29.5.11

TEBEOS E DAVID RUBÍN

Na última sesión do club de lectura fixemos algo especial: estivemos na librería paz de Pontevedra na presentación da obra “El Héroe (volume 1)” de David Rubín. Nun ambiente familiar e agradable David contounos como este cómic era para el un “soño cumprido”. Contounos anécdotas persoais que nos fixeron rir, compartiu os aspectos biográficos que o levaron á realización desta obra e dedicou o libro a todos os que llo solicitaron. Entre as dedicatorias pedímoslle unha para o IES de Poio. Velaí a tedes (na foto á dereita).
“El Héroe” é un cómic que adapta libremente o mito dos doce traballos de Heracles, situando a acción nunha época fantástica indeterminada, que mestura pasado con presente e elementos de ciencia-ficción. Así, a diferenza do Heracles clásico, o de Rubín faio armado cunha katana, escoitando un reprodutor de mp3 (que ten un papel esencial nun dos combates, de feito), desprazándose en ocasións nun coche deportivo ou nunha motocicleta, protagonizando anuncios e portadas de revistas, e mesmo ten toda unha liña de merchandising sobre a súa persoa.
Neste cómic Heracles é o fillo bastardo de Zeus, un heroe que axuda ao próximo e ao longo dos anos é sometido a unha serie de retos que porán a proba as súas capacidades. Durante a historia veremos crecer a Heracles, e co paso dos anos irase dando conta das responsabilidades que leva a condición de heroe. Así, o primeiro "traballo" de Heracles no cómic execútao con nove anos, o segundo con dezaseis, e así sucesivamente; o "libro uno" reflicte até o noveno traballo, que o leva a cabo con 32 anos.

En fin, unha obra marabillosa, entretida e moi recomendable.



1 comentario:

  1. Sinto non vos ter acomapñado, seguro que o disfrutaría, preguntareille a Lucía e a Pilar.
    Anxos

    ResponderEliminar