11.5.11

FONTENLA DE AUGA FRESCA


   Os pasados días sete e doce de abril,  alumnos dos nosos clubs de lectura de terceiro e cuarto de E.S.O. puideron calmar a súa sede  bebendo do cano da nosa fontenla a auga fresca da lírica, líquido límpido que baixou en enxurrada a rozar as bardancas dos seus corazóns.


Con Pura Vázquez compartiron sede de amor, bágoas doutros pozos:

Teño unha flor en ti asolagada,
-amor, amor-, nadándome na alma.

Teño meu goio en ti, teño teu goio,
-amor, amor-, nacéndome nos ollos.

Teño(...)

Abrazaron o amor de Mªdo Carme Kruckenberg con paixón:

Cinguirte cos meus brazos
arredor de min
coma un fío de auga
que me rebaixe esta febre
que non esmorece nos meus ósos.
(...)

E tamén subiron a bordo os nosos intrépidos mariñeiros do sentir, dos mares procelosos da lírica, primeiro na embarcación de Darío Xohán Cabana:

(...) cousa linda movéndose galana
na crista do abalar, preciosa dorna
onde un home libérrimo se afana.

Despois abarloaron ao navío de Luz Pozo na súa Badía de Vigo, axexaron dentro e caeron, sobre cuberta, devagariño, nun sentir salgado, intenso e harmonioso:
(...)
Bicas fondo, máis fondo que a badía.
Apresa as miñas mans.
Podes verter no corazón
a brisa que abanea as xarcias xa salobres.

Pon a faciana aquí e a néboa quece.
E déitate no chan a rematar a música.

Augas frescas da Fontenla, seguide a regar estes gromos para que medren vizosos, con moito zume no interior.

8.5.11

COMEZAMOS UNHA NOVA ETAPA DE LECTURAS

Este terceiro trimestre comezamos unha nova andaina lectora, aínda que algunhas estades cheas de exames, pensade que un bo libro nos pode axudar a descansar do estudo e agora co bo tempo apetece un ratiño de relax ao sol.
En terceiro de ESO leremos Reckless de Cornelia FunKe, (por recomendación das alumnas de 4ª que o leron no 1º trimestre), en cuarto leremos Ás de bolboreta de Rosa Aneiros que xa iniciamos todos xuntos na clase.
As chicas de 1º de bacharelato seguirán compartindo coas súas compañeiras francesas O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas; xa tivemos a primeira sesión sobre o libro que nos axudou a aclarar dúbidas sobre os personaxes (fundamentalmente Herbal e o Pintor), o tempo e os feitos históricos que enmarcan a novela. Acordamos facer unha liña de tempo para organizar os feitos por orde cronolóxica.
Para animarnos, aquí queda o comezo de Ás de bolboretas, a tenra conversa do avó e o neno no Luzada:
" - Avó, e ti onde dormes?
- Onde todos os avós.
- No cemiterio?... Debe ir frío aló.
- No cemiterio, claro.
- Onda a avoa.
 - Non, ela non. ela está no ceo...."