o mellor que teño. Este libro fala de amor, coa historia de Xacobe-Aroa-Nico como eixe, da felicidade que sentían ao viaxar todos xuntos por Europa. Tamén dá conta do crecemento, da madurez, da busca da identidade e da morte, circunstancias que fan que os personaxes sexan redondos e que evolucionen ao longo da obra por mor das situacións que viven, que os van formando".
Grazas pola súa aportación ás dúas.