31.5.11

RECIBIMOS A QUALITY LABEL E-TWINNING : LIRE ET PARTAGER - LER E COMPRENDER.

 O PROXECTO E-TWINNING “LIRE ET PARTAGER- LER E COMPRENDER”  do IES de POIO e do LYCÉE MAURICE RAVEL de PARÍS reciben a “QUALITY LABEL” polo seu traballo común.

“LIRE ET PARTAGER- LER E COMPRENDER” é un proxecto centrado en intercambiar e crear a través de lecturas; alumnado de diferentes nacionalidades colaboran e interactúan nos seus procesos de aprendizaxe mediante as obras que len e os traballos que ambos producen.
As súas tarefas permítenlles formarse como lectores activos xa que reciben e xeneran informacións ao tempo que adquiren coñecementos lingüísticos das súas linguas respectivas e que as practican.
Alumnos de español do liceo francés e alumnos compoñentes do Club de lectura do instituto galego  (grupo de 1º de bacharelato) comparten lecturas de autores galegos fundamentalmente (Manuel Rivas, Agustín Fernández Paz, Rosalía de Castro) e españois ( Miguel Hernández), elaboran traballos TIC arredor destas que logo publican no seu Twinspace e no blog que comparten; están en contacto a través do correo electrónico e unha vez ao trimestre realizan un encontro virtual (chat) a través da plataforma e-twinning no que falan das lecturas (valoración, opinións...), dos seus estudos e afeccións.
Coa fin de coñecer máis en profundidade as súas culturas elaboran e publican na rede pequenas tarefas, presentacións de fotos, vídeos, que os ilustran sobre as súas cidades, os seus costumes, medios de vida, festividades, etc. Tamén se intercambian materiais a través do correo postal: libros, vídeos, etc.
Nas datas sinaladas e relacionadas coa lectura celebramos pequenas festas virtuais: O día do Libro, Haikus desde París ou a festa do Aninovo Chino.

As actividades están coordinadas polas dúas profesoras socias do proxecto (Arlette Joubert e Anxos Rial) e contan coa colaboración dunha profesora membro do mesmo (Josefa Piñeiro) que asesora aos alumnos en cuestións lingüísticas.

"O Selo de calidade (Quality Label) é un recoñecemento auténtico para os profesores e os seus centros escolares da alta calidade das súas actividades eTwinning. Para os alumnos representa un estímulo ao seu esforzo e para o centro escolar no seu conxunto, unha confirmación pública do seu compromiso de calidade e da súa capacidade e disponibilidade para o traballo de colaboración europeo.
Un proxecto, para acadar a Quality Label, ten que alcanzar o nivel de excelencia nos seguintes campos: (1) innovación e creatividade pedagóxicas, (2) integración no plan de estudos, (3) colaboración entre os centros escolares asociados, (4) uso creativo das TIC, (5) durabilidade e transferibilidade, e (6) resultados e beneficios. " (E-twinning).

Os resultados do proxecto poden consultarse nos seguintes enderezos web:



TWINSPACE: http://new-twinspace.etwinning.net/c/portal/layout?p_l_id=6087807


BLOG: http://lireetpartager-lerecomprender.blogspot.com/






2 comentarios:

  1. Moitos parabéns a participantes e organizadoras deste estupendo proxecto!

    ResponderEliminar
  2. Parabéns polo traballo realizado!

    ResponderEliminar