20.12.12

No club de lectura de 3º de ESO rematamos o trimestre lendo en “portugués”

No día de onte asistimos a un pequeno obradoiro de lingua portuguesa no noso centro, o obradoiro está encadrado no proxecto Terra no que imos participar co profesor de Sociais, Alberto Lago, e a profesora de galego, Anxos Rial; colaboran pois neste proxecto o Equipo de Dinamización Lingüística e a biblioteca do noso centro.
No obradoiro ensináronnos cuestións xerais sobre a cultura e a lingua portuguesa e demostráronnos o fácil que é para nós comprender a lingua veciña que é a nosa lingua tamén.
E para practicar, esta mañá estivemos na biblioteca lendo libros en portugués:
O gato malhado e a andorinha sinha de Jorge Amado, algúns contos de Bichos de Miguel Torga e o álbum ilustrado “Frederico” de Leo Lionni.
Foi moi divertido para todos e ata o noso compañeiro Fang, que é chinés e só leva tres meses con nós, atreveuse coa lingua.

Lecturas en portugués on PhotoPeach

19.12.12

Programa de radio sobre " A lingua das mariposas". Club de 1º de bacharelato.


Hemos preparado un programa sobre distintos temas relacionados con La lengua de las mariposas,.

Belén ha sido la presentadora.
Almudena Yela ha hablado sobre los temas tratados en la película.
Beatriz habla sobre los maestros en la República.
Aiihnoa García habla sobre las ideas de un maestro.


12.12.12

Reunión do club de lectura de 3º de ESO, grupo 2.

Esta mañá previamente ao recitado de Celso Emilio, no recreo tivemos a nosa sesión de club de lectura, pero: Ai, Deus! o libro de texto andaba polo medio... tiñamos exame a seguir... nervios, repaso do último momento... quen falaba de Los juegos del hambre!!!!!.
Chegamos a un acordo: leriamos o poema que para o inicio da sesión nos escollera Mercedes e posporiamos a sesión para a vindeira semana.
Polo menos quedounos un bo sabor de boca cos fermosos versos, escritos por Miguel Hernández, seleccionados por Mercedes e lidos por Nerea:


Tu corazón, una naranja helada
con un dentro sin luz de dulce miera
y una porosa vista de oro: un fuera
venturas prometiendo a la mirada.

Mi corazón, una febril granada
de agrupado rubor y abierta cera,
que sus tiernos collares te ofreciera
con una obstinación enamorada.

¡Ay, qué acometimiento de quebranto
ir a tu corazón y hallar un hielo
de irreductible y pavorosa nieve!

Por los alrededores de mi llanto
un pañuelo sediento va de vuelo
con la esperanza de que en él lo abreve.


28.11.12

Desde Roma a Komármo, desde Komárno a Poio lemos "A lingua das bolboretas": Proxecto Cine-tura

No noso proxecto eTwinning os alumnos traballan con obras literarias que foron levadas ao cine. Comezamos co relato de Manuel Rivas “A lingua das bolboretas” do seu libro Que me queres, amor?. Unha das actividades consistiu na lectura de gran parte do relato por parte dos alumnos dos tres institutos, actividade que forma parte tamén dun dos clubs de lectura da biblioteca do IES de Poio.
Os arquivos de son, gravados cos móbiles en distintos formatos, foron convertidos a mp3. e editados en Podsnack.
 Os institutos participantes son o IES de Poio, o Gymnázium Hansa Selyeho de Komárno, Eslovaquia, e o Liceo Statale Niccolò Machiavelli de Roma.
Estes son os protagonistas das lecturas:  Narrador: Bea Alvela (Poio) Ainhoa García (Poio) Ainhoa Pousada (Poio)   Maestro: Andrea Pacenti (Roma)   Moncho : Francesco Casole (Roma)   Padre: Federico (Roma)   Madre: Orsi (Komárno)   Vecina: Viki (Komárno)   Romualdo: Marcello Baldi (Roma)   Cordeiro: Andrea (Roma).


O traballo completo está publicado no  twinspace:

http://new-twinspace.etwinning.net/web/p88544


25.11.12

"Unha bolsa de canicas"

Empezamos a nosa andaina lendo "Unha bolsa de canicas" de Joseph Joffo, novela escrita en 1973. Esta novela foi traducida a 18 linguas. Ambitada  na Francia ocupada polos nazis durante a Segunda Guerra Mundial, iremos coñecendo pouco a pouco as aventuras dos dous cativos protagonistas, que recorren Francia escapando.

Aqui  tedes unha foto do noso  grupo do Club de Lectura.

22.11.12

As imaxes e as lecturas do Irmandamento, e todos en tirolinaaaa

Irmandamento clubs de lectura: Biblioribeira (Porriño), A pedra do acordo (Tui) e os Trasnos dos libros:

   

 Encontro dos clubs de lectura (II) :



As lecturas: lendas, poemas e textos etnográficos:





E todos en Tirolinaaaaa:




20.11.12

O irmandamento dos clubs de lectura na prensa



Irmandamento de clubs de lectura: Santa Trahamunda e San Paio puideron coincidir prisioneiros en Córdoba.

Pois xa chegaron e xa marcharon, tanto esperar a visita e voou co aire que nos venteaba en Campelo... pero que ben, como foi o encontrooooo. Arredor de 80 rapaces e rapazas, desde 1º de ESO a 2º de bacharelato de Tui, Porriño e Poio compatimos lecturas, palabras, risos, milagres da man de san Paio e santa Trahamunda, as pedras con historia do mosteiro, os hórreos e os cruceiros de Combarro, a tirolina de Campelo (que moito lles gustou a todos e todas) e os libros da biblio do IES de Poio e de sobremesa... a rosca de Nita.
A primeira hora da mañá xa estabamos na biblio repartindo as tarefas (as e os azafatas/-os: Henrique, Miguel, Paula e Nerea, as fotógrafas: Paula, Sofía e Carme, as repartidores de rosca: Silvia e Marco, os lectores: Laura, Paula, Nerea, Claudia, Adrián, Cristina, Noelia, Elvira... )
Cando os nosos invitados chegaron recibímolos cun forte aplauso e xa na biblioteca escoitamos as fermosas palabras da nosa vicedirectora e do señor Alcalde do Concello de Poio. A nosa concelleira de educación agasallou aos invitados cuns libros sobre Poio  e eles regaláronons unha alegre cantiga que crearon para nós:

Na biblioteca do IES de Poio
andan as zocas faladoras
e habitan os trasnos dos libros 
se te deixas por eles enfeitizar
verás coma sempre os vas lembrar.
Así nos pasou a nós
desde A Louriña e o Baixo Miño
tamén desde a veciña Sanxenxo
aquí quixemos chegar
para con vós neste día estar.
IES San Paio.

e xa que logo partimos hacia o mosteiro ao encontro da historia,  da arte e das lecturas sobre a saudade, na procura de Trahamunda, santa deste sentimento tan portugués e tan galego no versos do poeta tudense Xosé María Álvarez Blázquez:
Iste delor da terra, que me aruña
na outa cova dos soños onde teño
o meu segredo amor;

Mais na vila de Combarro estaba agardando por nós o historiador Andrés Dacosta para entregar un presente, un plano do Combarro antigo que celebra o 40º aniversario como patrimonio histórico-artístico. O bulicio da xente nova encheu as rúas e chegou ás cruces dos hórreos e aos Cristos e as Virxes dos cruceiros:
San Roque de Combarro
ten o tellado de vidro
que llo deu un mariñeiro
que se viu no mar perdido.

Chousas, veigas á beira do mar... estaban as mariscadoras plantando a semente dos "berbirichos" co lombo cangado, incansables, cos seus rastrillos arañando a pel do mar.
Xa era a hora do xantar "profe, cando comemos?" e alí marchamos, ao parque de Campelo onde nos agardaban... os parrulos, a tirolina, os campos de deportes, os ban-ban... bocatas, paseos, saltamos á corda e ás profes... gustoulles a tirolina.

Houbo que despedirse "profe, temos que marchar xa???", e as cantigas na despedida:

O mariñeiro no mar
tira polo cobertor
como che hei de dar cariño
se ti non metes amor.


E ao chegar ao instituto todos dixeron: "Profe, para o ano queremos ir a... Porriño".






COMEZO DO CLUB DE LECTURA DE BANDA DESEÑADA

Aquí vos presento ao grupo 1 do club de lectura de banda deseñada!


Iniciaremos a nosa andaina lectora con "Freda", unha obra de Alberto Vázquez e Kike Benlloch. Alberto Vázquez foi nominado como mellor autor novel aos premios do Salón de Cómic de Barcelona co seu álbum "Freda". A obra que imos ler foi seleccionada pola Internationale Jugend Bibliothek (Alemaña) para o catálogo White Ravens 2004. Este catálogo escolle anualmente os 250 mellores libros do mundo de entre os miles que recebe dunha cincuentena de paises.
De momento non adiantamos nada acerca do seu argumento... Deixámolo para a próxima reunión...

18.11.12

IRMANDAMENTO DE CLUBS DE LECTURA

Mañá recibiremos na nosa biblioteca aos membros do club de lectura de IES Ribeira de Louro (Porriño) e do IES San Paio (Tui); estamos un pouco preocupados por que todo saia ben, ao fin e ao cabo somos os anfitrións e desexamos que todos nós gozemos deste encontro (aínda que botaremos en falta aos do IES Sanxenxo que por causas técnicas non poderán asistir). 

Este encontro está organizado pola nosa biblioteca, o club OS TRASNOS DOS LIBROS e polas CONCELLARÍAS DE EDUCACIÓN e a de CULTURA do Concello de Poio e podo adiantarvos que todos nós estamos encantados de recibir aos nosos compañeiros de Tui e de Porriño ( Vaia o noso agradecemento a Alicia, Silvia e a Andrés).
Contamos tamén para esta xornada coa colaboración de alumnado "organizador, lector, fotógrafo, repartidor de sobremesas e monitor de xogos populares" e con Nita, a xefa da cafetería, todo un luxo de persoal... O programa consiste en: 
- Recepción na biblioteca ( coa participación da nosa vicedirectora), lecturas de presentación.
- Visita ao Mosteiro e lecturas sobre a súa arquitectura, tradición e lendas. 
- Visita guiada a Combarro, 40 anos de conxunto histórico artístico.Lecturas etnográficas e literarias. 
- Xantar de irmandamento na praia de Lourido (bocatas) e sobremesa de xogos populares. Lectura de cantigas populares.

 Xa vos iremos contando, polo de agora deixámosvos coa publicación do club de lectura de Tui," A pedra do acordo" sobre a visita, IRMANDAMENTO AUTUMNAL:


Gabriel, dixeches publicamente na xornada de clubs de lectura que querías vir a Poio, mañá vémonos alí.



15.11.12

NINGUÉN de FRAN ALONSO: Primeira sesión en audio

Esta mañá tivemos a primeira posta en común sobre Ninguén de Fran Alonso, no grupo 1 do club de lectura de 2º de bacharelato.
Trala "ruído" inicial, a conversa foinos levando cara adiante e dun "non entendo nada" chegamos a extraer conclusións e compartimos puntos de vista:


O autor envíanos o seguinte enlace para comprender mellor a súa obra, sera convinte que lle botemos unha ollada: https://sites.google.com/site/cabrafanada2/ninguen

11.11.12

Agustín Fernández Paz: "Traballemos cos libros que teñen vida"

Escoitar e falar con Agustín Fernández Paz sempre é un agasallo que el nos entrega desinteresadamente e con moito agarimo; se o seu auditorio está formado maioritariamente por profesores que traballamos a literatura cos rapaces logo as súas mensaxes son urxentes e claras: "traballemos cos libros que teñen vida".
Lémbrános palabras que encontraremos en Farenhait 451 "Sinto que detrás de cada libro hai unha persoa que fala" e el pregúntase se os seus libros teñen vida, se son libros que fan lectores, libros deses que te agarran polo peito e non te soltan... porque teñen vida.
Entón pregúntanos nas palabras de Antonio Basanta: " Vas renunciar a influír nos teus alumnos e deixar de facer unha selección de libros que fan lectores?".


Profundamos no tema da literatura xuvenil, "Que é literatura xuvenil?" e remítenos ás obras de Emili Teixidor. De seguido céntrase na literatura galega en xeral e di que está connotada socialmente: " A lingua e a literatura galegas están inzadas de prexuízos (aburrida, pesada, mala...) que o alumnado trae da súa casa, das familias e do mundo.
Lémbranos que todo profesor ten a obriga de fomentar o gusto pola lectura: " A competencia lectora da cidadanía (analóxica e virtual) é imprescindible para ter unha sociedade democrática, libre e crítica,  os cidadáns libres e creativos de Rodari; a promoción da lectura en galego é igual que en Guadalajara máis as especifidades do contexto no que estamos, as connotacións que leva asociados a literatura en galego. A Literatura en galego vai ser unha ferramenta que contribúe á normalización lingüística, vai desfacer prexuízos."

Despois da súa charla puidemos achegarnos a el e falarlle dos nosos clubs de lectura e ao cominicarlle que no segundo trimestre iamos ler a súa novela Fantasmas de luz, a pesar do seu cansazo, non dubidou con todo o seu cariño en enviarnos esta mensaxe:



Este é o enlace á súa páxina: http://agustinfernandezpaz.eu/

7.11.12

LOS JUEGOS DEL HAMBRE: Sesión en audio.

Está mañá realizamos o encontro co grupo 2 de 3º de ESO que está lendo Los juegos del hambre; resultou unha sesión moi alegre e moi fructífera xa que no medio de risos, bocatas, froitas e bulicio os compoñentes do grupo sácaronlle un bo rendemento á lectura desta primeira parte e o mellor, están desexando continuar.

Pero escoitade as súas voces:



2.11.12

RECKLESS: A sesión do club de lectura en audio

Quen dixo que as TICS non se levaban coa literatura??? Nesta entrada veredes o uso que delas facemos nas nosas xuntanzas:

  • Un podcast gravado co móbil da nosa primeira sesión de Reckless así non esqueceremos nada do que alí se falou, poderemos escoitalo coa lectura máis adiantada e comparar as nosas opinións iniciais coas posteriores; desde logo que haberá que coller confianza e perder a vergoña que nos acompañou nesta primeira gravación.
  • Unha presentación realizada sobre a novela que nos dá información sobre a autora, os personaxes e algunhas claves interpretativas.


28.10.12

PRESENTACIÓN DOS CLUBS DE LECTURA 2012-2013

Durante estes últimos quince días tivemos a presentación dos clubs de lectura de narrativa e poesía de 2º de bacharelato e parte de 3º de ESO pois os dous grupos de Banda Deseñada e o terceiro de 3º de ESO, aínda non comezaron a súa andaina a causa do retraso na chegada dos seus libros.

  • En 2º de bacharelato estreamos o noso camiño lector da man de Ninguén de Fran Alonso no grupo A e con Farenhait 451 de Ray Bradbury no grupo B.
  • En 3º de ESO iniciamos as nosas prácticas lectoras co supervendido Los juegos del hambre de Suzanne Collins no grupo 2, con Reckless. Carne de pedra de Cornelia Funkeno grupo 1 e finalmante con Unha bolsa de canicas de Joseph Joffo no grupo 3.
Sorrisos e bo ánimo acompañaron os encontros, a biblioteca encheuse da ledicia e do bulicio dos rapaces e rapazas, a curiosidade dos novos membros e a ilusión dos que xa participaron en anos anteriores; todos eles marcharon felices co seu libro debaixo do brazo, foi un pracer velos con tan boa predisposición.


OS CLUBS DE LECTURA DO IES de POIO, 2012 on PhotoPeach

14.10.12

LECTURAS PARA O PRIMEIRO TRIMESTRE 2012

Esta semana comezaremos as reunións dos grupos do noso club de lectura; despois da fase organizativa: solicitudes, elaboración de grupos, publicación de listados e redacción do proxecto por fin imos sentarnos a falar de libros.
Para este primeiro trimestre temos escollido narrativa (aínda que intercalaremos as nosas habituais sesións de lírica): clásicos como Farenhait 451, novelas de aventuras como Reckless ou obras de relatos como Ninguén.
Esperamos que gocedes coa lectura de todas elas: 

Feliz inicio do curso lector.



28.9.12

PRESENTACIÓN DE 15724 DE XESÚS CONSTELA. Os trasnos dos libros arroupan ao seu escritor.


No día de onte, a súa familia, os seus amigos, profesores  e alumnos (Os trasnos dos libros) do IES de Poio,e os seus seguidores literarios,  quixemos acompañar ao noso escritor, profesor e compañeiro Xesús Constela na presentación da súa obra 15724 no fermoso marco do Salón de Actos do Edificio Sarmiento do museo de Pontevedra.
O salón estaba cheo e o auditorio moi entegrado concorde á ilusión que o noso escritor sentía por presentarnos esta súa última novela.
No acto organizado polo Ateneo de Pontevedra participaron, acompañando ao escritor, varias persoeiros relacionados coa cultura e co mundo literario galego:
Xaime Toxo destacou que a obra é "Unha novela contra a complacencia (...), unha novela clave da nova narrativa galega". Ana Isabel Vázquez Reboredo dixo que é " Unha novela que nos vai sorprender".
Manuel Bragado fixo un percorrido polas excelentes críticas literarias que está recibindo a obra narrativa, presentouna como a primeira novela do autor no catálogo de Xerais e destacou dela  o "gran dominio técnico e a ollada desconcertada sobre a condición humana", falou sobre o seu "título de poder metafórico" e comentou que era "unha novela aclamada unanimemente pola crítica galega"; fixo referencia ao "poder alegórico da obra que semella escrita para amosar o desacougo do noso tempo e país, da nosa sociedade; un alegato contra a pena de morte, o retrato da opresión das sociedades dictatoriais".
O escritor Adolfo Caamaño realizou unha interpretación literaria e técnica do autor e da súa obra moi  interesante, falou do "escritor que arrisca nos temas e do xeito singular de tratalos", de que  "a fronteira entre  o conto e a novela difumínanse en 15724 (...) Os diálogos intercálanse na narración sen interromper o ritmo narrativo, dándolle sempre un protagonismo claro ao contar en 1ª ou 3ª persoa (...) Atopamos unha contradición entre a ave protectora e a soidade e a indiferencia do individuo".
Continuou Adolfo Caamaño aportando datos sobre as paisaxes fabuladas, a fusión de mitoloxía e simbolismo, a cosmoloxía común da ave, os nomes-alcumes, a recreación que o autor fai no poético, o camiño que percorre na novela da fantasía á realidade máis crúa, do medo á liberdade, da dicotomía amor-odio entre irmáns e da ironía.


Presentación 15724 on PhotoPeach De seguido fixo a súa intervención o noso escritor feliz de compartir a súa obra con todos nós pois nas súas palabras "escribir é unha obra moi solitaria", falounos do título "número inquedante relacionado cun dos protagonistas" do proceso de elaboración do texto legal do Libro dos protocolos, dos catro narradores que atopamos en 15724 (un deles o propio escritor), de Samuel R. e de Gordo (os protagonistas). Concluíu que a novela é unha metáfora na que non se sabe onde remata a cordura e empeza a tolemia e como nos achegou datos sobre a pena de morte no mundo.
O auditorio ficou prendado con estes discursos e coas  interpretacións das pandereteiras A Buxaina nun fin de festa cheo de amizade e de literatura de calidade en galego .

OS NOSOS PARABÉNS, XESÚS. 


Tamém podedes seguir a entrevista que lle fixeron sobre a novela "Os trasnos":

http://aszocasfaladoras.blogspot.com.es/2012/05/os-trasnos-dos-libros-entrevistan-ao.html

16.9.12

OS CLUBS DE LECTURA NAS BIBES GALEGAS

Iniciamos o novo curso escolar escoitando as palabras de Cristina Novoa sobre o labor que todos nós, profesores e profesoras, alumnos e alumnas desenvolvemos coas nosas prácticas lectoras. 
 Que a súa valoración dos nosos encontros, das nosas sesións arredor dos libros nos vallan para comezar unha nova andaina máis ilusionada, máis chea de ideas, de opinións; que poidamos compartir versos, sorrisos, miradas interrogantes y algún que outro cacho de rosca sempre rodeados de palabras, de soños e de viaxes polo mundo da fantasía.

Feliz inicio do curso lector,
esperámosvos... os trasnos dos libros
na Biblioteca


 

21.6.12

AVALIAMOS O NOSO CLUB DE LECTURA: 1º de BACHARELATO

Deseguido publicamos as opinións dos nosos chic@s de 1º de bacharelato:



" Esta actividade parecume enriquecedora xa que é un xeito distinto, e baixo o meu punto de vista moi bo, de comentar a lectura con outros compañeiros e dar diferentes opinións, comentar; creo que esta actividade axuda a mellorar a túa comprensión lectora"
Sandra Villaverde 1º bach. A

"Gustoume seguir coas lecturas actuais e manter o contacto cos clubs que coñecemos. Este ano aprendemos algo máis da opinión entre nós porque tamén puidemos reunirnos con rapaces da nosa idade e comprobar o que pensan das lecturas. Estou moi contenta por participar no club porque penso que valeu moito a pena e que cumpriu as miñas espectativas. Gustariame continuar o próximo curso."
Marta Martínez Lores. 1º bach. B.

"Deberiamos implicarnos bastante máis os alumnos; se houbese tempo sería moi boa idea facer as reunións en sitios máis especiais ou con outros grupos e tamén ler obras de diferentes estilos; poderiamos ir máis veces ao cine ou ao teatro. Gustoume moito formar parte do club de lectura porque as lecturas resultáronme interesantes, as reunións amenas e as actividades inmellorables ( a actividade de pasar o día de San Jordi en Barcelona foi, sen dúbida, a mellor ademais de todo un privilexio. Considero que toda a actividade en xeral foimoi enriquecedora; en realidade non cumpriu as miñas espectativas senón que as superou. Por todo isto eu si vou repetir"
Raquel Montes, 1º bach. B

"O papel do coordinador foi imprescindible para que o ambiente nas sesións fora bo e as conversas sobre as lecturas foran fluídas; as publicacións dos alumnos sobre os libros deberían ser máis abundantes. Gustariame algunha sesión á hora do xantar e se lemos algún libro que transcorre nas proximidades facer un roteiro por ese lugar. Pareceume unha actividade enriquecedora xa que puiden comprobar as diferentes interpretacións que se lle poden dar a unha mesma historia. Superou as miñas espectactivas e gustariame seguir o curso que vén."
Jennifer Otero Iglesias. 1º bach. A. 

"Eu creo que poderiamos facer unha vez ao mes ou así unha reunión na hora da comida para estar todos xuntos máis tempo e seguir coñecéndonos mellor e por suposto para falar dos libros. Este ano no club de lectura coñecín moito máis aos compañeiros, coñecín tamén ao profesor como persoa, polo tanto eu creo que si, que foi moi enriquecedor e que valeu a pena por iso; para o ano que vén gustariame seguir neste club."
Yessica, 1º bach A.

AVALIAMOS O NOSO CLUB DE LECTURA: 2º de ESO.



Como todos os fins de curso pasámoslle a enquisa de avaliación aos nosos chic@s para que valoren o traballo realizado, fagan suxeencias e reserven a súa praza para o curso próximo, estes son os resultados:


2º de ESO:

"As lecturas foron fáciles, amenas e boas; o meu libro preferido foi Los juegos del hambre por que me pareceu un libro diferente aos outros." Como propostas de mellora di: "ler libros non moi curtos, as sesións un día á semana e as actividades unha ou dúas ao trimestre". Na valoración :"Cumpriu coas miñas espectativas, foi amena, enriquecedora e valeu a pena". "Quero seguir no club de lectura."
Lorena Villanueva Casal, 2º ESO A.

"As lecturas foron amenas e interesantes; a que máis me gustou foi Los juegos del hambre, En llamas e Sinsajo. O que máis me convenceu foi a excursión a Tui e os libros". Na proposta de mellora reclama máis reunións e conclúe: "A actividade foi moi divertida, cumpriu as miñas espectativas e valeu a pena. Si quero seguir no club de lectura"
Sara López Regueira, 2º ESO A.

"As lecturas foron fáciles, amenas e interesantes; a que máis me gustou foi Los juegos del hambre, a actividade que máis me convenceu foi a de Tui" Nas propostas de mellora di: " Volver a Tui cos do instituto da anterior excursión e que as reunións non sexan nos recreos". Valora o club dicindo: "Cumpriu as miñas espectativas, foi ameno, enriquecedor e valeu a pena. Quero seguir no club de lectura".
Dunia Ennabar Louriño. 2º ESO A.

"As actividades foron idóneas e a que máis me convenceu foi a de Tui." Valora a actividade como: "Moi enriquecedoraporque cando fomos a Tui aprendemos e visitamos moitos lugares; foi ameno a parte de coñecer a rapaces e das reunións do club sacábase partido; valeu moitísimo a pena e divertinme moito. Quero seguir o ano que vén"
Silvia Rial, 2º ESO A.




12.6.12

V XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA. COMPOSTELA 2012

O sábado pasado acudimos en Compostela á celebración da V xornada dos Clubs de lectura. Compartimos o autobús con IES de Vilalonga, o IES de Sanxenxo e o IES Sánchez Cantón e a pesar das horas tan temperás respirábase moita animación entre os viaxeiros.
Chegados ao Pazo de Congresos, a recollida de material, bolsas, mochilas e libros, a identificación e xa iniciamos as tarefas. Os chic@s asistirón aos obradoiros de poesía (1º de bacharelato) e de Hip-hop (2º de bacharelato) e as impresións á saída foron moi boas; logo durante o café Jenny, Jessica, Mar e Mar participaron na actividade de Libros Vivos con poemas de mulleres: Rosalía e Emily Dickinson, un pouco tímidas no inicio (de comprenderrrr) fixérono moi, moi ben e o que é mellor, gustoulles a experiencia.
Na primeira mesa quedamos impresionados coa intervención dos rapaces, a súa seriedade, madurez e polo contido das súas palabras.
Inés Miret achegounos aos blogs de estudiantes, temas, contidos, estrutura e convenceunos para participar o vindeiro curso no programa iberoamericano: Que estás leyendo.

O xantar divertido, os adultos intercambiaron impresións, experiencias e fixemos algunhas fotos; os chicos de excursión polo hotel abraiados polas súas instalacións.

Pola tarde, máis postas en común, de novo sorprendidos pola intervención dos rapaces, ousaría dicir que do mellor da xornada: emotivos, reflexivos, expoñendo a súa visión dos clubs. Logo a conferencia de Freixanes e o broche final de Carlos Negro: bendito Carlos que nos divirtes ao tempo que nos enches os corazóns de dozura.

Intercambiamos libros e sorpresa, sen sabelo, O porco de pé saíu de Poio e volveu a Poio. 

Chegou a hora da despedida e por fin nos atrevemos, profe eu quería coñecer.... o resto é segredooooo!!!!.

Unha xornada estupenda, todos aprendemos e gozamos, valoración moi positiva... Grazas ás nosas asesoras pola oportunidade e aviso... para o ano QUEREN VOLVERRRRR.


V XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA. on PhotoPeach

24.5.12

Irmandade dos Clubs de lectura "Pedra do acordo" de Tui e "Os trasnos dos libros" de Poio e os peixiños das monxas encerradas...

Irmandade "Pedra do Acordo" (Tui) - "Os trasnos dos libros" (Poio) on PhotoPeach
 Rodeados de poemas, textos narrativos e do gozoso murmurio dos adolescentes, fomos acollidos na biblioteca do IES San Paio polo coordinador do club José María Lores e os seus alumnos; no medio dos libros novos cun poema de Marga do Val (amor non teñas medo se estou soa...) e un limiar de Julio Llamazares ( Por fin aparece Tui... la vieja capital sueva...) emprendemos a visita da man das musas da poesía, da arte e da literatura ao mundo gótico-medieval dos libros e das pedras tudenses. 
Envoltos polas loairas, que de certo saíron para nós despois dos días de choiva, alegremente fixemos o percorrido deseñado por José María e os seus alumnos para nós, chegados do Escorial galego en palabras do "pater" do seminario. 
Monumentos, bibliotecas, paisaxes, igrexas, catedral e convento das monxas encerradas (Coas súas mans fan as monxas encerradas peixiños de améndoas que as devolven ao río...), e o Río e Portugal a saudarnos, sempre envolvéndo os versos, a palabra poética e os sorrisos da xente nova.
Un merecidísimo xantar no cume do ceo, no monte Aloia foi o colofón de remate a este fermoso irmandamento.
Despedidas, intercambio de enderezos de Twenty e un ata logo, vémonos en Poio acompañados dun poema de Marga do Val (Caricia case imperceptível...).
Graciñas a todos eles polo agarimoso encontro, polos textos e polos peixiños das monxas encerradas.


Irmandade "Pedra do Acordo" (Tui) - "Os trasnos dos libros " (Poio), II on PhotoPeach

23.5.12

OS TRASNOS DOS LIBROS VISITAN AO CLUB PEDRA DO ACORDO DE TUI

Os alumnos do club de lectura do IES de Poio "Os trasnos dos libros " realizamos hoxe un marabilloso encontro cos alumnos do club de lectura "Pedra do Acordo" do IES San Paio de Tui.
A poesía, a paisaxe, as pedras góticas, medievais, os vellos libros da biblioteca do Seminario e o sol resplandeciente nos acompañaron nesta visita:


O RÍO
Caricia case imperceptível
sangue
erguida ao sol
desde o seu centro 
a cidade
Coa calor que lle tira a fala
Coa néboa que lembra que ten a voz tomada

Non somos nada
sen o río.

Marga do Val  A cidade sen roupa ao sol

16.5.12

O TENDAL DAS LETRAS (Letras galegas 2012)

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2012, o alumnado de 2º de ESO (A, e reforzo de C e D) e de diversificación de 3º de ESO do noso centro realizaron unha actividade que nos chegou da man de Paz Pereiro do IES Ribeira de Louro; ela nos proporcionou a idea  e os patróns e nós, postos en marcha seleccionamos os poemas e a traballar:
Moitos dos poetas galegos, os seus textos están plasmados no noso tendal que nos serve para agasallar ás nosas letras e, quedan moi "monos" pendurados na nosa biblioteca, xa nos diredes se non vos inspiran para falar de poesía en galego:


O TENDAL DAS LETRAS on PhotoPeach


 polo menos inspirarin aos MEIGOS que coma Merlín nos acompañaron no día de hoxe, onde?????
NA BIBLIOTECAAAA:



 

3.5.12

Recibimos ao escritor RAMÓN CARIDE OGANDO

Esta mañá tivemos o encontro co escritor Ramón Caride Ogando que amablemente nos falou da súa traxectoria no mundo da literatura, desde aquela primeira novela de xénero: Xogos eléctricos de hai vinte anos ata a súa máis recente publicación Exogamia 3.0.
Os rapaces fixéronlle preguntas relativas á súa obra en xeral e en concreto desta última que tiñan lido; falouse do porque do xénero escollido (relatos), da temática ecolóxica, dos finais abertos a mantenta, dos personaxes (algún deles curiosamente coindientes, nalgúns dos seus aspectos como nomes, actuacións... coa realidade), da explotación dos nenos, etc.
Caride explicoulles que basea os seus relatos en feitos reais, ensinoulles unha serie de noticias publicadas nos xornais, as cales utilizou para documentarse ou que mesmo lle proporcionaron ideas para os argumentos dos relatos; o fío común que os une é as inxuntizas que se cometen no mundo, a explotación dos demais, a manipulación dos homes e das mentes.
Os alumnos fixeron as súas críticas á obra (positivas e negativas), e el confirmounas ou rebateunas con moi boa disposición. Grazas por acompañarnos sr. Escritor.


Visitounos Ramón Caride Ogando on PhotoPeach

2.5.12

LOS JUEGOS DEL HAMBRE: Novela e filme

En Barcelona, na posta en común, os chicos e chicas dos nosos clubs "En el país de Alicia", reflexionan e debaten sobre a novela e o filme do último best-seller da literatura xuvenil: Los juegos del hambre:

30.4.12

LECTURAS DEBUXADAS no club de lectura de Banda Deseñada

Estamos lendo Emigrantes, unha obra de Shaun Tan. Emigrantes
é un libro ilustrado sen palabras, unha novela gráfica silenciosa. A través dunha serie de imaxes conectadas, conta a historia dun emigrante anónimo que deixa o seu país natal en penosas circunstancias, cruza un océano ata chegar a unha nova cidade e aprende como vivir nela.
Na última sesión charlamos sobre os comentarios de Shaun Tan relativos a súa obra: 
"Unha das razóns fundamentais polas que decidín prescindir do texto foi destacar este principio: o protagonista non pode ler nin comprender nada, así que o lector tampouco debería poder."

"O estilo das ilustracións xorde sobre todo desas vellas fotografias cor sepia, auténticos documentos da vida social dos séculos xix e principios do xx, e dalgún modo o libro compórtase como unha película muda, silenciosa."
"Confío en que o meu libro se "lea" en parte, como unha novela sobre inmigración, pero tamén que vaia máis aló de calquera cuestión social: que se entenda como as circunstancias poden cambiar inevitablemente na vida de todos nós, e como as persoas aprenden a adaptarse e a aceptar as novas situacións, sen importarlles o estraño ou desconcertante que parecen ao principio."
En xeral, aos alumnos gustouelles Emigrantes, resultoulles diferente, novedoso na forma de comunicar e de contar historias. Algúns deles, os que tamén emigraron e viviron unha situación similar, sentíronse moi indentificados coa obra. Foi unha reunión entretida e interesante!

28.4.12

FEDERICO MOCCIA COS TRASNOS DOS LIBROS. SAN JORDI 2012

Este ano celebramos o Día do libro en Barcelona onde acudimos ao encontro cos centros cos que compartimos o noso proxecto ARCE "En el país de Alicia".
Os nosos trasnos tiñan especial interés en coñecer a Federico Moccia pois o curso pasado léramos no club Tres metros sobre el cielo e as súas espectativas víronse recompensadas: despois de moitas voltas e reviravoltas á Praza de Cataluña atopámolo,  puideron mercar o seu último libro, asinalo e facer fotos con el.
tamén nos adicou unha sinatura para a nosa biblioteca.
Felices todaaasss.


Sant Jordi 2012: Especial Federico Moccia on PhotoPeach

15.4.12

O SORRISO DE LUCÍA

  

   Lucía estudia 1º de ESO no noso centro, ela e máis as súas amigas visítanme con frecuencia na biblioteca durante o tempo de lecer, veñen facer os traballos de Cousas de Castelao que lles encargou o profe de galego,    a estudiar a última lección, pídenmme que as axude a localizar Memorias dun neno labrego ou Fortunato de Transmundi pero tamén reclaman o último tomo da saga de Crepúsculo, Amanecer, unha e outra vez pois alguén o levou en préstamo e non o dan devolto; pacientemente esperan e lévanno elas.
   Antes das vacacións de Semana Santa pedíronme "El asesinato del profesor de matemáticas" (imaxino que sen idea algunha de perpetrar a historia) pero non o tiñamos: 
   - Podo ofrecervos o asasinato da profe de lingua - díxenlles, pero xa o leran.
   Tamén solicitaron unha obra que eu non coñecía: "Canciones para Paula", sabían o autor, que eran tres tomos, vendíanos en Carrefour... desbordábase a súa ilusión por lelos e non puiden resistirme, prometinlles que mercaría os libros para a biblioteca.
   Durante as vacacións  achegueime ao hipermercado e atopei os libros, eran 20 euros cada un e decidín que os mercaría nunha das nosas librerías por aquilo de darlles ganancias e axudarlas a sobrevivir.
   Á volta viñeron buscar os libros, expliqueilles o motivo de non telos comprado e prometeron volver esta semana próxima (mais sei que xa desconfían, miráronme con incredulidade, notei a súa decepción). 
   Onte por fin achegueime á nosa librería de sempre (e aínda me fixeron desconto...), mañá luns espero a visita de Lucía e as súas amigas e gozo imaxinando o seu sorriso de pracer, sei que ese sorriso compensará as moitas horas de traballo na biblioteca, a redacción de proxectos para conseguir subvencións, que esas axudas regalaranme a ledicia de Lucía e as súas amigas; entón o meu traballo terá un sentido moi importante e moi, moi pracenteiro porque o compartirei con Lucía, as súas amigas e o seu sorriso.

26.3.12

"O LIVRO QUE SÓ QUERIA SER LIDO"

"O Livro que só queria ser lido", uma adaptação do conto homónimo de José Jorge Letria, p'los Valdevinos - Teatro de Marionetas :




Sinopse:
Era uma vez um livro que teve o seu tempo, que esteve na moda, que passou de mão em mão, que teve leitores apaixonados e depois acabou na prateleira do esquecimento e da solidão; alimenta apenas um sonho: o de voltar a ser lido, que é uma forma de ser amado.
Na sua solidão, teve por companhia cúmplice uma velha máquina de escrever, também ela condenada ao esquecimento. Juntos, foram encontrando formas de ultrapassar a tristeza de se sentirem esquecidos.
O Livro que só Queria Ser Lido, é um elogio do livro e da leitura e transmite uma verdade essencial: os livros partilharão sempre connosco, pela vida fora, a magia da aventura e do saber.

FONTE: Biblioteca Municipal de Portimão.

25.3.12

Reunión do grupo de 4º de ESO: O tipo de lector

O pasado xoves tivemos a reunión coas chicas do grupo de 4º de ESO; despois do "cuase" fracaso das últimas sesións -pois coincidimos con saídas didácticas/ excursións-  nesta ocasión tampouco tivemos moita sorte xa que logo coincidimos co exame de matemáticas (Horrrooorrr...) e algunhas das chicas estaban máis nas ecuacións que no Clan da loba.
Vistas as circunstancias decidimos tomalo con calma e as dez que se presentaron cubriron a súa enquisa  " Que tipo de lector eres" publicada en red pola colección "El árbol de la lectura"; dos nove posibles resultados: Relatos curtos, novela histórica, novela romántica, fantasía, ciencia ficción, aventura, realismo, misterio e super-lector ao fin hai moita variedade; predominan igualmente os lectores tipo aventura e misterio, temos dous super-lectores, un lector realismo e outro de ciencia-ficción.
Mais o mellor foi a avaliación que as mesmas lectoras fixeron dos resultados da súa enquisa e non estaban "para nada" de acordo co tipo que lles correspondía, sobretodo Rita que non saíu super lectora e cónstanos que a que máis cumpre co perfil.
Finalmente quedamos de volver reunirnos xa despois das vacacións de SS co libro rematado e coas conclusión para o que se lles entregou a cada unha un cuestionario para facilitar a reflexión e a valoración da novela.
Rematada a sesión algunhas das chicas quedaron na biblioteca e estivemos conversando sobre o tipo de libro que queren ler no derradeiro trimestre, saíron varias opcións: contos de fantasmas, Jane Austen, de saír a continuación de Reckless ... Pensarémolo nas vacacións.

17.3.12

OS TRASNOS DOS LIBROS (2º BACH.) FOMOS AO TEATRO


Onte pola noite, un pequeno grupo dos trasnos de 2º de bacharelato asistimos á representación teatral da comedia PELOS NA LINGUA posta en escea pola compañía TALÍA TEATRO.

Moitas gargalladas e bo ambiente acompañáronos durante a obra; desde o mesmo inicio divertímonos cos sketches que esaxerando os tópicos sobre usos e abusos da lingua galega (non por tópicos menos reais) achegábannos a esceas esperpénticas relativas aos prexuízos lingüísticos.

Os nosos trasnos gostararon da obra, os seus sorrisos á saída falaban do disfrute, agora xa menos emocionados deben facer unha profunda reflexión sobre os valores e as actitudes cara a lingua de moitos galegos,  postas de manifesto na obra.


En breve iremos publicando as opinións individuais dos nosos trasnos sobre a obra:

PATRICIA:
A min a obra gustoume moito, porque ademais de ser divertida e moi entretida , fainos  sair do teatro reflexionando sobre o que faremos mal para que o galego se atope nesta situación e qué poderiamos facer nós para solucionalo.Tamén penso que o traballo dos actores ten moito valor, porque é moi difícil cambiar de personaxe tan rápido.
JOSÉ ANTONIO:
A miña valoración da obra é positiva. A obra foi orixinal, pero non no sentido de innovadora, senón que soubo adaptar moi ben os tópicos sobre o galego e a situación de Galicia pero desde outro punto de vista menos serio e máis humorístico. As reflexións que se fan na obra da situación coa lingua galega son bastante significativas e a ter en conta.  

7.3.12

PRIMEIRA SESIÓN DO CLUB DE LECTURA DE CÓMIC: LECTURA ILUSTRADA DE JUANJO SÁEZ

Hoxe fixemos a primeira sesión adicada ao cómic de Juanjo Sáez El arte. Conversaciones imaginarias con mi madre. Foi unha reunión especial na que cada un dos membros do club de lectura trouxo un obxecto que lle representara. Ditos obxectos foron variados: unha escultura, unha tatuaxe, dous Blackberry, unha axenda, un anel...
Cada un expuxo a razón pola que lle representaba ese obxecto. Logo chegamos a conclusión de que a arte consiste xustamente neso, en representar.
Comentamos tamén como na obra de Juanjo Sáez sae a concepción da arte como aquelo que nos fai sentir algo, que nos provoca sensacións, igual que unha paisaxe ou unha posta de sol. Ademais comentamos como os artistas son coma “nenos grandes” que precisan empregar a imaxinación, pero como ben sinalou Rosa “os artistas son capaces de usar a imaxinación para crear e a madurez ou o sentido común para outros aspectos da vida...”.

Destacamos estas citas dos dous primeiros capítulos do libro:
-    “O arte é unha fiestra aberta a lugares descoñecidos
-    “ Calder é unha sensación. Calder é unha lembranza da infancia”.

3.3.12

Niquea, Carme, Andrea e Paula andan en tempos de María Castaña

Niquea Outeiral Galiano (2º ESO B)
Paula Sanmartín Freitas (2º ESO C)
Andrea Magariños Prieto (2º ESO C)
Carmen Castro García (2º ESO B)
preséntannos o seu traballo de investigación sobre a lendaria figura de MARÍA CASTAÑA.


Elas van presentar este pequeno ensaio ao concurso 
organizado polo CEIP Celso Emilio Ferreiro que ten como tema central a historia do noso país (certame do que o curso pasado xa foron gañadoras, 3º premio)

En tempos de María Castaña



A pena dos cabaleiros.

Buscando aquí e alá soubemos da Pena dos Catro Cabaleiros, a máis de 1.100 metros de altura. Está entre os concellos de Pobra de Brollón, Folgoso do Caurel, Incio e Samos. Pódese ver desde o alto toda a Terra de Lemos e a Serra do Courel. É moi abondosa a vexetación e hai moitos animais que non se acostuman ver nas zonas máis poboadas; xabarís e corzos. Segundo puidemos ler, na Pena dos Catro Cabaleiros reuníanse os nobres de Pobra de Brollón, Folgoso do Courel, Incio e Samos antigamente.
Serra do Courel
pero non todos eran nobres: a maior parte da poboación de Galicia era campesiña, xunto con artesáns e mariñeiros. Na parroquia de Cereixa, había tamén gandeiros que tiñan unha ou dúas vacas e algunhas ovellas.
Había tempo que houbera una epidemia de peste e a xente andaba polos camiños rezando e pedindo a Deus que se apiadase dela, que non era merecedora daquel castigo. En moitas aldeas a xente morría e cada vez estaban máis abandonadas as leiras. María Castaña perdeu a súa nai naquela epidemia e agora volvía outra vez a peste e outra vez a xente estaba triste e preocupada polas consecuencias que se adiviñaban. Hoxe dicimos “en tempos de María Castaña” cando nos referimos a unha época moi antiga, fai moito tempo…

Don Pedro, o bispo de Lugo, non tiña piedade, pois os impostos aos que tiña dereito esixíallos aos campesiños aínda que estes fosen pobres e estivesen tristes ao ter perdido a familiares por culpa da peste. A paisaxe da Pobra de Brollón e a da aldea de Cereixa mesmo parecía que cambiara; os días de sol non parecían que fosen de sol; os días de festa non parecían que fosen de festa. Polas noites María Castaña non durmía pensando en que habería que facer algo. Os cabaleiros daquelas terras non colaboraban, pero tamén estaban contra Don Pedro, o bispo de Lugo, porque ambicionaban as súas riquezas.
Unha mañá, moi cedo, María Castaña chamou á porta dunha veciña para dicirlle que quería falar con ela. Edelina, que era como se chamaba a súa veciña, quedou espantada co que oíu: María quería levar ata o Castro dos Cabaleiros a todos os veciños que quixesen loitar contra o bispo, armados con chuzos e fouces, con paos e forcas. Chamaron o marido de Edelina e a un sobriño chamado Bertomé. Este avisou a un amigo seu chamado Lope e este a outros, mozos e mozas, homes e algunhas mulleres, animadas pola valentía de María Castaña.
Algúns choraban porque crían que aquilo non ía acabar ben; outros rezaban, outros dicían malas palabras alporizados como estaban. Cansos de pagar impostos, de ter desgrazas, de non recibir compaixón de ninguén.

María Castaña ía diante, con Edelina e Bertomé. Os demais, uns centos, seguían polo camiño real, pasando por aldeas e parando para que se lles unise máis xente. Ás comarcas veciñas chegara a noticia e saían máis campesiños, mozas e mozos para unirse a María Castaña, que con decisión mandaba parar cando conviña e marchar cando o consideraba necesario. Así botaron varios días ata chegar á cidade de Lugo. Pero nas portas da cidade había soldados mandados polo bispo, avisado por algúns veciños que lle servían.

Houbo unha grande pelexa, morreron moitos, pero outros foron quen de escapar e esconderse. O día seguinte volveron a reunirse preto da cidade, nunha carballeira onde María Castaña lles citara en caso de ter que dar volta. Alí decidiron enviar un mensaxeiro ao bispo para explicarlle as súas queixas. Dous mozos e un home vello chegaron a Lugo e pediron permiso para falar co bispo, quen lles fixo agardar case dúas horas. Ao cabo, o bispo díxolles que actuaba en nome de Deus, que non se lle podía desobedecer porque el era a autoridade, que a recibira do rei. Prometeu, non embargante, ter en conta as queixas dos veciños.

Casa antiga no Brollón




Pazo do Bispo en Lugo




De volta, María Castaña e os demais, varios centos, escoitaron os emisarios. Non estaban ledos, pero sabían que tiñan unha forza que podería dar resultados. Estaban seguros de que o que lles pasaba era unha inxustiza e decidiron continuar camiño para convencer aos veciños doutras aldeas. A grande revolta estábase preparando; María Castaña tiña a convición de que conseguirían algo e soñaba con que na súa aldea se volvese a ver o sol, volvese a haber festas. Un día espertou e estábana esperando: eran uns soldados que a viñan deter para levala ante a xustiza. O soño de María esvaeceuse, pero recollémolo nós, que temos aprendida a lección. Unha muller, nun tempo onde mandaban os homes, soubo deixarnos un exemplo que non esqueceremos, aínda que sexa dos “tempos de María Castaña”.

28.2.12

PREPARANDO O ENCONTRO EN BARCELONA



Esta mañá comezamos a preparar a posta en común de lecturas para a vindeira xuntanza que nos mes de abril teremos en Barcelona cos compañeiros do proxecto ARCE, "En el país de Alicia".
En concreto estivemos reflexionando sobre as preguntas que levaremos á reunión refaridas á triloxía de "Los juegos del hambre".
Coinciden todos os alumnos en que a historia é unha mistura de literatura fantástica, novela romántica e reallity show que trancorre nun país do futuro que relacionan cun Estados Unidos (polo do Capitolio, os distritos-estado...); neste último aspecto estaría relacionada coas novelas de ciencia -ficción polos avances tecnolóxicos (as naves que van e ben, o control dos tributos por cámaras, etc.).
Relacionan tamén a historia co mito do Minotauro ao que en Creta se outorgaba a morte dos xoves do xeito en que nesta novela se ofrece a loita e morte dos tributos á sociedade. 
A acción desencadéase según eles por unha combinación de feitos e sensacións: Fame, medo, afán de poder ou protagonismo e como non o amor.
Posúen unha organización dos personaxes moi clara, os protagonistas son os principais pero comentamos outros que lles parecen moi ben perfilados na obra como o borracho (secundario), aquí quedamos, na próxima sesión comezaremos falando dos valores humanos nos personaxes secundarios.
Ata a seguinte visita.


25.2.12

Quando a morte se apaixona pelo violoncetista

" No dia seguinte ninguém morreu. O facto, por absolutamenten contràrio às normas da vida, causou nos espíritos uma perturbação enorme, efeito em todos os aspectos justificado, basta que nos lembremos de que não habia notícia nos quarenta volumes da história universal (...)"

(Así comenza As intermitências da morte de José Saramago, unha moi fermosa recomendación para gozar da súa escrita; e sabedes que lle tiña acontecido á morte?????).



(Para Carmen).

22.2.12

Compartindo lecturas: En Murcia len a Castelao

Seguimos compartindo lecturas cos nosos compañeiros do proxecto ARCE; no IES Juán Carlos I de Murcia están lendo Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete de Castelao, estamos encantados de que noutros puntos de España lean, interpreten e  valoren a nosa literatura.
Aquí vos deixo o enlace da entrada que sobre o relato publicaron no seu blog:

http://jc1leo-blog.blogspot.com/2012/02/un-ojo-de-vidrio.html?spref=fb