20.11.12

Irmandamento de clubs de lectura: Santa Trahamunda e San Paio puideron coincidir prisioneiros en Córdoba.

Pois xa chegaron e xa marcharon, tanto esperar a visita e voou co aire que nos venteaba en Campelo... pero que ben, como foi o encontrooooo. Arredor de 80 rapaces e rapazas, desde 1º de ESO a 2º de bacharelato de Tui, Porriño e Poio compatimos lecturas, palabras, risos, milagres da man de san Paio e santa Trahamunda, as pedras con historia do mosteiro, os hórreos e os cruceiros de Combarro, a tirolina de Campelo (que moito lles gustou a todos e todas) e os libros da biblio do IES de Poio e de sobremesa... a rosca de Nita.
A primeira hora da mañá xa estabamos na biblio repartindo as tarefas (as e os azafatas/-os: Henrique, Miguel, Paula e Nerea, as fotógrafas: Paula, Sofía e Carme, as repartidores de rosca: Silvia e Marco, os lectores: Laura, Paula, Nerea, Claudia, Adrián, Cristina, Noelia, Elvira... )
Cando os nosos invitados chegaron recibímolos cun forte aplauso e xa na biblioteca escoitamos as fermosas palabras da nosa vicedirectora e do señor Alcalde do Concello de Poio. A nosa concelleira de educación agasallou aos invitados cuns libros sobre Poio  e eles regaláronons unha alegre cantiga que crearon para nós:

Na biblioteca do IES de Poio
andan as zocas faladoras
e habitan os trasnos dos libros 
se te deixas por eles enfeitizar
verás coma sempre os vas lembrar.
Así nos pasou a nós
desde A Louriña e o Baixo Miño
tamén desde a veciña Sanxenxo
aquí quixemos chegar
para con vós neste día estar.
IES San Paio.

e xa que logo partimos hacia o mosteiro ao encontro da historia,  da arte e das lecturas sobre a saudade, na procura de Trahamunda, santa deste sentimento tan portugués e tan galego no versos do poeta tudense Xosé María Álvarez Blázquez:
Iste delor da terra, que me aruña
na outa cova dos soños onde teño
o meu segredo amor;

Mais na vila de Combarro estaba agardando por nós o historiador Andrés Dacosta para entregar un presente, un plano do Combarro antigo que celebra o 40º aniversario como patrimonio histórico-artístico. O bulicio da xente nova encheu as rúas e chegou ás cruces dos hórreos e aos Cristos e as Virxes dos cruceiros:
San Roque de Combarro
ten o tellado de vidro
que llo deu un mariñeiro
que se viu no mar perdido.

Chousas, veigas á beira do mar... estaban as mariscadoras plantando a semente dos "berbirichos" co lombo cangado, incansables, cos seus rastrillos arañando a pel do mar.
Xa era a hora do xantar "profe, cando comemos?" e alí marchamos, ao parque de Campelo onde nos agardaban... os parrulos, a tirolina, os campos de deportes, os ban-ban... bocatas, paseos, saltamos á corda e ás profes... gustoulles a tirolina.

Houbo que despedirse "profe, temos que marchar xa???", e as cantigas na despedida:

O mariñeiro no mar
tira polo cobertor
como che hei de dar cariño
se ti non metes amor.


E ao chegar ao instituto todos dixeron: "Profe, para o ano queremos ir a... Porriño".






3 comentarios: