3.5.13

Recibimos a FRAN ALONSO e despedimos os clubs de 2º de bacharelato.

O pasado luns recibimos na nosa biblioteca ao escritor Fran Alonso para realizar a posta en común cos grupos de club de lectura de 2º de bacharelato arredor da súa obra de relatos Ninguén; ambos grupos quedaran desconcertados con algúns destes relatos, cos hoax e coas teimas de algúns personaxes.

Coa amabilidade e paciencia que o caracteriza, o escritor contestou ás preguntas dos chic@s, aclarou as súas dúbidas e explicoulles como xurdiran algúns destes relatos. Agradecemos de novo a Fran a súa comprensión e esforzo por achegarse aos seus lectores.

Este encontro serviunos tamén para pechar os clubs de 2º de bacharelato (os exames finais e a selectividade xa están á volta da esquina) e despedirnos despois de tres cursos LENDO XUNTOS, sentiremos esta separación pero a semente da lectura xa está plantada, esperemos que agrome.

Visitounos Fran Alonso on PhotoPeach

23.4.13

Un fermoso agasallo no Día do libro, as palabras de Agustín Fernández Paz.

Un verdadeiro agasallo que nos chega neste Día do Libro: as palabras de Agustín Fernández Paz dirixidas a todos e todas as responsables das BIBES de Galicia nas pasadas Xornadas de PLAMBE 2013. Volvo escoitalo e volvo emocionarme, unhas fermosas palabras que resumen o seu amor pola lectura, pola escritura, pola xuventude e polos mediadores da lectura:

 

Dragal e as lendas de dragóns: outra versión de San Xurxo no día de San Xurxo, "Día do libro".

Outra versión da lenda de San Xurxo e o dragón no día de San Xurxo (San Jordi en Cataluña, patrón da Comunidade Autónoma) no Día do libro:


"Diz a lenda que Jorge, guerreiro vindo da Capadócia, Turquia, teria salvo uma princesa das garras de um terrível dragão. Jorge, com sua espada, domou o dragão, que a princesa conduziu de volta a seu povoado como um manso cordeirinho. O misterioso cavaleiro disse ter vindo em nome de Cristo e que todos deveriam se converter. Por fim, o glorioso mártir foi condenado à morte por ter renegado os deuses do império. Durante seu martírio, Jorge mostrou-se tão inflexível que a própria mulher do imperador Diocleciano converteu-se ao cristianismo.


São Jorge é patrono da Inglaterra, Portugal, Geórgia e Lituânia."


                                                       
                                                                                  
                                                                                                                                                               Deseño: Óscar, 3º B

22.4.13

Primeiras impresións de DRAGAL

" Na miña opinión Dragal é unha triloxía interesante, ten unha lectura contemporánea pero cunha parte ambientada na medievalidade misturado con elementos mitolóxicos interesantes; está repleta de matices que animan a ler cada vez unha folla máis e case sen darme conta acabei os tres libros.
Espero con ansias a versión cinematográfica e que polo menos chegue á calidade dos libros o que é sen asomo de dúbida unha proeza."
                                                                                        Francisco, 3º ESO A.


                                                                            Carmen Ansín Vallejo, 3º ESO B

17.4.13

Non me gustou o final...

Creo que Ledicia Costas vai ter que volver redactar un final para O corazón de Xúpiter, senón os participantes no club de lectura de 3º de ESO, grupo 1 seguiranme protestando coma hoxe: tod@s coinciden que a solución final á trama da novela é moi realista, que pode acontecer pero non lles gusta ese remate; así comezamos a sesión desta mañá e por suposto descolocáronme toda a programación do encontro comezando polo final, ademais todos completaran a lectura e non cumpriran coas partes sinaladas... menos mal que pouco puidemos reconducir o debate!!!!!

Inicimos logo o comentario dunha serie de temas coa idea de que reflexionasen cara a sesión de valoración que será o vindeiro mércores:

Falamos do chat, da posibilidade de chatear con estraños e dos riscos que, como lle acontece a Isla, conleva; coinciden no perigo que supón quedar con descoñecidos pero un dos chicos afirma que se previamente contactas por teléfono xa non serán estraños, neste punto as súas compañeiras non concordaban. Insisten na conveniencia de non quedar e menos en lugares apartados ou pouco frecuentados. Tratouse o tema das festas na praia pero el@s só participan polo San Xoán que é o noso patrón.

Pasamos logo ao cambio de cidade e amigos e pensan que Isla debía sentirse moi soa ( " por iso lle gusta tanto a Astronomía"), que non se comprendía cos seus país (polo castigo inmerecido para eles aínda que entendan a actitude dos pais) e do problema do acoso de Carballo, dicían que ante unha situación así hai que falar cos pais para pedir axuda e nunca co profesor pois podía provocar represalias dos acosadores.

Tratamos de seguido do tema da homosexualidade e do lesbianismo de Mar e comentan que lles parece moi ben que ela non oculte a súa tendencia sexual, que ven con bos ollos que os xoves expresen a súa homosexualidade con liberdade.



Para a sesión de valoración quedamos en que lle darían voltas ao lugar onde acontece a novela, reflexionarían sobre porqué os astros levan nomes mitolóxicos, sobre as estrelas, sobre o listado de libros que se citan na novela e por suposto sobre a novela en si.

Pecharon a sesión tal e como a iniciaron, encantoulles a novela pero "Hai que cambiar o final!!!". falaremos coa autora....


10.4.13

Seguimos a voltas co portugués: Achegámonos a Melgaço.


Coma xa tiñamos programado, despois das lecturas e da sesión de iniciación ao portugués completamos a actividade  coa visita ao país veciño; no marco do proxecto Terra no día de onte e no de hoxe mesmo estivemos no concello de Melgaço acompañados dun amáveis guías que nos explicaron a historia, economía, a flora e a fauna e as tradicións do lugar.


O martes visitamos Castro Leboreiro e a Porta de Lamas de Mouro que dá entrada ao parque nacional Peneda-Gerês; no centro de interpretación ofercéronnos información sobre a flora e fauna do parque e logo estivemos no museo etnográfico de Castro Leboreiro e vimos as pontes románicas:



No día de hoxe paseamos polo casco histórico de Melgaço, subimos á torre da homenaxe e ao castelo e  recorremos os museos: "Museu de cinema"  e o " Museu mémora e fronteira",  este último dedicado á memoria do concello relacionada co contrabando e a emigración moi presentes nas vidas das xentes desta población fronteiriza:

Por suposto todas as interaccións lingüísticas cos nosos guías se realizaron en portugués. E aínda nos quedou tempo para mercar algún "livro":



Foi un visita moi produtiva e enriquecedora
Vídeo de Viaxe A MelgaÇO: BIBLIOTECA’s trip to Melgaco was created with TripAdvisor TripWow!

25.3.13

"O corazón de Xúpiter" de Ledicia Costas. Nova lectura no club de 3º de ESO




..."Contaban os vellos dunha recóndita aldea que o deus Lúa e a súa esposa Sol foran un matrimonio feliz  durante moitos séculos. Ata que el se namorou perdidamente da estrela Venus. Por máis que o intentaba non conseguía esquecer a Venus  e, por fin, acabou entregándose ao seu amor."... 


 Entre lendas, astros e estrelas preséntanos Ledicia Costas a súa protagonista: Isla, recén chegada ao seu novo pobo e ao seu novo instituto; o seu mellor amigo é un telescopio co que polas noites admira as estrelas e "como dúas estrelas que van acabar unidas porque ese é o seu fado" vaise atopar noutra galaxia ben distinta, a da Rede, a Xúpiter.

A novela:




Ledicia Costas:



Déixadevos acompañar por Isla, Mar, Anxo e os seus compañeiros de instituto, coñeceredes a historia de Casiopea e os camiños das estrelas que cintilan aló no alto.

21.3.13

IMOS AO TEATRO: ROMÁNTICOS


Na xornada de onte e como colofón á interminable semana de exames, dentro do marco do Salón do libro asistimos á representación da obra "Románticos".

A peza teatral de Mofa e Befa, Quico Cadaval e Piti Saez presenta un percorrido polos autores e personaxes máis importantes do movemento romántico coa fin de desmitificar o término "Romantismo".

En clave de humor, sobre a escea atopámonos con Lord Byron, Rosalía, Espronceda, Allan Poe e  outros, acompañados de personaxes "románticos" por excelencia como o toureiro de Carme, o Holandés errante ou Cirano de Bergerac que nos roubaron sorrisos e gargalladas.

Hoxe puidemos reflexionar sobre a obra, o papel dos actores e a súa versabilidade, narración e diálogo, a mistura de teatro culto e teatro popular, a escenografía, o tratamento do tema... e canto máis falabamos máis encantados estabamos da obra - coma cando falamos dos libros- realmente todos e todas quedaron moi satisfeitos do espectáculo, tanto que xa queren repetir.

Relaxámonos e gozamos da obra, aprendemos e lembramos; vede aquí o relato en imaxes:


Imos ao teatro: Románticos on PhotoPeach