20.2.16

Carla e Sabela preséntannos "EUROPA EXPRESS" de Andrea Maceiras.


Esta semana no club de lectura de 4º de ESO tivemos unha invitadas moi especiais: Sabela e Carla, alumnas de 1º de bacharelato e participantes do Club de lectura de banda deseñada.

Acompañáronnos para presentarnos a obra de lectura deste trimestre, Europa express de Andrea Maceiras que previamente elas tiñan lido para a aula de lingua galega.

Estaban un pouco nerviosas e preocupadas por non adiantar nada sobre os feitos que acontecen na novela e custoulles comunicarse coas chicas de 4º de ESO pero finalmente fixéronno moi ben.

Escoitádeas: 
  • Carla: "A min este libro pareceume un dos mellores que lin ata agora, engancha moito e unha vez que empezas a lelo xa queres coñecer o final; a verdade é que me levou pouco tempo lelo e recomendaríallo a todos oa meus amigos. Eu penso que Andrea, a autora, soubo en todo momento que facer e como escribilo. O libro provocoume facer reflexións sobre a amizade, eu creo que os amigos non deben distanciarse como lles sucedeu aos protagonistas. Gustoume moito que o punto de vista fose o de todos os personaxes, que todos tiveran a oportunidade de dicir o que pensaban e que os lectores puidesemos saber como se sentía cada un tras a morte de Xacobe."
  • Sabela: " É un libro moi interesante que fai que vexas a historia coma algo cercano que nos pode pasar a calquera e esperta reflexións nun mesmo. A min déronmme ganas de facer unha viaxe cos meus amigos e desfrutar moito deles que son o mellor que teño. Este libro fala de amor, coa historia de Xacobe-Aroa-Nico como eixe, da felicidade que sentían ao viaxar todos xuntos por Europa. Tamén dá conta do crecemento, da madurez, da busca da identidade e da morte, circunstancias que fan que os personaxes sexan redondos e que evolucionen ao longo da obra por mor das situacións que viven, que os van formando".
Grazas pola súa aportación ás dúas.

16.2.16

COMEZAMOS CON "FULLMETAL ALCHEMIST" NO CLUB DE BANDA DESEÑADA


Comezamos nova lectura. Fullmetal Alchemist (“o alquimista de aceiro”) é unha serie manga escrita e ilustrada por Hiromu Arakawa. Todo transcorre nun universo ficticio no que a alquimia é unha das técnicas científicas máis avanzadas coñecidas polo ser humano; a historia céntrase nos irmáns Edward e Alphonse Elric, que queren restaurar os seus corpos por medio da pedra filosofal tras un errado intento de resucitar a súa nai a través da alquimia. Esta lectura debuxada foi proposta polo propio alumnado do Club de Lectura de Banda Deseñada, xa temos no grupo algúns fans da mesma... Falaremos e debateremos con calma sobre ela nas nosas sesións...

14.2.16

O CLUB DE LECTURA DE CIENCIA FICCIÓN NUNHA DAS SÚAS REUNIÓNS





Aquí temos ao Club de Lectura de Ciencia Ficción, coordinado pola profesora Mercedes Noya, do departamento de Francés. Este grupo de lectores está a ler "El nombre del viento", unha novela de fantasía épica escrita por Patrick Rothfuss. Ata o momento todos están disfrutando moito dunha obra que os mantén enganchados e con intriga...

O CLUB ESCOLA DE FAMILIAS PON RUMBO Á LECTURA: VIVENCIA E COMPARTIR




Continuamos un curso máis o Club de Lectura de Escola de Familias do IES de Poio, coordinado por Laura Malvar, orientadora do centro.
Iniciamos esta sesión empregando como recurso dinamizador uns globos, de tal xeito que cada integrante tivo ocasión de visualizar o achegamento ao pensamento adolescente, dun xeito vivencial, reflexivo e compartido.
Esta é unha maneira de achegarnos á lectura que temos entre mans, que aborda un tema que consideramos de moito interese para as familias, tema que aborda a importancia da autoestima. A obra seleccionada, pola súa claridade e concreción é “Mejorar la autoestima” de Carolina Narbón de la Villa e Ángel Márquez de Lara.

9.2.16

Lectura e fútbol danse a man. Galicia, campioa de España sub-17, feminino: Bravoooo Carolinaaaa!!!!!



Na próxima sesión do club de lectura de 4º de ESO de certo que falaremos de fútbol; a lectura e o fútbol non son incompatibles e Carolina Agulla do club de lectura de 4º de ESO 1 é o mellor exemplo:

Coas súas compañeiras vén de ser campioa de España sub-17, feminino e ademais é a terceira máxima goleadora do equipo con tres goles.

Desde o noso, o seu blog queremos felicitala e convidala a que comparta a súa medalla cos seus compañeiros dos clubs de lectura e do IES de Poio. Esperamos que nola traia na próxima sesión do club.

BRAVOOOO CAROLINAAAA!!!!!!!! Bravo a todas elas !!!!

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deportes/2016/02/08/galicia-campeona-espana-sub-17-femenino/0003_201602G8D12992.htm

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/poio/2016/02/09/perlas-poio-brillan-mejores-canteras/0003_201602P9C10991.htm


3.2.16

Medo no club de lectura de 1º de ESO


Hoxe no club de lectura de 1º de ESO tivemos un incidente estremecedor. Cando entramos ao noso centro de reunións, a escuras, atopamos a nova lectura sobre un arrandeadoiro antigo. O máis extrano é que, xunto aos libros, había unha bufarda de lá, en proceso e aínda colocada nas agullas, con doce franxas de cores diferentes... Como non somos medorentas nen medorentos, descubrimos que a nova obra é a historia dunha tecedeira. Que significará o número doce? Por que se titulará "A tecedeira da morte"?

Recomendamos a todas as lectoras e lectores do club que manteñan as luces acesas e lean na compaña dun adulto... polo que poida pasar...

Nova lectura: La tejedora de la muerte, de Concha López Narváez.

31.1.16

27.1.16

Club de lectura de 2º ESO: Un trimestre de medo

Xa estamos de volta, lectores e lectoras!

Titulamos esta entrada así porque neste segundo trimestre imos seguir coas historias de medo, pero de medo, medo e comezaremos lendo Cando petan na porta pola noite, de Xabier Docampo, un clásico xa da literatura galega. O libro non é moi longo, aínda se nos vai facer curto de máis...!

O próximo día que nos xuntemos comentaremos o primeiro conto, "O espello do viaxeiro" e xa vos contaremos o que nos pareceu.

12.1.16

"Que me sorprendeu, que descubrín e que sensacións produce ler "Engurras" de Paco Roca?




Hoxe pola mañá tivemos sesión do club de lectura de banda deseñada. Estamos a ler a obra de Paco Roca Engurras, editada por El patito editorial. Esta novela gráfica que conseguiu o Premio Nacional do Cómic consigue emocionar a lectores de calquera idade. Nela Paco Roca nos conta a historia de Emilio, un antigo empregado de banca, que é internado pola súa familia nunha residencia de anciáns, onde afectado pola enfermidade do alzhéimer vai a experimentar unha nova etapa da vida...

A todos os compoñentes do club de lectura gustoulles o cómic! Ata o momento sempre é esta obra de Paco Roca unha lectura con garantía de éxito...

Esta mañá falamos da enfermidade do alzhéimer, das residencias de anciás e dos “centros de día”, do coidado aos nosos maiores, do paso do tempo, da situación de dependencia para sobrevivir... E os alumnos fixeron unha listaxe con algúns aspectos que destacaron desta lectura, podedes vela no cadro...


Sorprendeume
Descubrín
Sensacións
- O rápido que vai a enfermidade.
- A técnica de debuxo (por exemplo, cando deixa as caras sen rostro para expresar a falta de memoria).
- O ben que se representa o peso da enfermidade.

- Como se senten os maiores.
- A tristeza que pode producir estar nunha residencia.
- A rapidez da enfermidade.
- Como é a vida nunha residencia de maiores.
- Como se sente alguén con alzhéimer.
- Alegría e tristeza.
- Desacougo.
- Empatía (isto o resaltaron case todos os alumnos).
- Tristeza.
- O medo ao paso do tempo.
- Angustia.
- “Medo a facermo vella”.


22.12.15

Resolución da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2015/2016.

Hoxe aos clubs de lectura tocounos a lotería coa resolución da convocatoria de Clubs de lectura da Xunta de Galicia:


Estamos encantad@s coa asignación aos nosos clubs maiormente porque a recibimos tanto polo proxecto que presentamos este curso coma polo traballo realizado no curso pasado 2014-15 e que foi recollido e presentado na Memoria dos clubs.

É un importante recoñecemento ao noso esforzo polo fomento da lectura neste ilusionante proxecto que compartimos tod@s, coordinadores e alumnado, e nais participantes, a cantidade é importante para nós pois axuda a poder manter un nivel de lecturas acualizado e facilitar os nosos desprazamentos para convivir con outros clubs de lectura.

Parabéns para todos e todas por este fermoso agallasallo que hoxe recibimos e que nos anima a seguir compartindo e falando de lecturas un ano máis.

E o noso agradecemento a todo o equipo da Asesoría das Bibliotecas Escolares Galegas por confiar en nós e no noso proxecto (http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/827)... e por escoller a foto do noso club para a noticia.