12.3.11

COMEZAMOS A LER NOVO CÓMIC!


Esta vez decidimos ler manga xaponés. Presentámosvos a Kitaro, de Shigeru Mizuki. É unha obra enormemente popular en Xapón, onde case non hai neno que medre sen devorar a súas aventuras. Kitaro é o heroe emblemático dunha obra que se fixa nos monstros para falar dos homes. Apaixonado dos contos populares e do marabilloso que se filtra nos intersticios do cotián, Shigeru Mizuki sitúa aos yokai, uns seres sobrenaturais que poboan a trastenda do noso mundo, no centro dunha creación que oscila constantemente entre o fantástico, o humor e a poesía.




Shigeru Mizuki é un dos autores de manga máis coñecidos en Xapón e cunha longa carreira ás súas costas. Mizuki, cuxo auténtico nome é Shigeru Mura, foi un neno curioso e cunha infancia feliz. Encantáballe comer, debuxar e soñar esperto coas pantasmas dos que fala na súa recentemente premiada obra NonNonBa.
Con pouco máis de 20 anos, Mizuki foi recrutado polo Exército xaponés para participar na 2ª Guerra Mundial. Durante a contenda perdeu o brazo esquerdo e, sendo zurdo, tivo que aprender a usar o dereito para todo, incluído, evidentemente, debuxar.

A cidade de Sakaiminato, na rexión de Chugoku, e de onde é procedente Mizuki, erixiu unha rúa completa na súa honra, con 143 estátuas de bronce representado os seus personaxes,  e un museo dedicado á súa vida e obras.



No hay comentarios:

Publicar un comentario