7.6.16

O CLUB DE 2º DESPÍDESE POR ESTE ANO

Martes.
11.30 da mañá.
Biblioteca do IES de Poio.

Arredor dunha mesa e cunhas lambetadas compartidas, con non moita orde na quenda da palabra, os participantes do club falaron: 

Yasmina fai un resumo rápido: 
YASMINA: É a historia dunha familia que non podía pagar a casa e mudáronse a unha casa nova. Nela había moitas árbores, repartíronas entre os irmáns e Zezé elixiu unha delas e púxose a falar con ela, pero a árbore non lle respondía.
Cristina vai ao gran: 
CRISTINA: Gustoume pero pareceume triste, deume moita pena.

A opinión de Gonzalo parece que ten máis que ver cos dereitos da infancia: 
GONZALO: Non me parece normal que os irmáns lle pegasen ao neno da historia. 

Un pouco de sentimento por parte de Laura: 
LAURA: Se non morrera o amigo, gustábame moito máis. 

Daniel atopou unha das claves do libro: 
DANIEL: Pareceume moi raro que o neno se comportara como un neno pero que fose capaz de pensar como un adulto.

E con este comentario de Daniel, todos concordamos en que Zezé, o protagonista d´A miña planta de laranxa lima, era un rapaz moi intelixente. 
Tamén CAROLINA, UXÍA, ALEJANDRO, MIGUEL... tiñan moito que dicir pero... que ricas estaban as lambetadas!!

Martes.
11.50 da mañá.
Biblioteca do IES de Poio.
Despedida. 
Foi un pracer compartir con vós, nenos e nenas de 2º da ESO, estes case nove meses de lectura. 
Ata o ano que vén!

1.6.16

Falando de poesía

Estamos rematando o curso e tamén o Club de Lectura por este ano. Hoxe lembramos unha das lecturas que fixemos no primeiro trimestre: o poemario Penúltimas tendencias.

video

25.5.16

ENCONTRO ENTRE CLUBS DE LECTURA CON VISITA AO MUSEO DE PONTEVEDRA E ROTEIRO POLA CIDADE


Hoxe fixemos un encontro entre o Club de Lectura de 1º da ESO e o Club de Lectura de Banda Deseñada. Pasámolo en grande! Foi un día moi completo... Primeiro fomos a unha visita guiada da Exposición de Castelao no Museo de Pontevedra. Despois fixemos un Bingo moi orixinal que era un xogo de presentación para que os lectores dos Clubs se coñeceran entre si. A continuación fixemos un roteiro buscando os “Segredos ocultos” da Cidade de Pontevedra onde os alumnos aprenderon moitas curiosidades da cidade por si mesmos e a través de explicacións de apoio (con visita ao campanario da Basílica de Santa María incluída!) Finalmente, cando rematamos de xantar subimos ao palco da música da Alameda e intercambiamos vivencias, gustos, experiencias, etc entre os distintos compoñentes dos Clubs.




19.5.16

Palabras, palabras e máis palabras...

Marchamalo, J. e Gutiérrez, MO, Palabras. Editorial Kalandraka
A partir da lectura de Palabras de Jesús Marchamalo e MO Gutiérrez, reflexionamos moito sobre as sensacións que poden provocar en nós as palabras...

Despois de darlle moitas voltas a palabras agradables, cursis, repelentes (en todos os idiomas!) decidimos facer o proceso do revés: así, a partir das sensacións provocadas por obxectos escondidos en caixas negras que trouxeron os participantes do club, escribimos as palabras suxeridas.



Porque moitas veces non nos decatamos de tantas que utilizamos ao longo do día, pero as palabras teñen moitos poderes: o poder de namorar, de ferir, de crear amizades, de facer rir...

Xa vedes nas imaxes o ben que o pasamos todos e todas (menos mal que Eli non meteu o caracol que tiña pensado...)

E o vindeiro mércores, excursión de convivencia co club de lectura de banda deseñada para visitar a exposición de Castelao, facer un roteiro polos segredos ocultos da cidade e compartir experiencias lectoras cos alumnos e alumnas de 4º ESO e 1º Bacharelato. O día promete!!!


18.5.16

ALGÚNS LECTORES PENSAN QUE "MAUS" DEBERÍA SER LECTURA OBRIGATORIA

Compartimos con vós algúns dos comentarios que o alumnado do club de Banda Deseñada fixo esta mañá sobre Maus de Art Spiegelman:

- LAURA: “Penso que debería ser un libro de lectura obrigatoria. Aprendes moito. Engancha. Gustoume moito. Ademais cando estaba a ler o libro pensaba na sorte que teño de non ter nacido naquela época e naquel lugar.”
- AITANA: “Lin o libro nunha tarde. Encantoume. É unha gran maneira de Tamén penso que debería ser de lectura obrigatoria. Esperaba un final feliz porque el sobreviviu...”
- XIANA: “Gustoume moito. Deberían de facer libros así de todas as guerras... aprenderíamos moito de historia e maneira amena”
- NATALIA: “Ao principio, cando vin o gordo que era o libro e a letra que tiña deume pereza lelo, porén sorprendeume gratamente a lectura e non podía para de ler. Gustoume moito.”
- DIEGO: “O libro é unha pasada. Aprendes moitas cousas. Todo o mundo debería ler este libro. Vladek caeme ben.”

2.5.16

A miña planta de laranxa lima

Boa tarde lectores e lectoras!
Comezou maio e comezamos unha nova lectura no club de 2º da ESO. Agora imos meterlle os ollos ao libro A miña planta de laranxa lima, do autor brasileiro José Mauro de Vasconcelos. É un libro que ten xa varios anos (aínda non nacera ningún de nós cando foi escrito!), pero a bondade, a beleza e o corazón que o autor pon en cada páxina fai desta obra unha lectura para todos os tempos e todas as épocas. 

O protagonista do libro é un neno chamado Zezé que, como todos os nenos, sempre anda a meterse en leas e é castigado polos seus pais. Pero velaí que un día atopa un amigo que lle ensina o que é a bondade... 

29.4.16

OS TRASNOS DOS LIBROS NA ARRIBADA VIKINGA A CATOIRA.



O pasado xoves os clubs de lectura de 2º, 3º e 4º da ESO vivimos unha emocionante xesta que os conquistadores vikingos envexarían: arribamos en Catoira en drakkar para compartir o encontro co autor Xesús Constela co alumnado do club de lectura do CPI Progreso.


A mellor das aventuras, desde a chegada ao apeadeiro de Catoira onde fomos recibidos cunha pancarta de benvida polos nosos anfitrións, a singradura polo río en drakkar, o encontro co autor de LIBRO DAS ALQUIMIAS (que previamente tiñamos lido os participantes) e a sesión de recomendacións lectoras entre os asistentes... AH!!! e a rosca que nos ofreceron para merendar.

Como poder resumir en poucas palabras tan encantadora xornada, pois case imposible, mellor coas imaxes e a música que refliten nos nosos sonrisos a epopeia vikinga (con cornos incluídos...) que vivimos en moi boa compañía.

Grazas a Anxos Paz coordinadora dos clubs de Catoira, a Xesús Constela por exercer de escritor e compañeiro e a Milagres Romero por apoiarnos.

E postos, xa compartimos a lectura de A ratoneira na 2014/15, O libro das alquimias no 15/16, haberá que ir votando a lectura do 2016/17 non si????.




         

28.4.16

4.4.16

Nova lectura no Club de 1º de ESO


Este mércores 6 de abril comezaremos a lectura de Palabras, un álbum ilustrado de Jesús Marchamalo e MO Gutiérrez e editado por Kalandraka. Con el trataremos de atopar todo o que agochan as palabras baixo as súas letras e o seu son... porque unha palabra é moito máis que unha palabra!

Vémonos o mércores no recreo!

16.3.16

101 pulgas. Club de lectura de 1º de ESO


Entre lectura e lectura, de cando en vez, gozamos cos microrrelatos de 101 pulgas, unha obra creada por cinco narradores orais e escritores e publicada pola Editorial Palabras del Candil. Polo de agora, lemos as pulgas de Paula Carballeira e de Pablo Albo, autor tamén do noso querido Dióxenes. Aquí quedan as imaxes das nosas frases preferidas das pulgas de Paula e das pulgas de Pablo, que dentro de pouco compartiremos cos compañeiros e compañeiras do centro.

Club de lectura 1º ESO. Rematamos "La tejedora de la muerte" de Concha López Narváez



No club de lectura de 1º ESO vimos de rematar a lectura de "La tejedora de la muerte" de Concha López Narváez. Un pouco de misterio, un pasado sen resolver e momentos de tensión para un libro que nos encantou. Hoxe falamos do argumento e fomos tecendo unha tea de araña coa que despois xogamos un rato. Pasámolo de medo!


3.3.16

Libros á eito: Ámote Leo A. de Rosa Aneiros, a novela viaxeira.

Presentamos Ámote Leo A de Rosa Aneiros a nosa próxima lectura no club de lectura de 4º de ESO e como non podía ser menos xa que se trata dunha novela de viaxes, a novela en libro veu ata nós viaxando desde Vilalba.
Grazas ao servizo da Asesoría de bibliotecas escolares "Libros á eito", o blog onde as bibliotecas escolares publican os libros que ofrecen en préstamo a outras bibliotecas contactamos cos responsables da biblioteca do IES Luís Peña Novo que nos facilitou os exemplares; alí recolleunos a nai dunha compañeira do equipo de biblioteca que llos pasou a unha amiga da nosa compañeira que os trasladou a Vigo onde foron recollidos pola nosa compañeira ata chegar a Poio, ás mans das nosas lectoras. 
É polo tanto Ámote Leo A. unha novela viaxada grazas a boa vontade destas persoas implicadas na lectura.

Con esta historia comezamos a presentación da nosa futura lectura e ademais contamos coa colaboración de Laura de 1º de bacharelato A para a introdución lectora:

"A min a parte que máis me gustou foi a de Marrocos -di Laura - porque o describe como dunha maneira máis interior, o irmán de Leo non pode viaxar e ela faino por el e cóntallo a través de mensaxes, por twitter, é algo moi bonito"
"O libro gustoume pero deume pena non seguir lendo os outros. O que máis me gustou foron as viaxes e entráronme ganas de viaxar."

Recoméndalles ás lectoras do club: "Que o lean despacio e que desfruten del".

Xa vos iremos comentando...


2.3.16

Que pasará nos próximos episodios? Club de lectura de 1º ESO


As rapazas e rapaces do club de lectura de 1º da ESO veñen de ler os sete primeiros capítulos de "La tejedora de la muerte" de Concha López Narváez. Na metade da lectura aventurámonos a imaxinar que pode pasar nesta historia de misterio e mecedoras que se moven soas:

Elianna pensa que a vella volverá a tecer unha franxa e a protagonista da historia morrerá. 

Lúa pensa que a tecedeira morrerá antes que Andrea e, aínda que a morte lle ronda, salvarase.

Noelia pensa que o pobo insultou á tecedoira e que por iso sobre o pobo recaiu unha maldición.

Julia pensa que a tecedeira teceu 10 franxas e que a protagonista en realidade está morta.

Andrea pensa que a tecedeira é en realidade a irmá da súa nai e por iso evita que siga tecendo para evitar máis mortes.

Alejandra pensa que a mecedora pertencía á súa avoa e que, ao final, todos os personaxes morrerán.

Nerea pensa que botarán a Andrea do pobo porque non queren que saiba que a tecedeira era en realidade a súa avoa.

Abraham pensa que a familia dunha das víctimas envelenará á tecedoira e que nunca ninguén mías morrerá no pobo.

Lola pensa que Andrea se atopa coa tecedeira morta e lle manda facer unhas probas terroríficas.

Sandra pensa que Andrea atopará á tecedeira tecendo unha bufanda co número de franxas da idade que ela ten.

Laura pensa que fuxen por medo porque a tecedeira fixera unha bufanda con 10 franxas, que era a idade que tiña Andrea.

Andrea I. pensa que atopará o tecido e co medo, tropezará e morrerá por accidente.

Quen se achega máis ao final da historia? Saberemolo na próxima reunión. Ata entón, lembrade manter as luces acesas e procurar a compaña dun adulto para ler esta arrepiante historia.

20.2.16

Carla e Sabela preséntannos "EUROPA EXPRESS" de Andrea Maceiras.


Esta semana no club de lectura de 4º de ESO tivemos unha invitadas moi especiais: Sabela e Carla, alumnas de 1º de bacharelato e participantes do Club de lectura de banda deseñada.

Acompañáronnos para presentarnos a obra de lectura deste trimestre, Europa express de Andrea Maceiras que previamente elas tiñan lido para a aula de lingua galega.

Estaban un pouco nerviosas e preocupadas por non adiantar nada sobre os feitos que acontecen na novela e custoulles comunicarse coas chicas de 4º de ESO pero finalmente fixéronno moi ben.

Escoitádeas: 
  • Carla: "A min este libro pareceume un dos mellores que lin ata agora, engancha moito e unha vez que empezas a lelo xa queres coñecer o final; a verdade é que me levou pouco tempo lelo e recomendaríallo a todos oa meus amigos. Eu penso que Andrea, a autora, soubo en todo momento que facer e como escribilo. O libro provocoume facer reflexións sobre a amizade, eu creo que os amigos non deben distanciarse como lles sucedeu aos protagonistas. Gustoume moito que o punto de vista fose o de todos os personaxes, que todos tiveran a oportunidade de dicir o que pensaban e que os lectores puidesemos saber como se sentía cada un tras a morte de Xacobe."
  • Sabela: " É un libro moi interesante que fai que vexas a historia coma algo cercano que nos pode pasar a calquera e esperta reflexións nun mesmo. A min déronmme ganas de facer unha viaxe cos meus amigos e desfrutar moito deles que son o mellor que teño. Este libro fala de amor, coa historia de Xacobe-Aroa-Nico como eixe, da felicidade que sentían ao viaxar todos xuntos por Europa. Tamén dá conta do crecemento, da madurez, da busca da identidade e da morte, circunstancias que fan que os personaxes sexan redondos e que evolucionen ao longo da obra por mor das situacións que viven, que os van formando".
Grazas pola súa aportación ás dúas.

16.2.16

COMEZAMOS CON "FULLMETAL ALCHEMIST" NO CLUB DE BANDA DESEÑADA


Comezamos nova lectura. Fullmetal Alchemist (“o alquimista de aceiro”) é unha serie manga escrita e ilustrada por Hiromu Arakawa. Todo transcorre nun universo ficticio no que a alquimia é unha das técnicas científicas máis avanzadas coñecidas polo ser humano; a historia céntrase nos irmáns Edward e Alphonse Elric, que queren restaurar os seus corpos por medio da pedra filosofal tras un errado intento de resucitar a súa nai a través da alquimia. Esta lectura debuxada foi proposta polo propio alumnado do Club de Lectura de Banda Deseñada, xa temos no grupo algúns fans da mesma... Falaremos e debateremos con calma sobre ela nas nosas sesións...

14.2.16

O CLUB DE LECTURA DE CIENCIA FICCIÓN NUNHA DAS SÚAS REUNIÓNS





Aquí temos ao Club de Lectura de Ciencia Ficción, coordinado pola profesora Mercedes Noya, do departamento de Francés. Este grupo de lectores está a ler "El nombre del viento", unha novela de fantasía épica escrita por Patrick Rothfuss. Ata o momento todos están disfrutando moito dunha obra que os mantén enganchados e con intriga...

O CLUB ESCOLA DE FAMILIAS PON RUMBO Á LECTURA: VIVENCIA E COMPARTIR




Continuamos un curso máis o Club de Lectura de Escola de Familias do IES de Poio, coordinado por Laura Malvar, orientadora do centro.
Iniciamos esta sesión empregando como recurso dinamizador uns globos, de tal xeito que cada integrante tivo ocasión de visualizar o achegamento ao pensamento adolescente, dun xeito vivencial, reflexivo e compartido.
Esta é unha maneira de achegarnos á lectura que temos entre mans, que aborda un tema que consideramos de moito interese para as familias, tema que aborda a importancia da autoestima. A obra seleccionada, pola súa claridade e concreción é “Mejorar la autoestima” de Carolina Narbón de la Villa e Ángel Márquez de Lara.

9.2.16

Lectura e fútbol danse a man. Galicia, campioa de España sub-17, feminino: Bravoooo Carolinaaaa!!!!!



Na próxima sesión do club de lectura de 4º de ESO de certo que falaremos de fútbol; a lectura e o fútbol non son incompatibles e Carolina Agulla do club de lectura de 4º de ESO 1 é o mellor exemplo:

Coas súas compañeiras vén de ser campioa de España sub-17, feminino e ademais é a terceira máxima goleadora do equipo con tres goles.

Desde o noso, o seu blog queremos felicitala e convidala a que comparta a súa medalla cos seus compañeiros dos clubs de lectura e do IES de Poio. Esperamos que nola traia na próxima sesión do club.

BRAVOOOO CAROLINAAAA!!!!!!!! Bravo a todas elas !!!!

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deportes/2016/02/08/galicia-campeona-espana-sub-17-femenino/0003_201602G8D12992.htm

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/poio/2016/02/09/perlas-poio-brillan-mejores-canteras/0003_201602P9C10991.htm


3.2.16

Medo no club de lectura de 1º de ESO


Hoxe no club de lectura de 1º de ESO tivemos un incidente estremecedor. Cando entramos ao noso centro de reunións, a escuras, atopamos a nova lectura sobre un arrandeadoiro antigo. O máis extrano é que, xunto aos libros, había unha bufarda de lá, en proceso e aínda colocada nas agullas, con doce franxas de cores diferentes... Como non somos medorentas nen medorentos, descubrimos que a nova obra é a historia dunha tecedeira. Que significará o número doce? Por que se titulará "A tecedeira da morte"?

Recomendamos a todas as lectoras e lectores do club que manteñan as luces acesas e lean na compaña dun adulto... polo que poida pasar...

Nova lectura: La tejedora de la muerte, de Concha López Narváez.

27.1.16

Club de lectura de 2º ESO: Un trimestre de medo

Xa estamos de volta, lectores e lectoras!

Titulamos esta entrada así porque neste segundo trimestre imos seguir coas historias de medo, pero de medo, medo e comezaremos lendo Cando petan na porta pola noite, de Xabier Docampo, un clásico xa da literatura galega. O libro non é moi longo, aínda se nos vai facer curto de máis...!

O próximo día que nos xuntemos comentaremos o primeiro conto, "O espello do viaxeiro" e xa vos contaremos o que nos pareceu.

12.1.16

"Que me sorprendeu, que descubrín e que sensacións produce ler "Engurras" de Paco Roca?




Hoxe pola mañá tivemos sesión do club de lectura de banda deseñada. Estamos a ler a obra de Paco Roca Engurras, editada por El patito editorial. Esta novela gráfica que conseguiu o Premio Nacional do Cómic consigue emocionar a lectores de calquera idade. Nela Paco Roca nos conta a historia de Emilio, un antigo empregado de banca, que é internado pola súa familia nunha residencia de anciáns, onde afectado pola enfermidade do alzhéimer vai a experimentar unha nova etapa da vida...

A todos os compoñentes do club de lectura gustoulles o cómic! Ata o momento sempre é esta obra de Paco Roca unha lectura con garantía de éxito...

Esta mañá falamos da enfermidade do alzhéimer, das residencias de anciás e dos “centros de día”, do coidado aos nosos maiores, do paso do tempo, da situación de dependencia para sobrevivir... E os alumnos fixeron unha listaxe con algúns aspectos que destacaron desta lectura, podedes vela no cadro...


Sorprendeume
Descubrín
Sensacións
- O rápido que vai a enfermidade.
- A técnica de debuxo (por exemplo, cando deixa as caras sen rostro para expresar a falta de memoria).
- O ben que se representa o peso da enfermidade.

- Como se senten os maiores.
- A tristeza que pode producir estar nunha residencia.
- A rapidez da enfermidade.
- Como é a vida nunha residencia de maiores.
- Como se sente alguén con alzhéimer.
- Alegría e tristeza.
- Desacougo.
- Empatía (isto o resaltaron case todos os alumnos).
- Tristeza.
- O medo ao paso do tempo.
- Angustia.
- “Medo a facermo vella”.