11.5.11

FONTENLA DE AUGA FRESCA


   Os pasados días sete e doce de abril,  alumnos dos nosos clubs de lectura de terceiro e cuarto de E.S.O. puideron calmar a súa sede  bebendo do cano da nosa fontenla a auga fresca da lírica, líquido límpido que baixou en enxurrada a rozar as bardancas dos seus corazóns.


Con Pura Vázquez compartiron sede de amor, bágoas doutros pozos:

Teño unha flor en ti asolagada,
-amor, amor-, nadándome na alma.

Teño meu goio en ti, teño teu goio,
-amor, amor-, nacéndome nos ollos.

Teño(...)

Abrazaron o amor de Mªdo Carme Kruckenberg con paixón:

Cinguirte cos meus brazos
arredor de min
coma un fío de auga
que me rebaixe esta febre
que non esmorece nos meus ósos.
(...)

E tamén subiron a bordo os nosos intrépidos mariñeiros do sentir, dos mares procelosos da lírica, primeiro na embarcación de Darío Xohán Cabana:

(...) cousa linda movéndose galana
na crista do abalar, preciosa dorna
onde un home libérrimo se afana.

Despois abarloaron ao navío de Luz Pozo na súa Badía de Vigo, axexaron dentro e caeron, sobre cuberta, devagariño, nun sentir salgado, intenso e harmonioso:
(...)
Bicas fondo, máis fondo que a badía.
Apresa as miñas mans.
Podes verter no corazón
a brisa que abanea as xarcias xa salobres.

Pon a faciana aquí e a néboa quece.
E déitate no chan a rematar a música.

Augas frescas da Fontenla, seguide a regar estes gromos para que medren vizosos, con moito zume no interior.

No hay comentarios:

Publicar un comentario