18.9.15

OS TRASNOS DOS LIBROS ESTANSE PREPARANDO PARA INICIAR UNHA NOVA CAMIÑADA ENTRE LECTURAS.

Boas a todos e a todas "Os trasnos dos libros" do IES de Poio:

A nosa coordinadora, a profesora Montserrat Bragado e mais eu, Anxos Rial,  xa estamos dándolle voltas ao proxecto para os clubs de lectura deste novo curso; estamos organizándonos e  a vindeira semana colocaremos nas aulas a convocatoria para que vos anotedes.

Tamén nesta semana presentaremos o proxecto á aprobación do Consello Escolar. Teremos como xa é habitual o club de comic, o club de narrativa en galego e con un pouco de sorte teremos caras novas á fronte do club.

Esperamos que sexades moitos e moitas os que vos animedes a acompañarnos nesta colorida e marabillosa camiñada polo mundo das lecturas.



Os trasnos dos libros en San Jordi, Día do libro, Barcelona.

30.6.15

Lecturas do Irmandamento de clubs de lectura

No Irmandamento de clubs de lectura "Aquí lemos xuntos" (do Ies de Catoira) e "Os trasnos dos libros" (do Ies de Poio) realizamos un percorrido por sitios emblemáticos do Concello de Poio onde realizamos lecturas explicativas dos lugares. Aquí vos deixamos unhsa fotografías dos folletos creados para as lecturas...



E aquí vos deixamos o enlace de "Aquí lemos xuntos"

25.6.15

O club del lectura de 4ºA convértese en Hotel

Como culminación ao grupo de lectura de 4º da ESO A, coordinado por Mª Elena Costas Crespo, os membros do club asistiron a un taller impartido pola empresa de eventos “Elefantes de Cacharrería” e, posteriormente, desfrutaron da posta en común das súas impresións sobre a obra lida Hotel Almirante, de Marta Rivera de la Cruz, recreando o espírito deste lugar.







23.6.15

Irmandamento clubs de lectura: “Aquí lemos xuntos” e “Os trasnos dos libros”, Poio, 2015.


Encontro de clubs de lectura "Aquí lemos xuntos" e "Os trasnos dos libros"


Esta semana tivemos o pracer de recibir en Poio aos nosos compañeiros e compañeiras do club de lectura "Aquí lemos xuntos" (http://aquilemosxuntos.blogspot.com.es/) do CEIP Progreso de Catoira.

Foi unha fermosa experiencia de irmandamento a través das lecturas: compartimos, recomendamos, xantamos, rimos e tirámonos na tirolina:
Pola mañanciña acudimos á estación de RENFE para recibir aos nosos convidados, espectación e nervios, parecíalles que o tren se retrasaba...

Despois das presentación dirixímonos a visitar o Mosteiro de Poio, o claustro, o hórreo e á nosa Trahamunda (patroa da nostalxia) e dalí achegámonos a visitar Combarro; tanto no mosteiro coma en Combarro realizamos unhas lecturas relativas á historia e datos turísticos da zona.

Logo fomos xantar a unha zona arborada, pois a calor era moita, e despois do xantar fixemos un intercambio de agasallos (pins, marcalibros, comics, recetarios de cociña...) para logo reunirnos e grupos e realizar as recomendacións lectoras para o verán; cada un de nós levaba un libro, ou varios, para presentar aos compañeiros.

Pola tardiña e logo dun paseo á beira do mar despedimos de novo na estación aos nosos convidados coa promesa de ir visitalos a Catoira no comezo do novo curso.

Un marabilloso día para todos e todas...


22.5.15

VII edición do Premio Jules Verne, premio Xerais de literatura xuvenil :

Aí estamos, no xurado, toda unha experiencia enriquecedora:

"O xurado da VII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil , dotado con 10.000 euros e no que concorren vinte e tres obras, está formado por: Anxos Rial Vidal (profesora e coordinadora dos clubs de lectura do IES de Poio), Xesús Pena Pérez (licenciado en química. Participa nos xurados dos premios Xerais a través da convocatoria aberta que se fixo no blog de Xerais), Noemí Lage Redondo (alumna de 4º de maxisterio en Lugo ), Itziar Fernández Sömme (alumna de 2º de Bacharelato no IES Castro Alobre de Vilagarcía), Nicolás Teixeiro Garrido (alumno de 4º da ESO no IES Terra de Turonio de Gondomar) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto."

20.5.15

A NEVE INTERMINABLE de AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ no club de lectura de 3º de ESO



E para rematar o curso cun sabor "inquedo" e deixarnos enganchados para o seguinte, escollemos ao noso autor, o I premio dos Clubs de lectura, 2015: 

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ, coa súa última obra, A NEVE INTERMINABLE.


E cun certo sabor a Anxel Fole e os homes atrapados pola neve que contan historias en "A lus do candil", ás historias de  Lord Byron e á Mary Shelley de "Frankestein", o mundo do cine como elemento motor (ese cine adorado polo autor), os personaxes varios (os reais e os do alén, ou os que volven do alén), os espellos que unen mundos e que serven de paso a seres míticos sedentos de...sangue (iso si, moi cultos eles), as casas encantadas coma a do mítico xa "Cartas de inverno", a paisaxe galega do rural, a hospedaría que esconde segredos (coma a de "A rateira" de Agatha Christie?)b... referencias literarias e artísticas para contarnos historias de medo na escuridade, no frío, nas terras lucenses...

Nas palabras do autor nunha entrevista que lle fixeron no Faro de Vigo (20/04/2015):" Gústánme os contos de medo e as películas de medo" e iso, medo do bo, é o que quere contaxiarnos con esta novela. 
Pero non debo adiantar máis ca estes pequenos indicios para abrir boca á súa lectura...

Algúns enderezos do blog de Xerais para orientarnos sobre a novela:

http://blog.xerais.gal/2015/cando-a-razon-non-o-explica-todo-a-neve-interminable-de-agustin-fernandez-paz-critica-de-ramon-nicolas/

http://blog.xerais.gal/2015/feitos-que-desafian-a-razon-a-neve-interminable-de-agustin-fernandez-paz/