29.12.14

A PRÓXIMA LECTURA NO CLUB DE BANDA DESEÑADA SERÁ "LOS NIÑOS SIN ESPEJO" DE DAVID RUBÍN

Anunciámosvos a nova lectura no noso club, que será sen dúbida moi especial polo contido e pola carga de emoción que teñen as páxinas desta obra de David Rubín. Trátase da xenial aportación que o autor fixo recentemente nun novidoso proxecto de Oxfam Intermón. Ante os drásticos recortes que a axuda oficial ao desenvolvemento ven sufrindo desde o inicio da crise, a ONG Oxfam Intermón propón a oito grandes artistas do mundo do cómic que conten historias vividas de primeira man sobre a colaboración que realizan e o sentido que esta ten. Así, invitan aos autores a viaxar aos países onde eles colaboran, experiencia que logo plasmarán libremente en historietas de cómic. Da experiencia de David en Burundi nace “Los niños sin espejo”, obra que aporta en poucas páxinas innumerables suxestións, reflexións e emocións.

Se queredes consultar máis sobre o proxecto e a obra déixovos aquí estas direccións web:

10.12.14

Sesión final de "O corazón de Xúpiter"

Hoxe ademais de darlle a benvida a un novo compoñente do nos club, Cristina de 1º de ESO, tivemos a reunión dos mércores: Aquí tedes os podcast da posta en común desta mañá na biblio, as conclusións de "O corazón de Xúpiter", acordo unánime sobre o libro. 


9.12.14

INTERESANTES E PRODUTIVAS SESIÓNS DO CLUB DE BANDA DESEÑADA

Compartir a lectura de El paréntesis de Élodie Durand no club de lectura ven sendo unha intensa e gratificante experiencia. Esta obra flúe a través dunha especie de acto de resiliencia da autora, é dicir, de expresar, a través dela, a capacidade de repoñerse ante as adversidades. El paréntesis é un cómic autobiográfico que narra o período de sete anos nos que Élodie foi diagnosticada, tratada e curada dun tumor cerebral que lle provocaba ataques epilépticos e perda de memoria ata o punto de obrigala a cuestionarse a súa propia identidade.
Esta vez un dos métodos que empregamos para traballar a obra foi a análise das imaxes, imaxes que a autora debuxou tanto baixo os efectos da enfermidade como en estado de recuperación. A continuación vos presentamos algunhas das moitas imaxes coas que traballamos sempre como punto de partida para chegar a diferentes temáticas e interpretacións de lecturas debuxadas.



Na hermenéutica feita no club de lectura desta primeira imaxe os propios alumnos suxeriron estas ideas sobre as que despois traballamos e discutimos:
- A soidade dos incomprendidos que son acosados pola mirada dos outros
- A mirada aos diferentes










Nas seguintes imaxes vese como a autora representa en toda a obra a enfermidade como un mostro, como unha sombra escura... 



O CLUB DE LECTURA DE 4º DA ESO

No club de lectura de 4º da ESO coordinado pola profesora Mª Elena Costas Crespo estase a ler Hotel Almirante de Marta Rivera de la Cruz

A obra céntrase en Cristina Sanjuán, unha moza madrileña que elixiu un estraño lugar para acabar coa súa vida: unha habitación do Hotel Almirante en Ribanova. A rapariga nunca antes estivera na cidade, ninguén a coñecía, ninguén sabe por que se suicidou. Con todo, Cristina tiña un motivo para seleccionar o escenario da súa morte e o certo é que esta non podía suceder doutro xeito. Hotel Almirante reconstrúe unha apaixonante e desagarradora historia de amor, á vez que se desenvolve a historia do hotel, desde a súa fundación na segunda década do século XX ata os anos de posguerra.

29.11.14

O pintor do sombreiro de malvas: 125 anos da morte do pintor.


No vindeiro ano 2015 conmemóranse ao 125 anos da morte do pintor Vincent Van Gogh, representante do postimpresionismo e protagonista do libro que estamos lendo no club de 3º de ESO: O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro. 

O museo Thyssen Bornemisza vaino celebrar coa exposición de cinco das súas obras que o artista pintou na súa viaxe por Europa e que representan cidades deste continente.



Nos Países Baixos, no Noordbrabant Museum, van realizar un carril para bicicleta con pedras luminosas que se activan coa luz solar facendo referencia a outra de sus grandes obras: A noite estrelada, obra que nos resulta coñecida pois nela está baseada a portada do noso libro.


(As imaxes pertencen ao Museo Thyssen).

19.11.14

O corazón de Xúpiter e os bos usos de Internet.

   Esta mañá tivemos a nosa sesión do club de lectura de 2º de ESO ( que non para de crecer) para realizar a nosa posta en común sobre O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas; pasados os momentos iniciais de premura no que tod@s coincidían en que querían acabar xa! o libro, pois están moi "enganchados" coa lectura, puidemos profundar e analizar as tramas da novela que xiran arredor da nosa protagonista.
   Adiantámonos aos feitos sobre que acontecerá no encontro de Isla e Xúpiter????, como será el???... e andando, andando, comezamos a falar da conveniencia destas citas "a cegas", das quedadas a través da Rede con persoas que no coñecemos no mundo real; contaron como realizan eles e elas estas prácticas nas Redes Sociais, aportamos casos prácticos que se están a dar hoxe en día cada vez con máis frecuencia no seu mundo: a publicación e difusión de fotos dos outr@s, as ameazas por whatshap, as citas cos descoñecid@s...
   Son estes rapaces e rapazas do noso club moi madur@s nas súas afirmacións e reflexións sobre o tema mais recoñecen que esas prácticas virtuais, eses malos usos das novas tecnoloxías non deben producirse pero se producen e ás veces  se ven enleados nelas.
Que pasará con ese encontro de Xúpiter e Isla? seguro que no próximo encontro teremos moito que dicir. 


2.11.14

INAUGURACIÓN DO CLUB DE LECTURA DE BANDA DESEÑADA


O pasado mércores inauguramos o club de lectura de Banda Deseñada. Aquí tedes unha foto dalgúns dos membros, non están todos porque algúns estaban nun exame o día da inauguración.
Este ano comezamos as “lecturas debuxadas” coa obra de Élodie Durand El paréntesis. Traballaremos non só a narrativa, senón tamén a interpretación de imaxes, así como temas de actualidade e dilemas éticos que se nos irán presentando ao longo do camiño lector.
Agora o que queda é gozalo!

15.10.14

Presentamos o club de lectura de 2º de ESO. O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas.

Esta mañá tivemos a primeira sesión de presentación do club de lectura de 2º de ESO, ben puntuais estabamos todos e todas (Fran, Blanca, Jessi, Yolanda, Iria e Iria, Gabriela, Maena, ben, menos Sara que se nos despistou un pouco) para asinar o noso contrato, presentar a primeira lectura e pactar.
De novo e por terceiro curso consecutivo vainos acompañar O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas, unha lectura que seguro que lles vai encantar. 
Con ilusión fixemos as fotos de familia e aquí nos tedes:






E Ledicia dixo:

"Grazas a vós, por mostrarme sempre tanto agarimo! Mándalle un saúdo a toda esa rapazada"

10.10.14

O club de lectura de 3º de ESO: O pintor do sombreiro de malvas:


      O club de lectura de 3º de ESO comeza xa a súa andaina con tres novos membros e nova lectura: O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro abre o noso curso lector, cheíño de lenzos, de sabores e de cores da Provenza. 


Aquí nos tedes:



Os contratos dos clubs de lectura.

Pertencer a un club de lectura é un pracer e tamén é un compromiso, hai que gozar da lectura e hai que asumir responsabilidades. Coa fin de reflexionar sobre esas responsabilidades nos Trasnos dos Libros asinamos un contrato que deberemos cumplir ao longo do ano lector: