10.11.11

OS CLUBS DE LECTURA IMOS AO CINEMA!

Onte pola tarde fomos cos alumnos ao cinema a ver As aventuras de Tintín: O segredo do Unicornio. Trátase dun filme para todas as idades cuxo protagonista é Tintín, o clásico personaxe de cómic creado por Hergé no ano 1930. O director gañador de varios Óscar, Steven Spielberg (Munich, A lista de Schindler), dirixe esta película animada que conta coa supervisión na produción doutro personaxe de culto como é Peter Jackson, gañador do Óscar polo Señor dos Aneis: O Retorno do Rei.

En xeral todos (profesores e alumnos) pasamos un intre entretido e divertido no que a miúdo podiamos escoitar as risas dos presentes na sala de cinema. As reflexións e comentarios que fixemos sobre a película son as seguintes:
-    É unha película divertida e entretida, no sentido de que che fai pasar  un intre hilarante e agradable.
-    Os personaxes eran altamente carismáticos, en especial Milú.
-    A adaptación do cómic ao cinema parece non fracasar no intento, senón ao contrario. Semella moi ben transmitido o ambiente propio do cómic, grazas á caracterización dos personaxes realizada por computador en posprodución, onde en especial retocan os narices dos actores. Tamén comentamos como a película utiliza a tecnoloxía motion capture en 3D mediante a cal se gravan as escenas con actores reais pero no proceso de posprodución os seus movementos transfórmanse en personaxes animados.
-    Os valores que transmite son:
        - "a loita e o esforzo son importantes para conseguir os obxectivos desexados",
        - "nunca te rendas, sempre tira para adiante porque sempre haberá unha opción",
        - a amizade,
        - a compresión e empatía cara ao  diferente ou enfermo (Tintín xamais xulga ao capitán por ser alcohólico, senón que trata de axudalo).

No hay comentarios:

Publicar un comentario